Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Un paso adiante na Atención Primaria

Concentración en O Rosal en protesta por la falta de profesionales sanitarios.

0

Ao fío da polémica xurdida arredor do episodio que tivo lugar no concello do Rosal no día 20 de maio, hai unha serie de cuestións que cómpre salientar. Nese día unha paciente tivo que ser transladada por estrada en padiola, de forma manual por máis de 200 metros até o helicóptero que a había levar ao hospital Álvaro Cunqueiro. A actuación de todo o persoal só se pode cualificar como impecábel cos recursos dispoñíbeis. A cuestión é: dispomos dos recursos que precisamos? Temos que chegar a este punto? Cantas veces máis teremos que chegar a isto e con que desenlace?

En conxunto, O Rosal, A Guarda e Oia suman uns 20.000 habitantes. Atópanse a arredor dunha hora do hospital de referencia. A súa poboación está dispersa entre a ribeira do Miño, a serra da Groba e a costa atlántica. As comunicacións son mellorábeis. Non hai un hospital comarcal próximo. Pese a todo isto, os tres concellos dispoñen dunha única ambulancia compartida. A ambulancia medicalizada, de soporte vital avanzado, máis próxima atópase en Mos, a máis de 50 quilómetros.

Estas urxencias son atendidas polo persoal dos centros de saúde e do noso PAC, que está na Guarda. Os centros de saúde encóntranse nunha situación crónica de infradotación. Unha médica atende desde o mes de xaneiro toda a poboación rosaleira, con apoio en tarefas administrativas dunha facultativa xa xubilada. Este soporte contribúe a aliviar a sobrecarga da médica do Rosal, pero non comporta, nin de forma contractual nin na práctica, a cobertura de ningunha das outras dúas prazas médicas do centro no que a atención continuada, atención a domicilio e seguimento se refire. Ademáis, son frecuentes os días e tramos nos que as urxencias teñen que ser derivadas ao centro de saúde da Guarda.

En Oia, unha soa das dúas médicas que debería haber leva meses soportando sobre as súas costas a atención de toda a poboación do concello, coa súa dispersión. Igualmente, con frecuencia deben ser derivadas as urxencias á Guarda, por orde de dirección, ante a falta de cobertura. Ambos concellos están sen pediatra desde abril de 2021. Isto non só sobrecarga as dúas pediatras da Guarda, tamén dispara as esperas e priva a poboación infantil da zona dunha adecuada atención, a comezar polo programa do neno san, que é actualmente inviábel. Cabe insistir en que para obteren esta atención teñen que se desprazar até A Guarda.

Na vila guardesa vivíronse situacións críticas ao longo do último ano con até só tres médicos dos oito necesarios para soportar a súa atención xunto coas derivacións mencionadas. Máis recentemente, produto da presión social e non precisamente coa colaboración esperábel desde dirección, aumentouse esa dotación a seis médicos. Porén, a maior parte do cadro de persoal é eventual, co que non hai garantía de continuidade, especialmente ante decisións como a anunciada ao persoal no día 23 de retirar o segundo médico do PAC. Isto é así porque o persoal, até agora concentrado no mesmo tramo de xornada a fin de conter o volume de demanda urxente, terá que se dividir para dar cobertura ás saídas do médico de urxencias.

O PAC da Guarda, que atende as urxencias en tramo tarde-noite, festivos e fins de semana, estaba dotado cun só equipo médico-enfermaría en cada garda. Isto mudou no período de marzo deste ano en diante, en que na maior parte dos días había dous médicos atendendo o PAC, produto da presión social e das mobilizacións na comarca. Mais isto deixa de ser así con data de 1 de xuño, a partir da cando a xerencia e a dirección de Atención Primaria decidiron retirar este segundo médico. As asistencias que ten que atender o PAC non están precisamente a diminuír. Dada a falta de persoal, a espera para conseguir unha cita nos centros de saúde xera máis atencións urxentes e a poboación do Baixo Miño non se reduce no verán, senón que se multiplica. Se o acontecido no Rosal foi unha cuestión probabilística, só queda concluir con esta retirada dun médico do PAC que a xerencia está a comprar boletos para a súa repetición.

Así as cousas, novamente cabe preguntar que espera quen decide investir en Atención Primaria un 0,14% menos de orzamento que en 2021. E non vale alegar que non nos deixan formar suficientes especialistas, porque á vista está que máis de 200 prazas de medicina familiar quedaron desertas na convocatoria MIR de 2022. Isto é, máis de 200 persoas preferiron non escoller praza antes que facelo en medicina familiar. As causas son variadas, pero a percepción da Atención Primaria como un ámbito hostil no que traballar, en situación de deterioro progresivo é, ao meu ver, a fundamental.

Poñan os recursos e aparecerá o persoal. Poñan os medios, e situacións como a vivida no Rosal non terán que se repetir. Escoiten os colectivos profesionais, os consellos técnicos. Escoiten as plataformas cidadás e as demandas das nosas veciñas. Iso si que sería un paso adiante na mellora da Atención Primaria.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats