Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Nenos (The kids are alright)

Interior do edificio que albergará o centro da Xunta para menores migrantes en Monforte de Lemos (Lugo) tralo ataque cun cóctel molotov

0

A primeira vez que din clase nunha escola foi nunha aula de educación infantil. Supúñase que lles tiña que aprender inglés de forma lúdica a un grupo de crianzas de catro anos dúas horas á semana despois de clase, pero aquel primeiro día, sen a formación adecuada nin os recursos para desenvolverme, saín daquela clase como se viñese de Vietnam. Aqueles non eran querubíns obedientes que atendían a todos os meus contos cos ollos moi abertos, senón máis ben unha amalgama de brazos e pernas (e babas, e moitos mocos) que se movían en tromba pola aula berrando como animais salvaxes porque levaban pechados naquel colexio, sentados en pupitres, desde primeirísima hora da mañá. Xurei non volver, pero fíxeno (que remedio) e aínda recordo o día, unhas semanas despois, no que atopei un daqueles pequenos salvaxes de paseo pola rúa coa súa mamá e reparei no realmente pequeno que era, pouco máis ca un bebé. Agora que lle dou clase a adolescentes, e que teño moita máis experiencia e recursos, aínda me sorprendo ás veces pensando neles coma unha masa problemática (especialmente nas clases da última hora) no canto de ver o realmente pequenos que son, xa non bebés pero aínda nenos e nenas.

Á xente que non ten contacto diario coa rapazada pásalle algo parecido, cando ve a moitos xuntos asústase un pouco porque son barulleiros e tenden a ocupar moito espazo, e aí sae a cachón o conservadurismo, a desconfianza e o “nos meus tempos non facíamos tal ou cal”. Hai tempo que a ultradereita, que vive de axitar medos, sabe isto, e por iso cando critican a acollida de nenos e nenas desamparados non lles chaman nenos e nenas desamparados, senón “menas”. Alfonso Rueda fala de aluvións, de avalanchas e de guetos, sabendo moi ben que as palabras teñen peso máis alá do dicionario, que os nomes colectivos desdebuxan as persoas e as comparacións con fenómenos adversos acaban por deshumanizalas.

Nada é casual nas hipérboles empregadas polo PPdeG e difundidas a diario pola nosa televisión pública e outros medios afíns. As asociacións de protección da infancia, os colectivos de migrantes e mesmo o Arcebispo de Santiago xa advertiron sobre as consecuencias de usar esta linguaxe incendiaria, e ao final chegaron. O pasado 21 de setembro, uns terroristas lanzaban cócteles molotov contra o edificio de Monforte no que a Xunta decidiu concentrar a acollida de nenos migrantes. A policía aínda non atopou os culpábeis, e non parece que o goberno galego os estea a apremar especialmente, sobre todo se o comparamos coas reaccións ante outros atentados contra a propiedade. O que si fixo o PPdeG foi apresurarse a condenar a condena, é dicir, criticar a todos os políticos que condenaron enerxicamente o atentado racista e advertiron de que as palabras teñen consecuencias. Paula Prado, que nunca lle tivo medo a equivocarse cando fala en público, mesmo se atreveu a equiparar o ataque racista coas protestas contra o xenocidio en Palestina que tiveron lugar durante a Vuelta Ciclista a España, e a tal hora ninguén do executivo galego a chamara aínda a capítulo pola aberrante comparación. A conselleira da que depende o centro de acollida, Fabiola García, fixo unha tépeda condena para acto seguido afirmar que os nenos e nenas migrantes son unha “imposición” para o goberno galego.

Dicía o poeta James Baldwin que todos os nenos son os nosos nenos, e di a Declaración dos Dereitos da Infancia que os nenos e nenas teñen dereito a seren protexidos, e porén o noso goberno pretende facer un xogo de suma cero, no que non hai cabida para todos e invítanos a escoller segundo pantone. Se cadra o fan para seguir contando cos votos dos fascistas que se concentran contra os nenos migrantes, porque o certo é que os nenos galegos tamén lles importan ben pouco. Asociacións de protección da infancia como UNICEF, IGAXES ou a Cruz Vermella advirten de que a consellería de Fabiola García leva anos sen habilitar prazas no sistema de protección de menores, e as que hai non abondan para todos os nenos e nenas que precisan protección. Os mestres volvemos saír á rúa esta semana, entre outras cousas porque a consellería non lle está a dar resposta ao alumnado con necesidades de apoio educativo e, mentres o conselleiro fai chanzas sobre as protestas, hai rapaces que non poden acudir a clase porque non hai coidadores abondo, centros reclamando especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, e profesores facendo adaptacións curriculares para un terzo da aula sen apoio ningún.

Os nenos están ben, di Román Rodríguez coa súa retranca lalinense, e confía en que miremos para outro lado e pensemos que os problemas veñen de fóra. Os nenos están ben, di Fabiola García, e aproveita para falar do difícil que é acoller menores estranxeiros mentres segue sen habilitar prazas para protexer a uns e outros. Os nenos non están ben, cantaban os Offspring aló polos anos 90, cando moitos dos que agora se asustan facían tamén parte desa masa de adolescentes barulleiros que ían pola rúa berrando e espantando vellas. A moitos deles conviríalles recordalo, porque á hora de protexer a infancia, só hai dúas opcións posíbeis: ou estamos cos nenos, con todos os nenos, procurando o seu benestar e a súa acollida, ou estamos do lado dos fascistas que lles lanzan cócteles molotov.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats