Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
La izquierda presiona para que Pedro Sánchez no dimita
Illa ganaría con holgura y el independentismo perdería la mayoría absoluta
Opinión - Sánchez no puede más, nosotros tampoco. Por Pedro Almodóvar
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Cousas pequenas

Praza da Quintana, en Santiago de Compostela

0

Entre as fotografías que Francesc Català-Roca tirou nas súas viaxes a Santiago nos anos 50 e 60, hai unha dun grupo de gaiteiros desfilando cara á rúa dos Bautizados na que se pode ver un posto ambulante de regalos, sobre todo xoguetes, no medio da rúa. Á esquerda deste, fixado na parede da casa na que remata a rúa do Franco, hai un letreiro que anuncia “Recuerdos de Santiago” e un expositor onde se adiviñan os motivos relixiosos. O posto ambulante de regalos é tan semellante aos que na actualidade utilizan as medalleiras de Compostela para vender os seus recordos que por un momento pensei que se trataba dun deles. Podería ser, os postos das medalleiras levan nos arredores da catedral desde 1945, e o que venden vén sendo o mesmo que aparece un pouco esfumado naquel expositor da fotografía de Català-Roca: recordos de Santiago e motivos relixiosos.

As que rosmamos contra este turismo invasivo que anega a cidade vella e cambia a fisionomía de Santiago esquecemos adoito que isto non é nada novo, malia que o verdadeiro monocultivo da especie peregrina comezou no ano 91 coa creación do Plan Xacobeo, pero iso é outra historia. Moito antes de que a metade dos bares do Franco se reconvertesen alternativamente en tendas de recordos charramangueiros ou en tendas de xeados presuntamente artesáns, xa había tendas de recordos e de xeados en Santiago, negocios familiares que configuraron a paisaxe de Compostela durante xeracións con postos que semellaban inmutábeis no tempo. Por iso é difícil de dixerir a desculpa do Concello, que agora quere botar as medalleiras dos arredores da catedral ao abeiro dun novo decreto municipal que regula a venda ambulante para modificar o aprobado hai só oito anos. Tamén o intentaron con Manolo Prieto, o máis parecido a un reloxo astronómico que temos en Santiago, onde o fondo estacionario é unha alternancia entre a locomotora da tempada de magostos e o carriño de xeados que anuncia o verán inminente. Cando o Concello ameazou con quitarnos iso, a veciñanza respondeu como era de xustiza, asinando peticións e facendo ruído nos medios até que o carriño, e Manolo con el, volveu ao sitio. Se cadra a loita das medalleiras non callou tanto nos composteláns porque é máis difícil atoparlle utilidade a unha gaita de chifre ou a unha réplica do botafumeiro cá un xeado, mais os motivos polos que un e outras son patrimonio vivo da cidade son exactamente os mesmos.

O caprichoso decreto do alcalde pretendía poñer fin ás actividades de venda ambulante en nome da estética, aducindo que nunha cidade declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco non podía chegar calquera e chantar o seu posto de venda onde lle petase, non fose perturbar dito patrimonio. O que non aclarou o alcalde foi se en 1985, cando os membros do Icomos visitaron a cidade para realizar a súa avaliación, o seu predecesor en Raxoi e no PSOE local Xerardo Estévez agochou nalgún sitio os postos das medalleiras e o carriño dos xeados de Manolo, porque daquela unhas e outro xa estaban alí, e aos relatores do organismo cultural non lles pareceu impedimento para catalogar a catedral e a súa contorna como patrimonio.

O que parece haber detrás desta teima do goberno local por perseguir postos de venda tradicionais vai alén da estética: trátase dunha concepción de Santiago como postal enxebre para ser fotografada e visitada nunha fin de semana, un produto turístico estampado co selo de autenticidade do organismo regulador máis próximo pero sen carriños de xeados vulgares, postos de recordos obsoletos nin veciñanza rosmona que pretenda facer a súa vida nun escenario que debería funcionar coma un perfecto parque temático, aberto ao público todo o día e limpado a golpe de mangueira pola noite, para volver abrir ao día seguinte e encher a caixa sen os molestos moradores que demandan servizos e espazo público.

Estas cousas pequenas, os recordos relixiosos, os xeados, a dotación de servizos na zona vella, teñen os días contados fronte a unha uniformización que están a experimentar todas as vilas e cidades galegas tocadas polo turismo de masas; o que non está claro é se ese mesmo turismo vai seguir querendo visitarnos cando sexa virtualmente imposíbel distinguir a praza do Obradoiro da rúa principal de Disneyland.

Á Unesco, mentres tanto, ninguén lle preguntou o que opinan, porque vista a postura do Icomos perante outras polémicas ocorrencias deste alcalde, se cadra os seus técnicos tamén asinaban a petición para que volvese o carriño de Manolo á Porta Faxeira ou as medalleiras ao Obradoiro.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats