Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Debate social sobre os dereitos dos vellos

Imagen de archivo de una residencia de ancianos.

0

Parece como se os debates sociais fosen tan efémeros como as mensaxes instantáneas da actual comunicación das redes sociais. Fixámonos agora na desaparición da esfera de comunicación, dos debates nos medios, e semella que do interese social, de todo o relativo ao que se denominou -de maneira cinicamente compensatoria e mesmo condescendente- “a situación dos nosos vellos”. Os que así se manifestaban non deixaron claro nunca cantos tiñan de seu, como repartían o cariño e de quen eran os vellos que non eran “dos nosos”. Deixando á parte este tema moi pouco agudo ou interesante, si é preciso retomar algunhas consideracións a respeito dos dereitos dos vellos sexan de quen foren, mesmo se só son deles mesmos. A pandemia deixou á vista unha serie de feitos penosos, con resultado de morte, acontecidos nas residencias de vellos. As mortes producíronse non necesariamente de forma natural e, pola contra, evidenciaron signos de abandono, desleixo e minusvaloración social. É dicer, a responsabilidade social -sexa colectiva/legal, sexa privativa das familias (tema aínda por dilucidar)- ficou totalmente en entredito, vistos os resultados da pandemia nas residencias. Así mesmo, quedou patente que as condicións de vida en certas residencias deixan moito que desexar, e, non obstante, non houbo quen respondera no plano administrativo/legal nen no político institucional. Non se tomaron medidas para paliar o que podemos denominar, sen nengún tipo de subtilezas, depósitos de vellos.

A consideración dos dereitos humanos só referidos a un colectivo determinado de cidadáns aptos forma parte da historia de Occidente nos últimos 250 anos. Os adaís da Revolución Francesa (1789) que cambiou o mundo occidental “esquecéronse” das mulleres para titular dereitos, só atribuídos aos varóns cidadáns. A partir de aí, fóronse producindo loitas sociais de distinta natureza (dos dereitos das mulleres, dos dos nenos, dos de cor non homologada…). No Estado Español aínda vive parte da xeración que non tivo acceso ao ensino (obrigatorio e universal) cando era menor. Os avances actuais na conquista dos dereitos humanos independentemente da idade do/a cidadán/cidadá han ir cara ao logro dos dereitos dos vellos. É dicer, conseguir o estabelecemento das condicións sociais precisas para seguir mantendo unha vida digna independentemente das condicións físicas ou psíquicas que se padeza, por razón de deterioración. A plasmación deste dereito é preciso que estea amparado por lei, en primeiro lugar, e executado coa mesma forza da lei, en segundo lugar. Os dereitos proclamados como letra impresa corren o risco de se esfumaren co papel: lévaos o vento ou dilúense coa auga da choiva. A única vía -útil e segura- é crear as condicións sociais precisas que dean cobertura ás necesidades específicas desa etapa da vida. Condicións sociais precisas para o cumprimento e garantía da existencia dun dereito humano, quer dicer, construír institucións, dotar orzamentos, lexislar condicións de servizos, harmonizar servizos municipais e controlalos nun órgao institucional superior (a Xunta), elaborar programas de esvaído das desigualdades, xerme de inxustiza social... E, así mesmo, examinar cais son as fontes da desigualdade de renda na idade madura.

Como en economía, e por tanto na sociedade real, todo está relacionado, é inútil gastar fondos públicos en residencias máis ou menos presentábeis para poboalas de vellos sen futuro nunha especie de mistura social co único elemento común da idade, a soidade, o desamparo e/ou unha renda disponíbel moi cativa. Iso chamábase nos colexios predemocráticos “pelotón dos torpes”, como no exército na etapa de ‘mili’ obrigatoria. No exército a aparencia de interclasismo entre varóns da mesma idade ficaba desvendada ao observar a clasificación por destinos e, neles, situacións especiais ou grupos de imposíbeis. Tamén hai desigualdade no ensino público e obrigatorio, mais é debida somente á ubicación territorial do centro e non á cualificación do profesorado que é exactamente igual en todos os centros. Mesmo os resultados académicos van depender da dedicación do profesorado na busca da excelencia e non ten correlación algunha coa suposta nobreza do edificio onde se imparte. Observamos este tipo de resultados na sanidade pública: a excelencia médico-investigadora en “La Paz”, “Val de Hebrón” ou “ Gregorio Marañón” (por só citar os grandes complexos hospitalarios do exterior galego) non depende do ano de construción nen do tamaño do aparcamento.

Ao igual que se construíu unha sanidade pública modélica mesmo entre estados de maior renda ‘per capita’ que este, estamos na fase de aspirar a deseñar e construír un sistema de asistencia a vellos que abranxa de forma global as necesidades desa parte da cidadanía. O destino dos fondos públicos a empregar en cobrir estas necesidades non precisa dedicarse a erixir ex novo residencias do tipo que sexan. É máis económico e respeitoso co viver en harmonía atender os vellos no seu propio domicilio cando isto é posíbel. É preciso crear -con persoal cualificado- centros de día para persoas válidas que precisen socializar. Requírese deseñar e crear centros sanitarios para enfermos idosos que precisen atención cuase continua e especializada. Cómpre controlar, harmonizar e garantir servizos en residencias públicas e privadas por concesión... E, finalmente, pero non menos importante, e como dixemos antes que en economía todo ten relación, en lugar de ameazar os traballadores con escaseza de fondos para pensións, cómpre ir eliminando a precariedade laboral para que os traballadores actuais fornezan dos fondos necesarios para o seu futuro. Tamén vale como solución para financiar estes dereitos mudar o sistema de pensións actual por outro modelo alternativo. No mundo europeo que nos rodea hai máis posibilidades. Mesmo o feito de elaborar unha lei de mecenado para que entidades ou persoas privadas con renda moi elevada convertan os seus excesos en beneficios sociais, podería ser un contributo neto á mellora da vida de vellos.

Dicíamos que desapecereceu do cenario público o problema do futuro dos vellos; ficou reducido ao silenciamento pola parte das empresas de comunicación que salvagardan a imaxe pública do goberno (autonómico ou estatal, tanto ten), para pasar a tratar como tema estrela o futuro das pensións, o problema que significan, a dificuldade para mantela..., nunha rolda circense de invitación a que os vellos se sintan aludidos e se vaian entregando ao camiño da desaparición silandeira. Á parte da violencia social que significa a personalización nos grupos etarios de baixa pensión dos problemas de débeda pública debidos ás razóns que fosen, de momento a cobranza dunha pensión despois da xubilación é (agora si cabe citar a UE) un dereito que en Europa non se discute, e se hai problemas de xestión dos fondos con ese destino non se amaña pensando na solución final: os mortos non cobran pensións. Movémonos no terreo dos dereitos humanos, non da solidariedade nen da conmiseración.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats