Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Alfonso Rueda: un hándicap para o PP

El presidente de la Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, en la puerta de San Caetano.

0

A substitución de Alberto Núñez Feijóo por Alfonso Rueda é vista por alguns observadores como unha nova ventá de oportunidade para a oposición de BNG e PSdeG.

Alfonso Rueda tivo un papel central na campaña electoral que acabou co bipartito, tal vez a máis porca de todas as que teñen sido en Galicia. Hai que inferir, por tanto, que é, como Feijóo, un duro que busca un rostro ambiguo. O que se necesita para gañar eleccións.

De momento, posúe un perfil difuso, vago e inconcreto. En Desmontando a Harry, película de Woody Allen, hai un personaxe que aparece borroso, difuminado. Que Rueda esta desenfocado é evidente quale forte dolore al ventre.

Por que foi escollido como Presidente? Posiblemente a explicación radique en que o PP ten unha enorme confianza en si mesmo como aparato, máis aló do candidato que comparece. Ou sexa: que van de sobrados. E a Rueda tocáballe, por orde de prelación.

Dende logo, o espíritu do tempo, que sopra á dereita, conspira para que o PP teña moitas posibilidades de seguir perdurando no goberno da Xunta. O malestar na civilización, así nos USA como na UE, está sendo dixerido en marcos conservadores. Como a bolboreta mundial inflúe no ciclo político galego e no español cabe que Feijóo chegue á Moncloa acompañado de Abascal. Se iso sucede, o PP de Galicia terao fácil.

Con todo, un candidato así non deixa de ser un hándicap.

A vantaxe do bloque da dereita

Ao final, dende hai vinte anos polo menos, a suma dos electorados de esquerda e dereita (neste momento PP+Vox, dunha banda; BNG, PSdeG, Galicia en Común pola outra) son aproximadamente equipotentes: cada convocatoria electoral rexistra unha partición que ronda o 50% cara enriba ou cara abaixo de cada un dos dous bloques. Se, por algún motivo, os electores conservadores se desmobilizaran ou, da outra banda, se dera unha onda de ánimo e convicción o que parece imposible podería suceder.

O bloque da dereita ten unha vantaxe evidente: agrupa a práctica totalidade do seu voto en torno a unha única opción, o PP. Galicia non está a salvo, nin moito menos, da polarización ou das fluctuacións da política xeral española, antes ao contrario, pero posúe, de momento, un microclima específico no que Vox non xoga un papel.

Con todo, o PP, se o entendo ben, perdeu raíces e poder de mobilización. Domina os mecanismos e o cadro de mando do país, pero pode detectarse unha disminución do fervor e o arraigo populares.

Lonxe do modelo bávaro, co seu rexionalismo simbólico e os baños de masas dos que o tándem Fraga/Cuíña gustaban, o PP de hoxe é máis retraído e tende a confíar máis no ciclo político español: a poñerse en liña coas tendencias do PP madrileño para vencer. É unha lectura plausible da dirección do movemento. Pero non deixa de ser unha forma de inhibirse e, probablemente, de perder peso a medio prazo. O núcleo irradiador é máis intenso, pero perde extensión.

De feito, a conxunción PSdeG-BNG goberna tres deputacións e a maior parte dos concellos da Galicia urbana. Por máis que todo prognóstico de fondo sexa altamente equívoco, pola volatilidade xeneral da época, non sería estúpido presumir que pouco a pouco o punto de cocción ou de sorpasso se achega.

Unha xestión ineficaz, case depresiva. De feito, un bluff

Co PP, nos últimos anos, descenderon a poboación e o PIB. Todo parece indicar que o horizonte está abocado a que o organismo se consuma, salvo un golpe de timón. Non é que non haxa esperanza en Galicia, pero depende máis ben de iniciativas e empresas que naceron e se desenvolveron á marxe da acción da Xunta. A incapacidade do PP para conducir a economía galega é manifesta e está á vista de todos. E producíu e segue producindo -quen podería non velo?- un decaemento do ánimo colectivo.

Que cunha xestión tan ineficaz, case depresiva, o PP consiga manter as porcentaxes de apoio non deixa de ter algo de milagroso.  Por suposto, a manipulación dos media apenas deixa filtrar un anaco de realidade (por certo, eses media, ao diluír aquilo que ten que ver con Galicia, están segando a herba debaixo dos seus pés) pero hai algo máis. Algo que pode ter que ver coas incapacidades de BNG e PSdeG -e de Galicia en Común- pero tamén, talvez sobre todo, co medo.

O PPdeG, aínda que ineficiente e gris, un bluff, parece fiable. E ese é o talón de Aquiles da oposición: teñen que dar seguridade, un valor en alza en tempos de incerteza.

O máis importante é non equivocarse. No ciclo político subsecuente á crise do 2008 unha mala lectura da sociedade galega fixo que En Marea, un valor en ascenso, ademais de descoidar a propia organización e a dilixente administración das cousas, fatigase unha retórica ampulosa que, fóra do balbordo inicial, pouco percorrido podía ter. Era un grande erro. Unha demostración precisa, empírica -outra máis- de que se vives na burbulla perdes capacidade de orientación.

Entrar no electorado do PP

De feito, a grande pregunta vai en dirección inversa e é esta: como entrar no electorado do PP conservando o propio? É posible facelo. Tanto o PSdeG coma o BNG poden facelo, cada un a súa propia maneira. Pero teñen que saber interpretar a demanda social.

Digamos, en estilo enigmático, que Galicia é o que é. Interpretar o país, os ritmos das súas transformacións, as tendencias de fondo, os estados de ánimo colectivos, as emocións e os prexuízos compartidos non é fácil.

Galicia cambiou, segue cambiando, moi rápido. Bismarck dixo “hai que saber escoitar os cascos de cabalo da Historia”, pero a lista de cadáveres, alguns moi novos e moi lindos, que morreron por non saber ler a situación ou prever o que se lles viña enriba é extensa.

Méndez e Gayoso poderían dar unha lección maxistral que eu escoitaría con arroubo, e ata con éxtase. Pero hai moitos outros. No mundo económico, no político e, colmo dos colmos, ata no cultural. Aínda que estes últimos rara vez pillan cacho e, no mellor dos casos, non pasan de recoller, como paxariños esmirriados, as escasas faragullas que caen da boca do cabalo.

Aos cidadáns de Galicia hailles que dar obxectivos. Un sentido de dirección. A confianza de que unha coalición de goberno sabería gobernar con tino e sen divisións internas. Pero sobre todo, unha visión de futuro. Non voluntarista e arbitraria, senón concreta e programática. Unha imaxe detallada do horizonte. E optimismo. O máis difícil é crear ese mínimo de esperanza sen o que ningunha vontade se resolve a facer. Parece sinxelo, pero hai que mover montañas.

Digan o que digan, este non é un país fácil. Nin brando. 

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

stats