Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Pois non eran só dous ou tres bares...
“O que temos non é un problema xeralizado na Mariña; o que temos é que localizamos dous ou tres bares, que por certo pechamos, onde os camareiros case todos estaban infectados e, polo tanto, tiñamos que cortar ese brote cos clientes que entraban e saían do bar”.
Sen valorar que o de andar pechando bares non é cousa da que fachendear, 72 horas foron dabondo para demostrar que Feijóo se trabucaba. A súa visión do que sucedía na Mariña é similar á daquel conto de Good morning, Vietnam. Preguntábanlle a Nixon se había un problema coa droga entre as tropas e el (ou Robin Williams imitándoo) respondía: “Non hai ningún problema: todo o mundo ten”.
A decisión de pechar A Mariña dende esta medianoite ata a xornada de reflexión (guiño, guiño, codazo) chega despois de que os alcaldes da comarca –e os líderes da oposición, que levan días suspendendo os actos de campaña na zona– se fartasen de andar pedindo un protocolo claro de actuación. A Xunta, porén, pasara palabra. O venres díxolles que eles eran autoridade sanitaria e que a eles lles tocaba vixiar que se cumprisen as medidas de seguridade e mesmo multar a quen non o fixese. En concellos como Barreiros, onde nin policía local teñen, aínda se preguntan como ían facelo…
Con casos coma este, non sei por que teimamos en usar sempre o PNV como exemplo de mobilidade nas transferencias, cando o pistoleiro máis rápido do Nor-Noroeste quédanos desta banda do Nervión. Feijóo pasou toda a pandemia reclamándolle ao goberno a xestión da crise e, cando Illa aínda ben non acabara de soltala, o presidente da Xunta xa lla traspasara aos alcaldes da Mariña. A man sempre é máis rápida que a vista. Sobre todo, para desfacerse dun marrón…
Supoño que haberá moitos galegos –e mesmo algúns mariñaos– aos que collerá de sorpresa a decisión de Sanidade. Descubrir que había un rebrote en Galicia era un traballo case detectivesco. Pero non todos imos no mesmo saco. Mentres algúns medios –contados– levabamos días abrindo con este tema, atopalo nas portadas ou nos informativos dos medios públicos precisaba tempo e unha cana.
Dous exemplos deste domingo. A única referencia á COVID na capa do diario de maior tirada do Impaís, era esta: “Galicia baja de los 300 casos activos de coronavirus”. Nunca estivemos mellor…! No xornal lucense de referencia, gardábanlle unha columna baixo este outro titular, ben máis rechamante: “Confinadas en Lleida más de 200.000 personas por un rebrote del coronavirus”.
O comportamentos dos medios concertadiños podería ser casualidade se non fose pola unidade de acción cos públicos. O xornalista Anxo Luxilde publicou en tuiter varias escaletas do Telexornal que deixaban claro como se facía todo o posible para que o asunto pasase desapercibido. O día que Feijóo culpou os bares, dedicáronselle ao rebrote 33 segundos no minuto 35. O seguinte, tivo case 120 segundos de escaleta no 28. Xusto a medio camiño, no 14, ían outros dous minutos sobre “o seguro que vai ser votar o 12X”. Porque esa é a clave: o domingo temos eleccións. E isto condiciona todo.
Cando convocou os comicios para xullo, Feijóo avogou por facer unha campaña de perfil baixo, mesmo máis curta do habitual (se houbese consenso), xa que a súa prioridade era seguir xestionando as consecuencias da pandemia.
Lo que pasó después, te sorprenderá.
Segundo as contas dos compis de praza.gal, dende a pegada de carteis ata este domingo, Feijóo protagonizou seis actos como presidente e 33 mitins; é dicir, que anda aí-aí coas comparecencias televisadas durante a pandemia.
E aquí está outra das claves. TVG e Radio Galega retransmitiron todas e cada unha das roldas de prensa de Feijóo no estado de alarma –mesmo aquelas nas que o interese informativo xa escaseaba–, pero a comparecencia do conselleiro de Sanidade para anunciar o confinamiento de 70.000 persoas só puido ser seguida pola páxina web da CRTVG. A esa hora, a tele daba a elixir entre a reapertura do Aquapark de Cerceda ou as traiñeiras; na radio soaba un enlatado sobre naufraxios. Pura metáfora.
Pero aínda máis rechamante que a camuflaxe da comparecencia foi a elección do seu actor principal. Mentres Almuiña asumía un protagonismo que nunca tivo durante o estado de alarma, Feijóo –o que subordinaba a campaña á xestión da crise–, estaba chegando a Vilagarcía para ofrecer o seu segundo mitin do día. O primeiro fora en Compostela: un acto sectorial de pesca a 30 quilómetros da costa cun lago e uns parrulos de fondo.
Na precampaña de 2012, Feijóo interrompeu a programación da TVG para anunciar un contrato con Pemex que remataría nun dos seus maiores fiascos. Este domingo, o confinamento de toda unha comarca non só non xustificou unha emisión en directo. Nin sequera mereceu que o presidente de todos os galegos demostrase que gobernar era a súa prioridade.
E todo indica que aínda o fará outros catro anos. Non nos van chegar os bares.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0