Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
SOS vivenda social
“U-la vivenda social que necesitamos todos?”
Ese berro de desesperación dunha das afectadas polo incendio ocorrido na rúa Alfonso X de Vigo o pasado 11 de outubro no que faleceron catro persoas apunta directamente ao fondo do problema: a ausencia de vivenda social.
“Sacáronos da súa chabola para metelos nun cadaleito”, declarou Antón Bouzas, coordinador da asociación viguesa Os Ninguéns, que leva moitos anos batallando polo dereito á vivenda.
Para Rosana, Ezequiel, Aldara e Sara, a inacción do Concello de Vigo e da Xunta de Galicia para facilitar vivendas cun alugueiro social ás familias afectadas polo desaloxo, en 2019, do poboado de chabolas no que malvivían no barrio do Caramuxo, na parroquia viguesa de Navia, tivo consecuencias mortais.
A vivenda é un dereito humano que debe ser alcanzable, non un ben de investimento ou un produto de luxo.
A vivenda social é clave para garantir o acceso ao dereito á vivenda cando as condicións do mercado inmobiliario son un obstáculo insuperable para moitas persoas en situación de vulnerabilidade.
Segundo o Observatorio da Vivenda de Galicia, o prezo medio actual do alugueiro en Vigo é de 590 Euros, cifra que pode ata duplicarse en determinadas zonas como o centro da cidade ou Canido, fronte os 400 Euros en 2014. En Vigo hai, segundo a Axencia Galega de Turismo, 1.353 vivendas de uso turístico (VUT), cifra só superada por Sanxenxo. O problema real non é a “okupación” da que falaron diversos medios locais nas últimas semanas, senón o acceso á vivenda, plasmado nos 266 desafiuzamentos na provincia de Pontevedra en 2022 (5 á semana).
O parque de vivendas sociais en España representa unicamente o 2,5% do total de vivendas, máis de 6,5 puntos porcentuais por baixo da media dos países da Unión Europea, que é do no 9%. Só un 1,6% das vivendas existentes están dedicadas a políticas sociais, mentres que a media dos países da Unión Europea supera o 15% e en España está moi lonxe dos países con maior taxa de vivenda social como Países Baixos (30%) ou Austria (24%).
A solución pasa, como reclamou por carta Amnistía Internacional ao Concello e á Xunta, por un plan plurianual que garanta o incremento progresivo do parque mínimo de vivenda destinado a políticas sociais, incluído o alugueiro social, e un calendario para acadar o estándar europeo do 15% de vivenda social.
Acollemos con satisfacción o anuncio da sinatura dun convenio para financiar solucións habitacionais para as persoas afectadas polo incendio en Vigo, pero este tráxico caso non pode ser o único que se aborde, dada a magnitude da emerxencia de vivenda que estamos a vivir.
Non hai unha única “receita máxica” para facer fronte a esta crise de vivenda, pero cómpre adoptar medidas para garantir o acceso do dereito á vivenda para todas as persoas, a non discriminación e o enfoque de xénero. Facelo é responsabilidade da Xunta e dos Concellos como o de Vigo, que deben aplicar decontado medidas o control de prezos nas zonas definidas como “tensionadas” previsto na Lei estatal de Vivenda para frear a especulación e abusos no prezo, e garantir que ningún desafiuzamento deixa ás persoas na rúa de modo que toda persoa desafiuzada dispón dunha alternativa habitacional adecuada. Nese sentido, a negativa da Xunta a aplicar o control de prezos solicitado polo Concello de A Coruña suscita preocupación.
Así, a solución pasa por un compromiso para que o parque de vivenda social acade o 15% do total das vivendas, promover alugueiros sociais, contar con recursos e alternativas para situacións de emerxencia, dinamizar bolsas de vivenda con garantías para as persoas propietarias e apoio para as inquilinas. A combinación destas medidas non solucionaría a situación, pero si mitigaría o seu impacto.
Cartos para garantir un dereito humano básico como a vivenda hai dabondo, só compre vontade política en cidades como Vigo que nos vindeiros catro anos vai dedicar máis de 9 millóns de euros á iluminación do Nadal e un goberno autonómico da Xunta cuxo orzamento para 2024 superará os 13.000 millóns, cun incremento do gasto superior a 1.000 millóns respecto a 2022. Con todo, a Xunta de Galicia só dedicou menos do 0,001% (12 millóns de máis de 12.000) ao Instituto Galego de Vivenda e Solo en 2022.
A clave? A (falta de) vontade política porque, quen quere, pode.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
2