Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Puigdemont estira la cuerda pero no rompe con Sánchez
El impacto del cambio de régimen en Siria respaldado por EEUU, Israel y Turquía
OPINIÓN | 'Pesimismo y capitalismo', por Enric González

As Letras Galegas celebran Luísa Villalta, a poeta sen herdanza

A poeta Luísa Villalta

Daniel Salgado

17 de mayo de 2024 06:01 h

2

Houbo varias poetas dentro de Luísa Villalta. A abstracción conceptual de Música reservada (1991), o seu primeiro libro, acabou por se metamorfosar no expresionismo urbano e político de En concreto (2004), póstumo. “Non canto armas nen homes / nen brados inocuos de guerra vencida”, escribe nun poema deste último, “non canto a defensa tremulante da entrega / nen o temor aniñado nos muros derruídos / do público burgués”. Densa e rigorosa, por tramos simbolista, a poesía de Villalta (A Coruña, 1957-2004) é o corazón dunha obra múltiple, en que houbo ademais lugar para o ensaio, o teatro ou a narrativa. A Academia Galega dedica este 17 de maio, Día das Letras Galegas, a celebrar os seus, en palabras da académica Ana Romaní, “insólitos itinerarios literarios”.

Tan insólitos que ás lectoras contemporáneas do seu traballo cústalles detectar o seu rastro na literatura actual. A poeta que apenas deixou herdanza. “Ten que haber un pouso, porque foi unha poeta querida por escritores próximos. Pero non me atrevo a dicir nomes”, explica Romaní (Noia, 1962) en conversa con elDiario.es. Consideracións análogas xorden das outras voces consultadas para esta reportaxe. “Se son sincera, non vexo herdeiras claras”, cadra Tamara Andrés (Combarro, Poio, 1992). Os seus libros de poemas -amais dos citados, Ruído (1995) e Rota ao interior do ollo (1995)- estiveron fóra de circulación editorial durante case dúas décadas. Até hai un ano, cando o crítico Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) se encargou de coidar a súa poesía reunida, Pensar é escuro (Galaxia, 2023). Requeixo explicaba daquela a este xornal que el si percibía a súa pegada en propostas “conceptuais, transcendentes ou ontolóxicas”, aínda que tampouco era máis explícito. Situouna xeracionalmente na transición entre a promoción dos 80, usualmente asociada a certo culturalismo, e a dos 90, cando eclosionaron poéticas feministas e algúns coloquialismos. “É un exemplo paradigmático de que o esquema xeracional habitual non sempre se axusta ás poetas”, concluía.

“Eu coñecía a súa obra relativamente ben”, afirma Romaní, poeta cinco anos máis nova ca Villalta -“compartimos época desde posicións diferentes”-, “pero a relectura que propicia o Día das Letras Galegas sorprendeume”. Descubriu un proxecto amplo, en que cada peza ten sentido, e en cuxa poética respira “un movemento interior de extrema esixencia”. “Dos meus beizos caen palabras desmaiadas / como soños que xerase o movimento”, di nun poema de Música reservada. Contra a opinión de que En concreto significaba unha ruptura e anunciaba novos territorios, Ana Romaní entende a súa traxectoria como un proceso de transformación. “En Música reservada xa está o xermolo do que fixo logo”, salienta.

Xusto foi En concreto a porta pola que Antía Otero (A Estrada, 1982), poeta e editora, accedeu ao universo poético de Villalta. Viña de publicar o seu primeiro libro, O son da xordeira, na mesma editorial, Espiral Maior. “A partir partir dese punto, fun cara atrás. Na súa obra anterior fascináronme o rigor e a precisión, esa idea case arqueolóxica da palabra con moitas capas”, sostén, “o seu eco, como unha caixa de resonancia. Non hai ornamento”. Era dalgún xeito, entende, unha poesía menos contaminada polo real que a de En concreto ou Papagaio (2006), un volume coa fotógrafa Maribel Longueira sobre o desaparecido barrio chinés da Coruña, que ficou fóra da poesía reunida. Ao mesmo tempo, Otero ía advertíndo a compoñente filósofica dos poemas. Adorno, Nietzsche, Hegel, Sartre ou Lukács son débedas explícitas a través de epígrafes. Aínda que Villalta “non amosa todo ese caudal como un pavo real. Todo é construído, non hai nada gratuíto”.

“así viva eu de sombra e água / co mesmo florecer de eternidade, / dando, ao fin, o froito lento / ao sol denso da verdade”, escribe noutro poema de Música reservada. A poeta Tamara Andrés traballou co legado que a familia da autora depositou no Centro para a Investigación en Humanidades Ramón Piñeiro, dependente da Xunta de Galicia e dirixido por Requeixo. “A palabra é inabarcábel. Cada palabra, cada poema, son inabarcábeis”, di, “sinto que ao falar dela sempre a reduzo”. Andrés asegura que as súas impresións sobre a poeta mudan a cada intre. “Dise que Música reservada é un libro máis abstracto e En concreto o contrario, pero ás veces sinto que é ao revés”, sinala. Non lle atopa lugar na historia da poesía recente, “é inclasificábel”, pero, igual que Otero ou Romaní, destaca a dimensión do seu pensamento: “Antes ca poeta era unha pensadora. Unha pensadora poética”.

É talvez ese lado do poliedro Villalta, o da ensaísta, o que estudosas e lectoras da poeta subliñan após o poético. “Calquera que fose o principio de todo, o único seguro é que produciu un ruído. Porque un ruído é o efecto da vibración da materia, que se propaga no espazo durante un tempo determinado”, comeza O outro lado da música, a poesía (1999, reeditado por Galaxia en 2021), unha investigación sobre os vínculos entre as dúas áreas da arte que máis a interesaron. Villalta foi tamén violinista e fixo parte de varios proxectos musicais. “A súa preocupación polo ruído, a distorsión e o exprimental é unha faceta que, finalmente, quedou fanada”, lembra Romaní. Morreu aos 46 anos dunha meninxite.

Pero non foi a música a única preocupación teórica de Vilalta. O escritor Alberto Lema (Vimianzo, 1975) menciona o seu estudo sobre O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, a peza dramática de Álvaro Cunqueiro, e con el o seu labor teatral, materializado en media ducia de títulos como Concerto para un home só, As certezas de Ofelia ou Os doces anos da guerra. O propio Lema coincide con Romaní en chamar a atención para outra área da escritura de Villalta ao seu ver obliterada pola celebración oficial do Día das Letras Galegas: a da columnista de prensa, en concreto no histórico e desaparecido semanario nacionalista A Nosa Terra. Compiladas nun Libro de columnas recentemente reeditado, completan o retrato dunha muller nacionalista, de esquerdas, feminista e que revindicaba outra política lingüística do Goberno da Xunta ou o dereito a existir do Estado palestino.

“No seu traballo da Nosa Terra percíbese outra voz que acode ao colectivo”, explica Ana Romaní. Esa impresión coincide de novo coas consideracións sobre o político en Villalta que relata Antía Otero. “Eu véxolle unha vontade de pensamento colectivo. Como lectora, ela non quere que esteas soa. Avísate de que formas parte de algo maior e pide que te posiciones”, resume. No seu libro póstumo, En concreto, que se atopaba no prelo cando a poeta faleceu, queda de manifesto. “Veño de aquí / unha historia de palabras / nas casas da cabeza e nos chanzos do corazón”, escribe no Poema da Cidade Alta, e a Cidade Alta é a súa Coruña, “palabras que son xente a murmurar de lonxe / desde Santa Lucía […] Pero remar nas pegadas dos outros, uliscarnos no avance dos povos”.

Etiquetas
stats