Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Gobierno y PP reducen a un acuerdo mínimo en vivienda la Conferencia de Presidentes
Incertidumbre en los Altos del Golán mientras las tropas israelíes se adentran en Siria
Opinión - ¡Con los jueces hemos topado! Por Esther Palomera
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Chegar a presidente é-mérito

El nuevo presidente de la Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, conversa con su predecesor Alberto Núñez Feijóo, y el también expresidente Fernando González Laxe.

1

Antes de meterme en xardíns, quero empezar mandándolle unha fonda aperta e moita forza a Pedro Puy, a mellor cabeza -quizais tamén a máis grande- deste PPdeG recén descabezado. Supoño que a consciencia repentina de que estaba facendo presidente a Alfonso Rueda supuxo demasiado mesmo para el, ou quizais foi a felicidade de pensar: “Buff, safei…!”.

Recupérese axiña, que aínda así ha ter moito que palillar.

O infarto do portavoz popular foi o maior sobresalto dunha investidura soporífera e carente de calquera tipo de épica. O mellor resumo, a monumental lea á hora de facer algo tan sinxelo como votar, aínda que sen ningún Alberto Casero que lle puidese achegar emoción a un desenlace cantado. Poñer a Corina Porro a pasar lista parecía a peor idea posible ata que escoitamos a Alfonso Rueda ler a relación de autoridades que asistiron á súa toma de posesión.

Así que, á espera de coñecer o novo goberno -ao que xa sabemos que se incorpora Diego Calvo; Rueda elixe telo preto por se quere ser califa en lugar do califa-, atopámonos nunha situación anómala, pero cada vez máis habitual. Primeiro tivemos un papa emérito. Nos 90 cantabamos aquilo de “Semos / Agua Bendita / y queremos / que el papa dimita” sen saber que 1) tal cousa podía pasar realmente e 2) que de pouco serviría, porque non tardarían nadiña en nomear outro.

Despois veu o rei emérito, co que temos que aturar a dous monarcas, o que traballa… quero dicir, o que exerce, e o que podería estar agochado en Sanxenxo, unha hipótese baseada en que as wifis fallan e hai demasiada policía (se ese é o criterio, eu aposto a que se esconde no Casco Vello de Compostela). 

Papas, reis e agora, tras a dimisión de Feijóo, en Galicia tamén temos un presidente da Xunta e un presidente emérito, aínda que el preferirá que lle chamen senador, por aquilo de evitar as confusións…

O paralelismo entre estes dous últimos casos -os terreais- non é arriscado. O amigo especial de Corinna ocultaba a coroa e por iso non estabamos rodeados de monárquicos senón de juancarlistas. Feijóo facía o mesmo coas siglas do seu partido porque el non era tanto do PP como de Galicia (Galicia, Galicia, Galicia…). Tanto o eran, el e o seu equipo, que non agardaron nin a facer unha transición calmada para saíren correndo cara a Madrid ao grito de “socialdemócrata o último” en canto viron a porta aberta. A evacuación do Titanic case semella ordenada en comparación…

Haberá que ver se Alfonso Rueda obra o mesmo milagre que o actual monarca, xa que todos eses juancarlistas seguen sen ser monárquicos pero subitamente se reconverteron en filipistas. De Filipe VI, non de González, como Feijóo nos 80, cando todo era moi tolo. O noso emérito di que hoxe en día volvería votar polo que, segundo Cayetano Martínez de Irujo, foi “o mellor presidente que tivo este país, de lonxe” (si, amigas: todas fomos Dani Guzmán nese momento televisivo). Eu estou seguro de que González, se pode levar a papeleta de casa -ou usar unha desas cabinas que tanto lle gustaban a Paco Vázquez-, lle devolverá encantado o xesto tan axiña como se convoquen unhas eleccións…

As feituras do cargo -non tanto do poder, que iso aínda pasa por Ourense- poden axudar a Rueda neste obxectivo de captar fidelidades. Eu teño que admitir que dende que Feijóo comparece sen o atril de presidente da Xunta, o seu discurso semella ter menos peso. Onte, un dixital conservador de Madrid acusábao dun novo escaqueo, desta vez a conta do aborto e as baixas por menstruacións incapacitantes (quen contaba). Acompañaba o titular unha foto súa bebendo un grolo de auga. Non tardaron alén Padornelo en descubrir cal é o xesto co que trata de gañar tempo cada vez que unha pregunta o incomoda. Como non vin o programa de Bertín, non sei se alí tamén tivo que facelo moito; nin tampouco que había dentro do vaso…

Volvendo ao noso presidente non electo, unha ironía do destino fixo que tomase posesión en plena ponte das Letras Galegas. Igual por iso empezou citando a Paz Andrade, a Curros e a Castelao. El, que xunto a Ana Pastor -a muller do seu compañeiro de footing-, foi a imaxe do PP na famosa manifestación contra a “imposición lingüística” do bipartito. Alí estaban tamén Gloria Lago, Rosa Díez e Albert Rivera, xoguetes rotos da parapolítica tras cumprir o seu labor: abrir a porta para que pasasen os fascistas. Daquela, Rueda non parecía moi incómodo con eses compañeiros de viaxe. Ou, polo menos, non máis do que o está hoxe Mañueco…

Así que, mentres teña as mans libres de socios recentralizadores, un consello: se quere marcar paquete fronte á xestión do presidente emérito, xogue a carta das competencias. Por moi mal que o faga non vai conseguir menos transferencias, así que polo menos o empate xa o ten asegurado…

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats