Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Virus global, economía global
Non é preciso lembrar aquela maldición chinesa de “ogallá che toque vivir tempos interesantes”, xa que, á parte da aparente contraditio in se, é moi acaída ao humor galego: significa xusto o contrario do que expresa. Por isto non imos deixar que o vórtice de acontecementos que se van sucedendo día a día coa orixe no virus famoso, nos arrastre pola pendente da sinrazón ou, o que é igual, por calquera sentimento que abafe o raciocinio. Os gobernantes responsábeis de tomar medidas políticas para controlar a evolución da pandemia, agora poñendo a venda antes da ferida -neste caso a crítica-, perden moitos minutos de comunicación pública en chamar pola unidade, a solidariedade e a responsabilidade individual diante dun acontecemento que, dise, nos atinxe a todos. Si, efectivamente, todos podemos ser contaxiados, pero é responsabilidade política, é un deber do goberno, e de cada unha das súas instancias, tomar de modo dilixente as medidas precisas para evitar a todo custe a propagación da epidemia.
O único avaliábel, polo tanto, é a adecuación das medidas adoptadas cara a contención do contaxio. E aí é onde podemos (por agora si) criticar as medidas tomadas en tempo, forma e contido. Temporalmente chegaron tarde. Despois dun mes sen se enteirar (ou facendo burla irresponsábel dos chineses), inundando os medios de comunicación de declaracións que ían da autocompracencia á soberbia sobre o sistema sanitario que temos, pasouse á declaración de estado de alarma, sen se acompañar das medidas económicas requiridas nun caso deste tipo.
A declaración de estado de alarma con confinamento incluído dalgúns habitantes e a prohibición da circulación das persoas cidadáns pola vía pública criou unha imaxe de inactividade, semellante en aparencia do acontecido en China. Só na aparencia, xa que na República chinesa foi posíbel aillar e encapsular totalmente a 44 millóns de persoas porque quedan outros 1.300 millóns para garantir subministro vital a esa pequena - en termos relativos- cantidade de confinados. Se no Estado Español ou en Italia ou en Francia se tivesen tomado esas medidas, só sería realizábeis se a Unión Europea se comportase como o Estado chinés ou como a federación de Estados Unidos de América.
A consigna de “queda na casa” é só iso, unha consigna para gardar nenos, anciáns e traballadores dunha parte do sector servizos por peche de actividade. Pero todos aqueles outros traballadores, autónomos e empresarios que son precisos para que siga habendo vida humana dos encerrados e dos que teñen que traballar, non paran. Mesmo algúns están traballando como nunca. Todos os autónomos e asalariados do sector agrogandeiro están traballando. Non poden quedar en casa, ou mellor dito están sempre en casa porque en Galiza os autónomos do agro viven na mesma explotación e os empregados perto. Os transportistas relacionados con estas actividades están traballando. Un camioneiro que leve pensos ou que recolla leite non pode quedar na casa por dúas razóns: a primeira por responsabilidade e a segunda –igual de importante que a primeira- porque vive diso. Os almacenistas de subministros á gandeiría e ás explotacións agrarias tampouco pecharon, e, loxicamente non lle podemos pedir que queden en casa… Así poderíamos seguir con todos e cada un dos responsábeis económicos da cadea industrial relacionada estruturalmente coa produción agrogandeira. Os mariñeiros, mariscadoras, miticultores e pescadores de altura seguen faenando: non quedaron na casa, non poden nen deben porque senón, quen surte as pescaderías? As industrias todas relacionadas coa alimentación, tanto as directas como as indirectamente conectadas, non deixaron de traballar, non pecharon nen é esperábel que pechen.
Mesmo nas imaxes difundidas do peche de fronteiras con Portugal e máis con Francia amósase un feito interesante: os camións pasan sen nengún control, como antes, e só está restrinxido o paso de persoas. Sen o intercambio habitual de mercadorías no espazo europeo non se podería garantir a produción. Están en casa eses traballadores, pecharon os empresarios, ou están ocupándose de que todos, até os hospitais, teñan alimentos? Ademais todo o sector servizos de actividades relacionadas desde infraestruturas básicas seguros, asesorías, banca, veterinarios, biólogos, administración pública relacionada, todo o persoal de portos… non deixaron de traballar e ninguén pode desexar que o fagan por razón da propia sobrevivencia. De aí que resulte falsa ou falseada a imaxe de todos na casa: son algúns.
Utilizamos dous subsectores produtivos de bens de alimentos para ilustrar os outros casos da actividade económica que segue viva, produce bens imprescindíbeis, e non realiza teletraballo: desde o subministro de auga potábel á da enerxía e bens enerxéticos pasando polos bens industriais de uso indispensábel até chegar aos excesivamente expostos sanitarios, todos están traballando e non poden quedar na casa. Non obstante, hai medidas preventivas, desexábeis, que aínda non se teñen tomado e que serían favorábeis ao control da difusión do contaxio. Se Madrid estivese pechado ás saídas (deixamos entrada controlada por se precisasen axuda médica e/ou sanitaria) deixaría de se propagar o virus por todo o Estado. Aínda non se fixo. Cataluña leva pedindo iso, en ben dos demais, desde hai días, e non o lograron. Tamén La Rioja debería ser aillada polos mesmos motivos.
Na Galiza o 90% dos primeiros casos tratados foron todos doentes chegados de fóra, nomeadamente de Madrid . A declaración de estado de alarma sanitaria centralizou as decisións nun mando único do Goberno do Estado con ministros do PSOE con dúas características: unha antiestética, que é autoproclamarse autoridade competente empregando terminoloxía franquista (aínda que teña un significado xurídico distinto no marco europeo) e outra invasiva das competencias exclusivas das autonomías, así como de direitos fundamentais non citados. A coordinación nun só mando podería ter sido asumida igualmente se non é imposta, e por razóns de eficacia técnica, acordada. En Alemania non se pasou por riba dos lander para executar e converter en actos os acordos e máis as normas do Estado federal.
Esta declaración está sendo presentada nos medios de comunicación turiferarios do poder cunha exhibición de rúas desertas como proba do éxito do encerramento. Podería ter enfocado coa mesma intensidade con imaxes das aglomeracións no metro e nos trens de cercanías das grandes urbes para nos aproximar á realidade vivida polos que teñen que ir a traballar, e non son heroes. Este aspecto da forma en que foron adoptadas as medidas ten máis valor que o meramente estético: en democracia a maneira, o tipo de proceso na toma de decisións gubernamentais, forma parte unívoca do contido das normas. Por esta razón, se contido e forma son dous elementos inseparábeis, de súpeto temos pasado de ter un Sergas orgullo galego a ter que pedir -palabras do presidente da Xunta- material sanitario necesario. E tamén é imprescindíbel posuír a lexitimidade máxima para que ao gobernar se poida contar coa colaboración e máis a entrega dos cidadáns dispostos a contribuír ao pago da crise que se vai desenvolver por estas causas mentres estamos enclaustrados. Analizaremos polo miúdo as medidas económicas adoptadas no consello de ministros do día 17, pero ha ser noutra ocasión.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
1