Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Política económica da crise (II)

Personal sanitario en las instalaciones del nuevo hospital de Vigo

María do Carme García-Negro

1

Dicíamos hai uns días que nos atopabamos con lexitimidade suficiente para analizar -mesmo cun forte contido crítico- as medidas de política económica adoptadas polo goberno do Estado para paliar neste momento os efectos devastadores da crise económica, porque os custos das solucións que se vaian implementando van incidir sobre o conxunto da cidadanía, en concreto, sobre o conxunto dos traballadores, sexan estes activos, pasivos, de alto salario ou duns ingresos ben cativos.

Os gastos da política económica asociada a paliar paro, cesamento temporal de actividade, cesamento de actividade obrigada, salarios de compensación, subsidios… han ser cubertos con fondos públicos procedentes de rendas públicas ou no peor dos casos de débeda pública. É decir, contribuír de forma rápida e decidida a paliar a coñecida caída da demanda directamente vinculada ao desemprego non é unha medida que se poida prolongar temporalmente no medio nin no longo prazo. Despois do choque inicial é imprescindíbel ter un plan de reconstrución da actividade económica. Diríase en termos habituais da oferta.

E xa que falamos de plan, podería ser un plan cunha pinga de orixinalidade. Neste momento non temos probas de que o Goberno do Estado careza dun plan de recuperación, pero hai indicios dunha ausencia polo momento. De existir un plan non se entende a petición a determinados grupos de empresas con beneficio e ansia de repartir dividendos (nunha especie de loucura felices anos 20) feita en comparecencia pública pola ministra de Economía. Tampouco é fácil asimilar as declaracións en sede parlamentar do presidente do Goberno decindo que esta crise fixo aflorar o carácter esencial de certos sectores de actividade económica (???). Foi preciso isto para sabelo?

O acceso aos ERTE de calquera tipo de empresa con factorías en España, sen distinguir en absoluto orixe e vínculo principal do capital propietario, sen examinar a conta de resultados, o tamaño da empresa en conxunto, as subvencións recibidas e o grao de incidencia no emprego sectorial e/ou territorial, fai que o instrumento de protección de emprego aquí tratado, se poida converter nunha subvención indirecta ao capital dun tipo de empresa que debería asumir solidariamente unha parte dos efeitos da crise.

Os ERTE, ademais, non son garantía temporal de futuros despedimentos e tampouco de fechamentos, xa que na medida en que non exista prazo temporal coñecido de inactividade, a propia paralización temporal pode servir de coartada para demostrar caída de produción, falta de ingresos, e necesidade de cesamento: aquí si, paro sen remedio. Hai un conxunto de sectores de actividade económica que non só non sofreron caída de actividade senón que están indo moi ben, e, non obstante, non hai freo legal a que non poidan presentar ERTE: alimentación e bebidas, inmobiliaria, farmacéuticas, construción de infraestruturas, electricidade, gas, auga, seguros e, finalmente, os intermediarios financeiros -bancos- son sectores que poden permanecer na senda do crecemento facendo de novo motor dunha economía lesionada. Mesmo hai unha parte importante da industria manufactureira non incluída antes que pode redefinirse e creativamente unirse ao aumento da produción.

Pero en calquer posíbel escenario a medio prazo é imprescindíbel contar con plans de recuperación económica viábeis, coñecidos e anti-incertidume xa que, de non existir capacidade produtiva certa, o encadeamento das actividades dunhas con outras, levará ao fracaso das medidas paliativo que na actualidade foron adoptadas. Un só caso pode valer para ilustrar a aseveración: unha parte do éxito presente da industria alimentaria débese ao mercado interior, pero a medio prazo precisa, para seguir vendendo, demanda de Horeca (hoteis, restaurantes e catering) así como toda a demanda interior derivada da estación de tempada alta do turismo tanto interior como exterior. Na medida en que non exista un plan sólido de ir recuperando esa demanda, o éxito inicial do sector de alimentación, pódese converter en fracaso.

E citando o que vulgarmente se chama turismo (en realidade, hostalaría, viaxes, restauración, comida fóra da casa, transporte, seguros de viaxe, consumo de combustíbeis, alugueres de vivendas, turismos, servizos vinculados en forma de produtos culturais…) está composto dunha serie longa de oferentes, algúns de moi pequeno tamaño, autónomos en moitas ocasións, que non van poder solventar con ningún dos instrumentos de protección do emprego a súa situación. Os autónomos, ben sexan deses sectores, ben pertenzan ao pequeno comercio ou á distribución por xunto, non saen da crise cun crédito. Crédito privado que avala o Estado, pero sen asegurar o futuro. Os autónomos que poboan o tecido empresarial con pequenas empresas non resolven a inactividade con créditos mentres a falta de ingresos sen horizonte sexa a incógnita principal. O problema real é poder abrir e ter garantida actividade e demanda. O último que precisan é endebedárense xa que, sen garantía de futuro, a débeda pode ser o último lastre antes de afogaren.

O goberno traballa en dous frentes de busca de financiamento complementario para colocar unha barreira protectora ao desastre en forma de fechamento de empresas pequenas, medianas e mesmo grandes: un está constituído polos posíbeis fondos europeos, e outro, procedente dos ingresos fiscais ordinarios e extraordinarios. O europeo está por ver, e o propio dependerá en boa medida do deseño fiscal que se faga.

As cifras que se van coñecendo de desemprego rexistado do mes de marzo que (aos efectos de emprego en descenso só é medio mes) son na Galiza 174.481 persoas. Sen contabilizar as que emigraron. En febreiro a protección de desemprego era para 97.342 persoas, a metade con prestación contributiva, e as restantes con subsidio de desemprego ou renda activa de inserción. Nese mes, e a pesar das cifras de paro xa existente, non se gastou nada (0 euros) en programa de activación de emprego. E, segundo fonte oficial publicada (IGE), o número de persoas demandantes de emprego en Galiza nese mesmo mes foi de 225.480. O mapa de actividades das que buscan emprego pode constituír unha boa pista para a elaboración dese plan que propoñíamos antes.

A maior cifra de demandantes son de hostalaría, seguidos de comercio ao por menor/talleres de reparación, entre os dous, case 60.000 persoas. Hai outras 41.000 que pertencen a actividades administrativas, servizos auxiliares e da administración pública. E interésanos finalmente resaltar as 7.976 en actividades científicas, profesionais e técnicas, 9.746 de actividades sanitarias e de servizos sociais e 6.479 de educación. Quere dicir, o mercado laboral galego está en condicións de proporcionar xa 24.201 persoas cunha alta cualificación directamente disponíbeis para entrar na administración pública: no ensino, na sanidade e nos centros de investigación.

Crear ese emprego é unha aposta de futuro, con actividades que xeran á súa vez un encadeamento que vai desde actividades industriais ás de servizos, así como aos enlaces coa exportación. E tamén entendemos que é hora de reconverter certos oficios en traballadores de servizos públicos porque temos aprendido a importancia da limpeza, dos cuadros de persoal en servizos públicos con folgura dabondo para non intensificar o traballo en situacións especiais denominadas de guerra: modo xustificativo de todas as cativezas.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats