Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Gobierno y PP reducen a un acuerdo mínimo en vivienda la Conferencia de Presidentes
Incertidumbre en los Altos del Golán mientras las tropas israelíes se adentran en Siria
Opinión - ¡Con los jueces hemos topado! Por Esther Palomera
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Carta aberta a Alberto Núñez Feijóo

Un facultativo en su consulta médica en una imagen de archivo.
30 de mayo de 2021 12:07 h

1

O meu nome é Álvaro Lamas, son médico de Atención Primaria no Centro de Saúde da Guarda. Como saberá, porque así llo farían chegar os seus subordinados, trátase dun centro con oito prazas de medicina de Familia e dúas de Pediatría. Comentaríanlle, imaxino, que ao longo do último ano o número de prazas cubertas de forma continuada foi de en torno a 4, incluso 3 ou 2 médicas unicamente, por diferentes períodos. A maior parte deste tempo unha pediatra viuse completamente soa. Non é vostede da zona, pero saiba que cando temos que transladar un doente ao seu hospital de referencia, ausentámonos arredor de dúas horas do centro. O mesmo no caso das saídas do PAC da vila, cun único equipo. Faga os seus números.

Supoño que está ao corrente, porque senón xa o lería nos medios, de que hai varios centos de persoas nesta vila, e en moitas vilas, que hai moitos meses que deixaron de ter un médico de cabeceira que os siga e que os coñeza. Isto non ten por que sabelo porque non é profesional, pero os seus xestores e asesores, ben seguro, informárono de que esta continuidade é o piar fundamental da Atención Primaria.

Afirmou vostede que as doentes teñen dereito a que nos abstraiamos de reivindicacións laborais. Co debido respecto, debo corrixilo. As pacientes teñen dereito a que nos posicionemos canda elas, do seu lado, esixindo o persoal necesario, os recursos materiais necesarios para podermos oferecer uns servizos de calidade. Teñen dereito a unha atención continuada e a non encontrar cada vez máis obstáculos para a mesma. Teñen dereito a ser atendidas por unha persoa que non estea ao borde do colapso emocional. Iso mesmo é o que estamos a demandar as profesionais: traballo digno para unha atención de calidade.

Témome que isto sábeo ben, os servizos veñen deteriorándose ano a ano desde que vostede exerce. Por sinal, a Atención Primaria tiña unhas Xerencias propias cando vostede accedeu ao cargo. Agora é un mero apéndice sen capacidade para a propia planificación. Saberá ben que nos últimos 10 anos se perderon 513 postos de médicos no Sergas, ou que se achega unha serie de xubilacións en masa para as que non parece haber un plano. Sabe vostede que a ratio de enfermeiras por cada mil habitantes na Galiza é de 5,19, ben por baixo da ratio europea de 8,2. Na actualidade, Atención Primaria asume máis funcións do que nunca antes, pero con menos e menos persoal.

Que idea manexa para o futuro da Atención Primaria galega, tendo en conta que o seu orzamento para este 2021 é de 45 millóns de euros menor do que hai 12 anos? De verdade está a pedir que persoas a quen o sistema dá de baixa os venres e de alta os luns que se abstraian de discusións laborais? Non o digo eu, dío unha sentenza que condena o Sergas a pagar a unha enfermeira eventual da EOXI de Ourense o salario de 31 días. Que dicir de permisos de días ou vacacións denegadas a un persoal exhausto e a quen só se esixen sacrificios!

Pensou posíbeis solucións para achegar profesionais á vila da Guarda e a todos os centros deficitarios? Non lle preocupa a marcha de tantas profesionais en busca de mellores contratos noutros países ou noutros sectores? Que pensa ofrecer ás compañeiras que acaban a súa etapa como MIR de Familia para evitar que se perdan para o sistema de Atención Primaria?

Quizais, de ter aplicado unha política de fortalecemento da Atención Primaria e non de redución da mesma á mínima expresión, o sistema toleraría mellor o impacto da pandemia. Quizais mesmo, as usuarias do sistema non terían que esperar 15, 20 días por unha cita. Quizais non habería tanta xente explicando cada día a súa problemática a unha cara diferente. Quizais non se verían as poboacións periféricas ou do rural, como é o caso da Guarda, especialmente prexudicadas. Supoño, e así o espero, que vostede goza de boa saúde, pero as persoas con unha ou varias doenzas crónicas están pasándoo realmente mal.

Permítame que llo pida, pénseo dúas veces antes de realizar afirmacións que só buscan enfrontarnos cos nosos doentes. As usuarias, e as profesionais, merecémolo.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats