Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Boicot si! Simple, non?
Van abrir unha panadaría nova preto da miña casa. Sigo o avance das obras con curiosidade. O local está a medio camiño entre o meu edificio e a estación de tren. Estes días, retomo a ruta habitual ata o traballo a primeira hora de mañá e fago reconto dos cambios acontecidos ao longo do verán durante a miña ausencia: un par de negocios novos, a pegatina dun grupo de música no pau dun farol, unha ventá iluminada onde antes non había nada, as novas quendas dos camareiros no bar para madrugadores fronte ao ximnasio... Regresando á hora do xantar, sorpréndeme apuntando ao ceo da rúa Alfredo Brañas unha bandeira palestina. En realidade, hai varias repartidas por toda a cidade. Grandes, pequenas; públicas, privadas. Nunca reparara nesta. Emocióname vela recortada sobre o azul ao final da miña primeira xornada de volta á normalidade. Golpéame no estómago o xeito en que racha coa paisaxe da miña rutina. Prometo non acostumarme nunca.
O presidente da Deputación de Pontevedra, o popular Luis López, rogaba insistentemente os días previos ao paso da volta ciclista a España pola provincia que non se boicotease a etapa na que participaba, unha xornada máis, o equipo Israel Premier Tech. “Como non decatarse de que o que hoxe é Gaza, onte era outro problema e mañá será calquera outro? Porque o que importa en realidade é sempre axitar unha pancarta?”, preguntábase nun vídeo institucional menosprezando o conflito bélico máis relevante das últimas décadas nesta parte do mundo. E concluía: “Dereito á manifestación, si. Dereito ao boicot, nunca. Simple, non?”. Imaxino, por desgraza, que o papel que xogan políticos coma López no momento histórico que vivimos non vai ser lembrado con nomes e apelidos o día de mañá. Lamentablemente, a culpa e a vergonza, como o masacre, carecen de rostro pasado un tempo.
Na mensaxe do presidente da Deputación, atopamos a simpleza oficialista coa que a dereita —galega, española, europea, mundial— se nega non só a condenar a Israel, senón que empregan para normalizar o que acontece en Gaza dende hai meses. Unha proba máis tivémola esta semana ante a negativa de Alfonso Rueda a condenar o xenocidio no Parlamento galego ou, precisamente, nas declaracións recentes de múltiples políticos do Partido Popular rexeitando falar de “xenocidio”, din, porque ignoran se o é.
Luis López, que ignora tamén por militancia, mencionaba no seu discurso informal o dereito á manifestación e convertíao rapidamente nun xesto domesticado, nunca disruptivo, tal e como lle gusta historicamente que sexa a calquera facción conservadora. Ou mesmo, se me apuran, a quen sexa que goberne. Quizais por iso hai moito que sinto que a institucionalización das protestas —e, moi especialmente, o activismo en redes sociais— serven unicamente para desmobilizarnos. De maneira física ou simbólica, unha manifestación debera constituír sempre un xesto violento, unha sacudida para quen está de ambos lados da pancarta ou da bandeira. Un corpo a corpo.
Quérennos dóciles manifestantes e sábennos case sempre obedientes. “Simple, non?”. Xa cansaredes de saír á rúa, parecen moumear detrás de tanta calma, con tan bos modais e frivolidade. Temen, en cambio, o boicot cando se fai carne, cando a masa solidaria camiña decidida cara a un mesmo obxectivo: quebrar o consenso que os protexe.
Os rostro das veciñas, veciños e activistas que boicotean xornada tras xornada a participación de Israel na volta a España tampouco serán recordados, pero sérvennos de exemplo. Dotan de sentido o feito de saírmos á rúa para protestar. Son os seus brazos enlazados os que apertan a boca do meu estómago cando vexo unha bandeira palestina ondeando en calquera vila ou cidade. Comeza setembro. A vida segue, a loita continúa.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0