Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Meirás: cando a memoria molesta
O último 20N… Non, desculpade, vou volver empezar:
O derradeiro (agora si) 20N dos Franco como propietarios das Torres de Meirás, Alberto Núñez Feijóo -seguramente sensible coa data- enviou unha carta a Moncloa reclamando a propiedade do pazo para Galicia. Culo veo, culo quiero. Ese é o mesmo Feijóo que hai agora tres anos se opuxo na Cadena SER á expropiación do inmoble por consideralo “un mecanismo franquista” mentres defendía que a lei e o rexistro da propiedade daban a razón aos Franco. Nesa mesma entrevista, por certo, pechaba a porta a presentarse por cuarta vez á presidencia de Xunta…
Non creo que sexa o amor a Galicia, Galicia, Galicia (e por cuarta vez, Galicia) o que leva a Feijóo a reclamar o control da residencia de verán de Franco. Unha ollada ao redor mostra con claridade que o coidado do noso patrimonio está lonxe de ser unha prioridade para a Xunta; polo menos, mentres ningún caneco derrube un cruceiro en Madrid. Non, eu estou certo de que o motivo é outro: esa sería a única maneira de evitar que o pazo se converta nun lugar para a memoria dos represaliados pola ditadura.
A Feijóo cústalle dicir “ditador”. O habitual é que se refira a Franco como “xeneral”. Claro que tamén fala do espolio de Meirás como dunha “doazón” ou dunha “entrega”, dous termos nos que se infire unha voluntariedade que estivo lonxe de existir. “Elixe: ou poñemos o teu nome nun recibo ou poñémolo nunha lista”, lembraba un bo amigo que lle dixeron á súa avoa cando lle foron pedir que “doase” un peso para o agasallo do Caudillo. Só pode considerar iso unha “entrega” quen, confesándose fan de Aute, entendía que Al alba falaba das “cousas bonitas da primeira luz do día…”.
A Xunta non quere que nos seus dominios, onde está todo atado e ben atado, lle poidan plantar un parque temático sobre unha etapa da nosa historia recente que aínda a incomoda moito. Por exemplo, en 1938, mentres a Junta pro Pazo extorsionaba os veciños da Coruña, un futuro presidente da Xunta -Fernández Albor- viaxaba co amparo do réxime á Alemaña nazi para adestrar coa mesma Luftwaffe que uns meses atrás bombardeara Gernika. Moito máis lonxe chegou Manuel Fraga, quen como ministro de Franco alternaba con soltura o bombín e o paraugas co bañador Meyba; unha parte da súa historia que as biografías oficiais sempre semellan esquecer. Fraga nomeou a Feijóo vicepresidente despois de que o seu eterno delfín, Cuíña, caese en desgraza durante o Prestige; a catástrofe trouxera á Coruña a Rodolfo Martín Villa -hoxe investigado en Arxentina por crimes de lesa humanidade-, como comisionado do Goberno de Aznar, aquel que no 1978 escribía artigos contra esa Constitución na que hoxe se envolve… E, así, ata o infinito.
“Para Galicia é máis interesante que sexa o pazo de Doña Emilia que o pazo de Franco”, dixo o conselleiro Román Rodríguez dende a xa existente casa-museo da escritora, no mesmo edificio que a RAG. Para Galicia, non sei, conselleiro. Para a Xunta do PP, sen dúbida. A de Pardo Bazán sería outra figura máis da que apropiarse, unha vez despoxada das súas arestas máis incómodas. Como o Castelao soft das medallas institucionais. Como Valle-Inclán, domado e castrado todo o seu torrente revolucionario; como Domingo Fontán; como a Rosalía choromiqueira -que diría a Pardo Bazán d’O Divino Sainete- de tempos de Sixto Seco…
Se houbese un auténtico interese polo que representa o pazo, a entrega simbólica -e histórica!- da chave non tería como protagonistas unha avogada do Estado e unha subsecretaria de Facenda. O mínimo sería unha performance similar á da recuperación do Pazo de Baión, só que no canto de Carmen Avendaño e as nais contra a droga, os encargados de rachar o cadeado fosen os descendentes das vítimas e dos espoliados. Os netos e os bisnetos dos que seguen nas cunetas. Ou dos que apareceron nun recibo para non aparecer nunha lista. Non os dos damnificados pola lectura de Los Pazos de Ulloa. Por iso, igual que o Castelao hard non quería retornar a Galicia ata que esta fose “unha patria liberada”, quizais aínda non é o momento de que a Xunta -polo menos, esta Xunta- sexa quen decida sobre o futuro de Meirás. E, ademais, así libramos de que Feijóo emita dende alí a mensaxe institucional de Fin de Ano. Esa si sería outra aldraxe ás vítimas…
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
2