Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Profecía auto-cumprida

Inicio del curso escolar en Nadela, Lugo.

0

Sempre estamos a agardar polo volcán, o tsunami, o evento cataclísmico que transforme as nosas vidas de xeito devastador e para sempre, e sobre o que poidamos dicir con total consenso “isto é obxectivamente malo”.

O caso é que, ao contrario do que acontece cos desastres naturais, os retrocesos sociais non teñen lugar dun día para outro. Aseméllanse máis a ese paradoxo do montículo de area, no que se van retirando os grans un a un até que non queda nada, pero non hai xeito de sinalar o gran exacto que fixo que o montículo deixase de ser tal.

O ensino público galego xa vai camiño de deixar de ser montículo e converterse en chaira, pero a sensación de que sempre hai algo máis urxente que resolver impídenos calibrar a magnitude do desastre.

Durante o curso pasado, a contratación de profesorado de reforzo para cumprir co protocolo que esixía a COVID desviou momentaneamente a atención dos anos de recortes sistemáticos, pero nin os esforzos contratadores da Xunta foron tantos como Feijóo anunciaba cada vez que tiña ocasión (non esquezamos que foi o pulso das directivas de moitos centros en setembro de 2020 o que obrigou á consellaría á contratación de máis persoal), nin serviron para reverter a situación de peche de liñas, módulos e escolas enteiras que ven sufrindo o ensino público. De feito, cada vez que o presidente fachendeaba polo profesorado de reforzo, o persoal docente contiña a respiración agardando pola estocada que viría despois, porque (quer por ser agoiros, quer por experiencia acumulada) sabiamos que os recortes volverían con forza renovada. Como bo estadista, Alberto N. Feijóo fai súas as palabras (equivocadas) de John F. Kennedy e converte cada crise nunha oportunidade para aforrar (nos servizos públicos), externalizar (consultas á privada) e subvencionar (Abanca).

Como era de esperar, este verán a consellaría de educación retomou a ardua tarefa de desinvestir no ensino público gran a gran. Para non alarmar moito á prensa, fixérono con agostidade e aleivosía: no canto de anunciar en xullo, cando as familias aínda están atentas, os recortes de profesorado de educación primaria, trasladaron o concurso de adxudicacións de destinos provisionais (CADP) a agosto, e cos centros pechados e o persoal de vacacións as directivas descubriron que Román Rodríguez deixaba nas súas mans a decisión de Sophie: tes que eliminar catro docentes provisionais do teu centro, pero non che digo cales. Xa en setembro, a consellaría fixo o propio co profesorado de secundaria, recortando en case 600 o número de docentes adxudicados ao inicio do curso, moitos máis dos que se contrataran para os cacarexados reforzos.

Poida que este facer e desfacer ás agochadas, quito un profesor de aquí, pecho un módulo alá, non sexa abondo para xerar un minuto de ouro televisivo con conexión en directo e reporteiro a pé de consellaría, pero as súas consecuencias de seguro son devastadoras. Por unha banda, os decretos de currículo de primaria e secundaria seguen a prometer unha educación centrada no alumnado e con atención á diversidade, que non podemos dar na práctica se nas aulas temos ratios que se asemellan ás dos anos 80; malia coñecer esta realidade, a inspección non quere oír falar de “repetidores”, ese anatema, e o que facemos, consciente ou inconscientemente, e abandonar á súa sorte o alumnado con dificultades, que vai pasando de curso en curso sen ter os recursos necesarios para superalos, até chegaren ao punto sen retorno do abandono escolar.

Este setembro, mentres os centros estaban ao organizar o inicio de curso, a consellaría decidiu suprimir aquelas materias optativas que non alcanzasen un quórum de cinco alumnos matriculados, mesmo se nos centros en cuestión había docentes con horas dispoñíbeis para asumir esa clases. O que semella unha medida non demasiado drástica se imaxinamos un gran instituto urbano cunha oferta académica variada, vira en desastre cando o confrontamos coa realidade dos centros rurais e periurbanos onde se suprimiron materias: ao se eliminar un curso por falta de alumnado, esas materias (en ocasións modalidades enteiras, coma o Bacharelato artístico, módulos de FP, ou a educación secundaria de adultos, que ven de desaparecer de toda a comarca de Chantada) desaparecen do catálogo do centro, que para o curso seguinte ten menos opcións e servizos que ofrecer ao alumnado, o cal redunda en matrículas cada vez máis baixas cando as familias buscan alternativas noutras vilas e centros, o que xustifica os recortes para cursos vindeiros, e así é como se constrúe o perfecto círculo vicioso do desinvestimento en servizos públicos.

No ensino primario os recortes chegaron a extremos tan ridículos como o do CEIP Monte dos Postes de Santiago, cuxa aula de 2º de Primaria ten que compartir titor co CEIP das Fontiñas, o que supón que a rapazada de 7 anos non teña profesor de referencia, senón unha serie deles que van cambiando segundo as gardas libres do profesorado. Este fenómeno de compartir docentes entre dous centros estendeuse tamén aos equipos de orientación, que ven como os especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe, fundamentais no traballo da aula, teñen que decidir se interveñen no ciclo de infantil ou no de primaria porque non son especialistas abondos para atender as necesidades do alumnado.

A resposta de Román Rodríguez e Feijóo a esta erosión da calidade no ensino é, coma sempre, buscar a quen botarlle as culpas. Neste caso é todo cousa da baixa natalidade. Feijóo e o seu conselleiro empéñanse en tratar un servizo público con lóxica empresarial, e como non poden pechar esta fábrica por falta de demanda, o que fan é “optimizar gastos” mantendo ducias de centros de ensino no esqueleto, e acentuando o éxodo rural-urbano e pública-concertada. Despois poderán xustificar a inxección de cartos no ensino concertado porque ten unha alta demanda.

Estes recortes, en marcha desde hai anos, pronto acabarán sendo outra das profecías auto-cumpridas do presidente. Como o decreto do plurilingüismo, que fixo retroceder o uso do galego até extremos impensábeis para que o director xeral de política lingüística poida dicir agora que a culpa é dos rapaces, que non o queren falar. Como o peche de axendas da sanidade pública, que arrastra doentes desesperados aos centros privados. Feijóo está a aplicar exactamente a mesma estratexia co ensino, e se non lle poñemos solución nós, as directivas, o profesorado, as ANPAS e ao cabo a veciñanza toda, porque a educación é cousa de todo o mundo, moi pronto ollaremos para o lugar onde antes estaba o montículo de area e preguntarémonos onde foron todos os grans, e sobre todo como foi que non o vimos vir, co atentos que estabamos.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats