Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
A vida dos demais: carta a un marica do Partido Popular
“Unha mazá e unha pera non poden dar dúas mazás”, dixo Ana Botella. Daquela era alcaldesa de Madrid, foi en 2013, só dous anos antes de que Javier Maroto, actual voceiro do Partido Popular no Senado, casase coa súa parella, José Manuel Rodríguez, e a prensa máis rancia do país se burlase de Mariano Rajoy por asistir ao enlace e sentar como convidado na mesa “Celine Dione”.
A frase viral de Botella, recuperouna Yolanda Díaz esta semana durante a súa comparecencia na sesión plenaria da Cámara Alta. Unha sesión na que Feijóo —ese aspirante a actor dos Peares cuxa traxectoria na capital sigo apaixonadamente— se coroou acusando ao goberno de Sánchez de “molestar á xente de ben e meterse na vida dos demais” mediante a aprobación da Lei Trans. Que dúas cousas fascinantes: a xente de ben e a vida dos demais.
Cando quedo cos meus amigos de sempre, falo de sexo. Digo de sempre, pero imaxino que me refiro aos meus amigos heteros de antes de saír do armario, de socializar a miña sexualidade. Dende hai moito tempo, eu son entre eles algo máis que “o amigo gay”, transcendo a caricatura ou inténtoo. Case nunca pasa nada e todo flúe, como as augas do río dende o principio dos tempos. Outra veces, póñoos contra as cordas. Os meus problemas escóitanse coa mesma atención que os de todos os demais. Hai lugar ás dúbidas. Hai lugar á aprendizaxe. En ocasións, falo en feminino se falo de min. Algúns deles fan o mesmo: aprenderon ou acostumáronse, tanto ten. Fágoo tamén cos compañeiros de traballo. Non sei se molesta. Hai moito que non me importa se molesta. Pregúntome se todo isto que estou contando, todas estas manifestacións diarias e minúsculas de liberdade e igualdade, pertencen para Feijóo á “vida dos demais”, a ese lugar doméstico, íntimo manchado pola vergonza. Algo me fai pensar que si. A existencia de personaxes coma Javier Maroto, faime estar seguro de que si, de que debe existir a vida dos demais: un recuncho sucio.
O Partido Popular constrúe —agora máis ca nunca— armarios a medida para a humillación das persoas maricas que militan nas súas filas. É obvio que existen tantas maneiras de experimentar e manifestar a nosa sexualidade como persoas votan nunhas eleccións, como xente vive nun país, como nenxs nacen. O contrario da xente de ben, escribía hai pouco Ignacio Escolar, son para Feijóo os votantes da esquerda e os nacionalistas, é dicir, a maioría parlamentaria. Eu engadiría que o reverso da xente de ben —non necesariamente o seu contrario— é esa “vida dos demais”, iso que non vai connosco, nin debe importunar a normalidade, a tradición, o lugar seguro que construímos a base de non cuestionarnos sobre as necesidades dos outros.
Algunha vez chamarían maricón de neno a Maroto? E se o fixeron, lembras exactamente que se sente, Javier? Falaches algunha vez con Alberto sobre o tema? Cres que o día da túa voda a Mariano lle pareceu divertido sentar con outros señores e señoras á mesa “Celine Dione”? Veríao coma unha broma ou entendería que eses centros de mesa con nomes de diva eran a homenaxe a tantos modelos de mulleres apoderadas que nos axudaron a sobrevivir? Supoño que non vos contades esas cousas. Que a túa voda foi para eles un gran acto institucional, pinkwashing. Que todo isto forma parte da túa vida privada, do lugar depravado onde unha mazá e unha pera se comportan coma dúas mazás e intentan vivir coma se non pasase nada, coma se non houbese partidos que promoven a violencia e nos negan dereitos fundamentais, que nos invisibilizan desterrándonos a formar parte da “vida dos demais”.
Nun ton case publicitario, atreveríame a dicir que o sentido común dita que, por enriba da xente de ben, está o ben da xente. E aí, entre a xente, están as maricas do Partido Popular, e tamén as maricas precarias, proletarias, periféricas... (pe, pe, pe...) estamos ti e mais eu, Javier. Está calquera membro do colectivo LGTB+. Na pedrada dun insulto, nunha risa frívola, nun estereotipo. Ten que ser moi difícil ser ti, sentar cada día do lado de quen nos silencia, de quen, segundo amenzan as enquisas, se opón a que existamos.
Agora mesmo, nun cuarto pechado, nun parque, nunha rúa atestada de xente, un neno ou un adulto emociónanse ao escoitar por terceira vez seguida “All by myself”. Comprenden, pese ao que diga a canción, que non están sós, que hai a quen lle interesan as vidas dos demais. A pesar de todo. A pesar dos teus e contigo. Seguro que a ti tamén che pasou.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
1