Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
A doutrina do terror
Todo se criminaliza
Todo se justifica en la noticia
Todo se quita, todo se pisa
Todo se ficha y clasifica
Ana Tijoux, Shock
En 2013, un grupo de estudantes de xornalismo realizou unha enquisa ás portas dun centro comercial compostelán. Querían coñecer as preocupacións da xente e tamén querían saber se o terrorismo estaba entre elas. A maioría dos enquisados amosáronse preocupados por perder o emprego, por atopar un, pola crise que non remitía ou por teren que emigrar. Cando lles preguntaban se lles preocupaba o terrorismo en Galiza, algúns ollaban á cámara entre divertidos e incrédulos, afirmando que non sabían de tal cousa, e outros facían memoria para reproducir algunha información que escoitaran no telexornal.
Nese mesmo ano tivera lugar o xuízo a catro persoas acusadas de pertencer a unha banda armada sen armas, militancia recoñecida ou atentados. Por non ter, esa banda armada non tiña nin nome, e foi a Garda Civil quen llo deu baseándose nun manifesto aparecido en internet uns anos antes. Durante o xuízo saíu á luz unha enquisa do CIS que informaba de que o terrorismo galego preocupáballe só a un 0,3% da poboación de mostra. Os peritos da Garda Civil desfilaron polo estrado elevando á categoría de probas as súas intuicións, incluíndo a loita antifranquista na súa lista interminábel de organizacións terroristas galegas e en xeral facendo do non sequitur unha arte. Os catro independentistas foron declarados culpábeis, e a Garda Civil puido por fin probar legalmente que a tal banda armada existía, malia non ter armas nin banda. Daquela os xornais que se deleitaran na versión policial anunciaron en grandes titulares que a xustiza lle dera o golpe de graza ao terrorismo galego, que a ameaza estaba controlada e os honrados cidadáns podiamos durmir tranquilos. Porén, cada pouco tempo, eses mesmos xornais anuncian un novo golpe ao terrorismo galego, que segue a preocupar a menos do 1% da poboación. Anúnciano en portada con fotos de aparatosas detencións e xa non tanto cando os detidos saen absoltos de todos os cargos.
Esta mesma semana resolveuse na Audiencia Nacional un proceso que duraba 5 anos: 12 persoas foran detidas con grande aparato mediático e acusadas primeiro de pertenza a banda armada, máis tarde de enaltecemento do terrorismo, e finalmente só de militar en organizacións independentistas perfectamente legais. Como probas, a fiscalía aportou unicamente os xa coñecidos razoamentos da Garda Civil, que vía sospeitoso homenaxear unha vítima do franquismo como se leva facendo desde hai máis de 40 anos, ou constituír un comité para dar apoio ás familias dos presos.
A doutrina do medo pinta un inimigo ao que o estado precisa derrotar como for, e para iso non hai nada mellor que a acusación de terrorismo, ou de calquera delito relacionado con este, porque a fiscalía apenas ten que demostrar nada para que a opinión pública a apoie: cando pensamos en terrorismo, todos temos na cabeza feitos traumáticos acontecidos perto, e moitos están dispostos a aceptar intuicións como probas e a pasar por alto inconsistencias na acusación con tal de que nos digan que nos van librar dunha ameaza inminente, mesmo que só un 0,3% da poboación vexa esa ameaza por algures. Unha vez que se abre esa veda, calquera disidencia é susceptíbel de ser xulgada, como xa aconteceu coas condenas ao colectivo de rap La Insurgencia ou coa detención de dous artistas madrileños durante un espectáculo de monicreques que satirizaba precisamente a criminalización da disidencia. No xuízo aos doce independentistas que tivo lugar estes días, a acusación foi un paso máis lonxe e decidiu xulgar tamén os afectos: presentar as mensaxes de ánimo e as felicitacións de aniversario a un preso como proba de cargo sen dúbida pasará á historia do disparate xudicial, e sería risíbel de non ter detrás unhas intencións tan funestas.
As doce persoas que durante cinco anos desfilaron polas páxinas dos xornais galegos cada vez que non había nada que contar foron absoltas de todos os cargos, e a Audiencia Nacional deixou sen efecto todas as medidas cautelares contra eles e contra as organizacións nas que militan, pero a ganancia xa está asegurada: medios, forzas de seguridade e partidos políticos tiraron proveito deste circo, e mentres tanto asociacións e colectivos legais tiveron que investir os seus esforzos, tempo e cartos en probar unha inocencia que se lles debería presumir mentres que a fiscalía non demostrase o contrario.
A etimoloxía da palabra terrorismo provén dos detractores de Robespierre, que bautizaron como “Terror” o período do seu liderado durante a Revolución Francesa, e o terrorismo defínese como o emprego da violencia con fins políticos. Se cadra na próxima enquisa do CIS deberían preguntarnos quen se beneficia politicamente cando falamos de terrorismo galego.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0