Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Puigdemont estira la cuerda pero no rompe con Sánchez
El impacto del cambio de régimen en Siria respaldado por EEUU, Israel y Turquía
OPINIÓN | 'Pesimismo y capitalismo', por Enric González
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Retorno Dorado

El narco Marcial Dorado durante el juicio en el que fue condenado por blanqueo

Luís Pardo

0

Cando critican con acritude as películas de superheroes e todo o que as rodea, os integrantes da xeración que revolucionou o cinema dos 70 deixan ver que, aínda que non esqueceran isto de facer películas –quen queira unha mostra, aí ten 'The Irishman'–, si se lles escapa un pouco como funcionan as cousas hoxe, cando uns fotogramas dunha rodaxe ou un tráiler son case tanta noticia como unha estrea.

Se alguén domina con mestría por estes lares iso dos tráilers para crear expectación, ese é Jordi Évole. Metido nunha saga de películas carcerarias –máis preto de 'Cadea Perpetua' que de 'Tango e Cash'–, o avance da súa nova produción, que se estrea en plena precampaña das eleccións galegas, xa conseguiu marcar en vermello no calendario o vindeiro domingo, a catro días da pegada de carteis (ou do que sexa que se faga nos tempos da Marvel).

O protagonista é, quizais, o secundario máis desexado da política galega, e por fin vai ter ese papel principal que sen dúbida merece hai tempo. A súa imaxe, nun iate da súa propiedade –hoxe incautado– acompañado polo daquela número dous da Consellería de Sanidade é xa unha icona. Non se ve, pero van en bañador. El leva barba e un gorro que o protexe do sol. O alto cargo da Xunta, gafas Ray-Ban e un pegote de crema protectora sen estender no ombreiro. A foto foi tomada na ría de Vigo en 1998. Son Marcial Dorado e Alberto Núñez Feijóo. Hoxe, un deles é presidente da Xunta e opta ao seu cuarto mandato. O outro cumpre unha condena de 13 anos por narcotráfico. Cando se tomaron as imaxes, xa era un dos señores do tabaco da ría de Arousa. E todo o mundo sabe que fumar prexudica seriamente a saúde; cando non paga impostos, tamén á das finanzas públicas das que, entre outros, se nutre o Sergas, que daquela dirixía o mentor político de Feijóo, Romay Beccaría, Súa Sanidade.

“Eu non estaba ocultado co señor Feijóo. Sabíao todo o mundo”. A voz en off de Marcial Dorado resoa sobre o revelado da celebérrima instantánea. “Se durmes na miña casa, se a miña muller che fai o almorzo…”. O ton, o contido e ese toque cinematográfico que Évole lles dá aos seus programas fan imposible non lembrar unha escena xa mítica. “Vés á miña casa o día da voda da miña filla, a pedirme que mate por cartos”. Non pode ser casual.

Porque, ao final, a conversa que abre 'O Padriño', esa lendaria charla entre Vito Corleone e Amerigo Bonasera, non é sobre negocios –aínda que se estea encargando un asasinato que quedará en malleira–: vai de amizade e respecto. “Xa case nin lembro cando deixaches de invitarme á túa casa a tomar café, e coido que a miña muller é madriña da túa filla; pero falemos claro”, di don Vito: “Nunca quixeches a miña amizade. Asustábate ter relación con nós”. No avance do programa, Dorado semella compartir esa mesma dor respecto a Feijóo. As súas frases pódense enlazar nun diálogo.

-Se tiveses mantido a miña amizade…

-Eu considerábame amigo.

-Que fixen para que me trates con tan pouco respecto?

-Ben, agora vese que é político…

É unha verdade asentada que o de “segundas partes nunca foron boas” vale para todo, agás 'O Imperio contraataca' e… si: 'O Padriño'. Évole, que agora entrevista a Dorado, fíxoo hai xusto dous anos co propio Feijóo. Daquela, o presidente galego negou calquera coñecemento das actividades ilícitas do seu amigo e escusouse nunha suposta “inxenuidade”. O xornalista chega a lembrarlle o máis dun cento de noticias publicadas en prensa que xa daquela o vencellaban co contrabando. E nin por esas.

(Inciso: o 31 de marzo de 2013, o día que a foto aparece na portada de El País –por certo, compartindo espazo con Al Pacino– eu fágolle por teléfono a Feijóo a mesma pregunta que Évole: “En serio, con todo o que había publicado, non sabía quen era Marcial Dorado?”. “Sorprendentemente, non”, respondeu tras unha longa pausa. Sempre pensei que a verdade quedara a vivir neses segundos eternos).

Coppola e Scorsese poden renegar o que queiran das pelis actuais, pero estou seguro de que a Évole lle gustan os clásicos. De que gozou coa batalla de Hoth, con Han Solo en carbonita, con Michael Corleone en Cuba e con De Niro inmortalizando ao mozo don Vito.

Por iso, o de Dorado promete unha segunda parte á altura das expectativas, que non son poucas.

Eu xa enchín a despensa de flocos de millo, por se o coronavirus provoca desabastecemento no súper. Nunca se sabe: pode acabar en triloxía.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats