Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
La trama amparada por Cerdán intentó influir en más de una decena de causas
El juicio paralelo de Andic: “Es más fácil contaminar a un jurado que a un juez”
Opinión - 'Una marea verde a la salida del Ventorro', por Raquel Ejerique
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Mulleres que comen de pé

Una mujer cocinando

0

Moitos días mamá comía de pé. Ou merendaba. Ou ceaba. Aínda que pareza contraditorio, comer de pé é un síntoma inequívoco de cansazo. Non consiste tanto en non ter tempo —ás veces tamén é iso—, como en estar alerta. O corpo predisponse para a batalla, prepárase para correr diante dun león. A metáfora do león é algo que compartimos case todos os que algunha vez intentamos saber como funciona a ansiedade, os que quixemos reconciliarnos con ela e aprender a vivir no mesmo cuarto. A ansiedade existe e é útil, dígome. As divulgadoras en psicoloxía explican que o seu mecanismo está ben porque nos avisa do perigo: quen di león, di serpe e quen di serpe, imaxino, di precariedade, desigualdade estrutural, falta de medios. Contra todo iso loitaba miña nai mentres comía de pé. Eu, agora que teño a idade que debía ter ela cando a recordo, acougo pouco tempo sentado á mesa, érgome case sempre coa última cullerada aínda na boca e se alguén me chama a atención polas présas, contesto que saín a miña nai.

Ultimamente o único sobre o que me apetece escribir aquí son os coidados. Preocúpame demasiado saber quen coida da xente que coida aos demais e, canto máis só estou, máis matino sobre a febleza da comunidade onde vivimos, na que uns medran mentres outros avellentan e a todo mundo lle parece arte de maxia que tales cousas acontezan por obra de mans invisibles. A inicios da semana pasada, un informe do Consello de Contas poñía de manifesto as eivas en materia de saúde mental que segue sufrindo a sociedade galega e destacaba a desigualdade económica como un feito determinante: as persoas con rendas baixas consomen máis ansiolíticos e antidepresivos. Segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade, o nesgo de xénero fai que a prescrición chegue mesmo a triplicarse no caso das mulleres maiores de 40 anos.

A vida de moitas delas “foi o tempo que transcorreu entre lavar no río as teas que servían de cueiros á xeración seguinte e ir relixiosamente á farmacia selar a receita dos cueiros da xeración que as precedeu”, traza magnificamente o arco a historiadora Ana Cabana no texto que acompaña o libro de fotografías Lumes, do lucense Adra Pallón. Cabana, igual que facía a investigadora Carmen V. Valiña no estudo Elas, as emigrantes, sinala como moitas veces o único modo de fuxir desa cadea extenuante foi a emigración e chama a atención sobre o xeito en que as fillas e fillos do longo éxodo rural das últimas décadas fomos educados coa aspiración suprema de non depender de ninguén e que ninguén dependa de nós.

Acadada por fin esa soidade tan longamente desexada, esa reviravolta perversa do sistema, agora mestúranse na miña cabeza as voces de miña nai e miña avoa: estuda, non cases, non teñas fillos, gaña para ti, viaxa... Corre diante do león! É incrible pensar como as arelas de toda unha xeración nos conduciron a un lugar idéntico e tan distinto. A muralla que forman os corpos das traballadoras aínda non rompeu. As súas mans —de carne e óso, pero invisibles— seguen coidado de nós —un cueiro atrás do outro— e téndense fóra para que as collamos cando as precisemos. É unha labor inxusta e extenuante e non soubemos romper con ela. Aínda non. Non aprendemos a coidar os uns dos outros e por iso o Estado non coida de nós.

Os datos amosan que algo rompeu dentro, na casa, preto da cociña, sobre a mesa onde comecei a escribir, e tamén fóra, no aire, na rúa, nos titulares. Moitos días mamá comía de pé. E estou seguro de que tamén a avoa. E detrás delas, e tamén aos lados, ringleiras inmensas de mulleres alzábanse co corpo enteiro en tensión entre unha tarefa e a seguinte. A todas elas, pediríalles hoxe que senten e mastiguen amodo. Que deixen repousar a comida e despois miren atrás e mais aos lados. Que vexan que non hai alí ningún león, senón máis mulleres cansas.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats