Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Pinganillos de encaixe
Unha das miñas pasaxes favoritas de 1984, o libro que George Orwell escribiu durante os xogos olímpicos de Los Angeles, é esa na que, despois de moitos rumores sobre a intención do goberno de reducir a ración semanal de 30 gramos de chocolate, as telepantallas anuncian a bado aberto que a ración aumentará… ata os 20. Os cidadáns saíron correndo a celebralo cunha chea de manifestacións “espontáneas”.
Xusto así era como os medios corrixían a Feijóo en Galicia, pero as cousas cambiaron ao cruzar o Padornelo.
Admito que, cando fago zapping, paso por Antena 3 tan á présa coma se atravesase un canellón escuro, con medo a que das sombras saia Pablo Motos preguntándome que me poño para durmir. Porén, o outro día atopei na rede antes coñecida como twitter un fragmento do informativo de Vicente Vallés en que atizaba a Feijóo pola súa predisposición a dialogar con Junts. Así que, cando entre o docu da 2 e First dates topei coa súa pupila azul, decidín deixar atrás os meus medos e facer unha pequena pausa.
Ese día, Feijóo falara da necesidade de atopar un “encaixe” para Cataluña dentro do Estado e as alertas do españolímetro entraron en Defcon 1. Vallés conectou en directo con Génova onde unha redactora daba conta dos esforzos das “fontes” do PP por explicar que non era nada novo, que xa estaba todo nas propostas que levara á reunión con Pedro Sánchez e que circulen, que aquí non hai nada que ver. Cando rematou, coa mesma cara que poría contando algunha falcatruada de Pablo Iglesias -real ou non, iso é o de menos-, o presentador amosou á cámara o documento que Feijóo presentara no encontro co líder do PSOE para demostrar que iso non era así.
Que estaba pasando? Non lle chegaran a Antena 3 os 20 gramos de chocolate que lle correspondían…?
(Inciso necesario para mentes malpensantes: o de repartir chocolate só pretende estirar a referencia do primeiro parágrafo, tan orwelliana como unha alerta no móbil do 112. Que Marcial Dorado nin que Marcial Dorado…!).
Feijóo, que só metera nos seus discursos algunha referencia ao encaixe cando visitou Camariñas, non rectificou. “Se non o fixen ante Silvia Intxaurrondo…”, debeu pensar. Así que saíu ao día seguinte co conto de que utilizara “a propósito” a mesma terminoloxía que os independentistas. Debe seguir sen entender o maremoto: cando Aznar dixera aquilo de Movemento Vasco de Liberación -trabucando as siglas, como Brian ante a Fronte Popular de Xudea- non se movera unha folla. Igual, porque era presidente do Goberno. Ou porque tiña bigote. (Deixar pelo no beizo superior axuda a parecer menos bisoño, igual que pintarse unhas canas).
Non é casual que Catalunya volva ser protagonista principal xusto cando as tres linguas oficiais do Estado tamén o van ser da UE e, por fin, poderanse empregar no Congreso alén deses “bo día” ou “obrigado” máis propio de turistas enrollaos que buscan confraternizar cos nativos (aínda que eses din “graciñas”) que de depositarios da vontade popular. Feijóo, o que pretende representar a España polo mundo sen falar inglés, non quere pinganillos no Congreso. A ver, tampouco imos descubrir aquí e agora o cariño que ten polo idioma propio…
E que dicir do seu sucesor, a quen lle toca defendelo e impulsalo por mandato do Estatuto..? O presidente da Xunta, morno coma sempre, non se opón a usar o galego nas Cortes (con maiúscula), pero cre que hai temas “máis prioritarios” e que se preguntamos pola rúa veremos que non é iso o que preocupa aos cidadáns da investidura. Debemos colixir, por tanto, que cando Rueda se manifestou en 2009 contra a “imposición lingüística do bipartito” -real ou non, iso é o de menos-, o risco de desaparición do castelán na Gallaecia superaba á crise e ao paro como principais problemas dos españois. Se non, non se entende.
Pero, se volvemos a Feijóo, aínda cabe outra posibilidade. Na textualidade do seu post, antes chío, lemos: “Non concibo un Congreso con pinganillos”.
Igual tan só está verbalizando o desexo de que Ayuso quede na Asemblea de Madrid.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0