Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Francia nuclear, 'esverdeada'

La Central Nuclear de Trillo, en Guadalajara, en una fotografía de archivo.

0

O asunto da declaración/inclusión na enerxía verde á producida en centrais nucleares, sen ser un tema rematado, é pouco debatido. Entretidos coas vacinas do tenista e da conduta dilettante do Estado Australiano (digamos que se arrandeou máis do debido), os temas verdadeiramente relevantes para o noso futuro vital van pasando por tras do escenario. É sabido que na UE todo o que interesa en termos económicos é regulamentado, unhas veces de forma interpretábel e outras en forma hipertrofiada, até o absurdo. Regulaméntase minuciosamente o que interesa aos que teñen vara alta na UE e aos que chegan a gozar de representación directa dos seus intereses. No caso das orientacións de uso do capital financeiro, dáse total atención por parte dos órgaos de goberno da UE. Trátase de usar os fondos comunitarios disponíbeis mediante criterios fiábeis para os intermedirios financeiros afeitos a ter garantías dabondo fronte aos seus clientes, tanto os favorecidos como os discriminados. Os orientadores/prescritores de usos financeiros do capital son os primeiros interesados en posuíren o que se denominou taxonomía europea de proxectos con etiqueta ecolóxica.

Todo comezou coa elaboración do denominado Regulamento de Taxonomía Europea (R UE 2020/852), coa intención de se constituír en faro orientador e clasificador do uso financeiro do capital. Os criterios de investimento en proxectos verdes virían marcados como: “a taxonomía da UE é unha linguaxe común que poderán utilizar inversores e empresas para determinar as oportunidades de investimento en proxectos e actividades económicas que aporten unha contribución sustancial aos obxectivos climáticos e ambientais e axudará a orientar as súas operacións cara á sostenibilidade. Unha vez completa facilitará a etiqueta e desenvolvemento de estándares para os produtos financeiros ecolóxicos”. Os obxectivos están ben determinados: mitigación e adaptación ao cambio climático, uso sustentábel de recursos hídricos, transición cara á economía circular, prevención e control da contaminación e protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas. Mais o camiño que aparentemente tiña comezado con tanta sensatez e capacidade orientadora perdeu a cabeza no último día do ano pasado, coa declaración francesa de marca de intencións no sentido de incluír nucleares e eléctricas de gas nos investimentos ecolóxicos. Foi tal o escándalo que a propria presidenta da Comisión Europea tomou as rédeas do proceso posterior á entrada en vigor do Regulamento citado, sendo precisa a concreción dos aspectos técnico-concretos a través de Actos delegados da Comisión, co conseguinte control político directo. É dicer, se dos traballos técnicos encomendados á Plataforma de Finanzas Sostíbeis (que reemprazou ao Grupo de Expertos técnicos en Finanzas Sostíbeis) se ditamina que a enerxía nuclear é ecolóxica, démonos por perdidos porque politicamente están asegurados os votos suficientes para sacar adiante a proposta, por moi estrafalaria, carpetovetónica ou disparatada que nos poida parecer.

Certamente Francia pon, máis unha vez, os seus intereses industriais, xeoestratéxicos e reputacionais por diante de calquer outra razón e consideración. Francia é o Estado de toda a Terra con maior potencia nuclear instalada en proporción ao seu tamaño, con intereses do capital público directamente incardinado nesta industria e coa pretensión da gloria pasada de seguir figurando na historia da técnica nuclear propria con independencia dos USA. O xeneral De Gaulle podería seguir sentíndose orgulloso dos seus compatriotas. A “grandeur” está a salvo. Os viciños, en cambio, non sabemos se estaremos igual de seguros.

Esta pretensión non vén acompañada de aval científico, esquece a experiencia histórica dos desastres da humanidade, amosa resistencia absoluta ás análises de risco potencial, e, finalmente, ten nula consideración da existencia necesaria de residuos perigosos, cunha vida activa riscosa de miles de anos (é dicer, fóra completamente do control humano). É tan notábel o enfoque eurocéntrico que, no medio de tanta sostenibilidade, non hai cita algunha das condicións de produción do uranio, da contaminación que crea, dos problemas ambientais e deseconomías xeradas e do contributo neto á explotación de países usados como na época colonial pasada. De non ser unha aspiración plantexada a serio -e que aínda terá percurso, esperemos que fracasado- só cabería observalo como se dunha boa viñeta de Kiko da Silva se tratase: si, verdes podemos acabar todos, pero verdes como extraterrestres.

É inconcebíbel esquecer que en 2011 o terremoto de Fukushima provocou o segundo pior desastre nuclear despois das bombas de Hirohisma e Nagasaki (agosto do 1945, con 340.000 persoas asasinadas), naquela parte do mundo. Está presente na historia recente de Galiza o papel relevante da loita ecoloxista fronte aos vertidos de residuos nucleares na fosa Atlántica. Adega, nomeadamente, e outras organizacións ecoloxistas e políticas levaron a cabo unha importante campaña en contra dos vertidos incontrolados fronte as costas galegas. Con antelación, as campañas nacionalistas lograron impedir a instalación en Xove dunha central nuclear. Semella que Xapón, Fukushima neste caso, é lonxíncuo, mais o planeta Terra é un só, e non nos é alleo nada do que suceda, aínda que haxa miles de quilómetros de distancia: o millón de metros cúbicos de auga contaminada despois do accidente, na central nuclear de Fukushima, non están nun estanque, e a afectación oceánica é mundial.

Quedou en evidencia que a seguridade das centrais nucleares sobarda a capacidade humana de control, mesmo nun país como Xapón afeito ao máximo risco: os terremotos, explosións volcánicas, maremotos e tsunamis forman parte da dotación natural do seu territorio. É imposíbel non lembrar os 36.000 evacuados, os mortos de afectación directa, os afectados de cancro de tiroides tratados hoxe, e o custosísimo mantemento da central nuclear para que non continúe explosionando. E un pouco menos recente, pero igual de significativo como medida da soberba humana neste tempo, é o accidente de Chernobil (abril do 1986): en 2018 Victor Sushko, subdirector do Centro Nacional de Radiación (NRCRM), descrebeu Chernobil como “o maior desastre creado polo home en toda a historia”. Hoxe en día, Ucrania paga pensión de viudedade a 36.525 persoas consideradas directamente afectadas. Os pseudo-argumentos científicos de incremento da seguridade no presente, propagados polos turiferarios a soldo das empresas nucleares, non poden opacar, esconder ou terxiversar unha evidencia: non existe de momento capacidade humana de controlar as situacións de risco posíbel nas centrais nucleares, nen de eliminar os efeitos nocivos dos residuos xerados no seu funcionamento. Neste campo, o dominio humano da técnica non alcanza o nível do monstro creado.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats