Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Por si hay gente de fuera

El presidente de la Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, atiende a los medios de comunicación.

Patricia A. Janeiro

1

Voulles contar unha anécdota que seguro que xa coñecen:

Estando na universidade, o primeiro día de clase entrou o profesor Doutor Don Xan Pericán e comezou a explicar en castelán en que ía consistir a súa materia. Cando unha alumna botada para adiante lle preguntou se as clases de “Perspectivas e retos da antropoloxía cultural galega” non ían ser en galego, el encolleuse de ombros e dixo, enunciando con coidado cada unha das sete vogais: “Mujer, es por si hay gente de fuera”.

O nome da materia inventeino. Son tantas as veces que escoitei esa frase, quer directamente quer en boca de amigos que tamén o viviran, que tanto ten que as clases en cuestión fosen de antropoloxía, historia, ou física cuántica, o caso é que os profesores que a pronunciaban xa nunca tiveran intención de falar galego en primeiro lugar, e a pretendida lingua común dáballes unha coartada. A moza que se queixaba sería unha radicalizada dos CAF con gana de sobreactuar ou unha paletiña ignorante, porque a maioría da clase tragaba con aquilo de, por educación, renunciar a formarse na lingua propia.

Esta semana, no Parlamento, o BNG someteu a votación unha moción para instar á Xunta a apoiar a proposta de que os deputados e deputadas galegos empreguen a lingua propia nas súas intervencións no congreso español. O PSdeG apoiouna, e o PP, co presidente Alfonso Rueda á cabeza, acusou ambos grupos de sobreactuar. Dixo o noso presidente, aquel mesmo que hai uns anos estaba en liña de saída da manifestación de Galicia Bilingüe contra as matemáticas en galego, que o galego xa se podía empregar no Senado, esa cámara onde van morrer as ilusións (e os cargos políticos amortizados). E iso, segundo o PP, “non mudara o curso da historia”. Niso levan razón. A tal altura, ningún senador do PP galego exerce ese dereito na Cámara Alta. Todos teñen a deferencia de renunciar á lingua propia “por si hay gente de fuera”, que non por outra cousa.

Supoño que cando Alfonso Rueda seguiu a xustificar a súa negativa a apoiar unha moción que non lle ía custar nada, esgrimindo que na Galiza hai cordialidade e convivencia entre os dous idiomas e non hai conflito, non tiña na cabeza as imaxes daquela compañeira súa de manifestación que nos berraba cordialmente “aldeanos, paletos!” por falarmos en galego.

O Neno dos Peares, como bo xestor de perfil tecnócrata, aportou as razóns loxìsticas á decisión do seu partido en Galiza: non concibe un Congreso con pinganillos. No Parlamento Europeo aínda boeno, que en Bruxelas son xente de fartura e tanto teñen para desbaldir en tecnoloxía e tradutores como para financiar os fondos Next Generation que logo a Xunta non executa. O de que Rueda e Feijóo decidan apoiar a moción xustamente no Parlamento no que seguramente non vai prosperar ha de ser casualidade.

A min gustaríame saber que pensaría o Fraga daquela campaña do “galego coma ti” das eleccións do 89 diante destas reticencias do seu partido a apoiar unha moción que xa aprobou a Mesa do Congreso español. Van facer 21 anos desde o temporal que rachou co PP de Galicia en dous e a piques estivo de afundilo no Atlántico, 21 anos da defenestración de Cuíña a mans da banda do birrete, e agora parece que Núñez Feijóo e os seus colegas acabaron de consumar o encargo que daquela traían de Madrid: disolver por completo o PP galego, e deixarse desas parvadas fraguistas de autoidentificación.

Non pensen que con isto estou a enxalzar a figura de Don Manuel, que agora hai moito desnortado que, con tal de forzar comparacións, está disposto a esquecer o papel de Fraga no consello de ministros que ratificaba penas de morte. O que pasa é que con este PPdeG vexo moi lonxe de cumprirse a predición do Carrabouxo de Xosé Lois cando dicía aquilo de que sen el melloraríamos.

En todo caso, Alfonso Rueda e os seus conselleiros baixaron considerabelmente o nivel de Celga das nosas institucións, por non falar daqueles que non son quen de facer unhas simples declaracións na lingua dos seus votantes. O que eu lles recomendaría é que cando menos lle boten un ollo á nova IA esa que pode poñer a Chiquito de la Calzada a falar en inglés ou a Gayoso en swahili. Se cadra así por fin escoitamos os nosos representantes electos falando en galego para nós e para o mundo.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats