Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Un detalle menor sobre Palestina
Esta semana escoitei na radio a Joe Biden, no límite do paroxismo, comparando os atentados de Hamas co seu 11S, e veume á mente aquela imaxe case obscena dun Yaser Arafat xa ancián doando sangue para as cámaras ao día seguinte dos atentados, dicíndolle ao mundo que Palestina estaba coas vítimas estadounidenses, que podían contar coa súa axuda. Fíxoo nunha sala do hospital Al-Shifa, o mesmo que está a esta hora rodeado de todos os cadáveres que xa non lle caben na morgue. Fíxoo malia ser un xesto inútil, unha bolsa de plasma doada en Gaza que non ía servir para salvar a ninguén en New York, só para acougar a ira americana e, con sorte, non empeorar a situación na franxa.
Cada vez que alguén ousa defender o dereito dos palestinos e palestinas a vivir en paz, ten que xesticular moi forte e facer espaventos para demostrar que non apoia ningunha causa terrorista. A calquera que alza a voz estes días interrógaselle sobre a súa opinión con respecto a Hamas, a invasión da Ucraína, Putin e mesmo o Holocausto, coma se o noso desacougo ante os crimes de guerra de Israel impugnase dalgún xeito o noso código ético, e tivésemos que pasar un exame para demostrar equilibrio moral.
Unha das consecuencias non intencionadas desta cruzada contra a solidariedade dos pobos chegou a min en forma de novela, mercé o chamado efecto Streisand. A súa autora, a quen non coñecía a semana pasada, é a escritora palestina Adania Shibli. Un detalle menor conta a historia real da violación en grupo e asasinato dunha moza palestina a mans duns soldados israelís tras a primeira Nakba, en 1949, e o desasosego que o descubrimento deste suceso produce nunha moza de Ramallah na actualidade, que decide investigalo malia a dificultade de circular polos territorios ocupados. A narración desapaixonada, descritiva e abafante cativoume tanto, que unha vez comezado o libro custoume soltalo.
Cheguei a el como moita xente estes días, porque a feira do libro de Frankfurt decidiu pospoñer indefinidamente un premio que lle ían dar esta semana a Shibli, cuxa novela foi traducida a varias linguas e louvada en todas as recensións anteriores a outubro de 2023 que atopei. Nun comunicado inexplicábel, a organización da feira atribuía a súa decisión á guerra comezada por Hamas, e mencionaba de paso o sufrimento de millóns de persoas en Israel e Palestina. Que mellor momento para recoñecer unha voz que fala dese mesmo sufrimento? Adania Shibli xa non vai ser recoñecida internacionalmente, ten que calar e entender que non é o momento, que o sufrimento do seu pobo se ten que poñer á cola porque agora mesmo estamos pendentes do sufrimento das familias israelís, e non hai empatía abondo para todos.
Hai pouco comentoume un amigo que desde que ten fillos xa non pode ver determinadas películas sen que se lle revire o estómago e lle salten as bágoas. Eu calei porque me pasa o mesmo, pensei que era unha cousa hormonal, ou simplemente que son unha chorona, pero se cadra é unha vantaxe evolutiva que aínda non comprendemos. Estes días párome máis co meu fillo cando lemos o conto antes de durmir, doulle as boas noites e quedo uns minutos na porta do cuarto, tentando reter esa imaxe como se a nós tamén nos axexasen as bombas e a fame.
Despois virán os cínicos e preguntarán se acaso nos importan máis os nenos que morren en Palestina ca os que morren no fondo do Mediterráneo, outro cemiterio a ceo aberto. Que difícil relativizar, predicar iso de que uns problemas non desaparecen porque existan outros máis apremantes. Que difícil distinguir entre o urxente e o importante, como recomendo adoito nesta columna.
Que difícil escribir estas liñas mentres o meu fillo chora por unha perrencha inofensiva, e non pensar nas palabras de James Baldwin: “Os fillos son sempre os nosos fillos, cada un deles, en todo o mundo”.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0