Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Colaboradores necesarios. A violencia machista institucional
Este ano, na Galiza, un dos focos das mobilizacións en torno ao 8M foi a violencia machista institucional. A elección de Verín o pasado 1 de marzo foi pola súa loita contra o peche do paridoiro e as urxencias pediátricas. Puxo o nome de violencia obstétrica sobre a mesa, unnha de moitas violencias machistas institucionais que enfrontamos as mulleres no eido sanitario.
Poñer a vida no centro. Violencias machistas institucionais. É imposíbel para min, escribindo sobre este tema, non lembrar que no Estado español levamos 14 asasinatos machistas -segundo fontes oficiais -e 22 asasinatos se os mediramos correctamente (ver feminicidio.net) no que vai de 2020. Ás veces penso que non é xusto que poñamos o contador a cero cada 1 de xaneiro. O contador púxose a cero en 2003 cando o Goberno, grazas á presión feminista, se decidiu a medir (inframedir, mellor dito) os asasinatos das mulleres a mans das súas parellas ou exparellas. Desde ese ano, asasinaron no Estado a moitas máis de 1.047 mulleres e crianzas por violencia machista. É triste estar pelexando por que conten ben os asasinatos. Pero desde a socioloxía sabemos que o primeiro para abordar un problema social é contabilizalo, e contabilizalo ben. Pero aínda estamos nesa fase. Resulta que a día de hoxe unha muller asasinada por un home que coñece de noite non é contabilizada, como tampouco o é unha muller asasinada mentres exerce prostitución.
A violencia machista institucional comeza nas cifras. Na capacide que ten o propio Estado en minimizar o feminicidio, en maquillar os datos, en non facer estudos a fondo sobre o tema. Lamentabelmente, desde o ano 2010 só se levaron a cabo a nivel estatal dúas enquisas de violencia contra a muller: unha en 2011 e outra en 2015, e até aquí chegamos. Unha enquisa cada catro anos resulta totalmente insuficiente para avaliar a dimensión e a evolución da violencia machista no Estado español. Claro que a Enquisa de Poboación Activa que mide o desemprego se realiza cada tres meses. O surrealista de todo é escoitar voces patriarcais da posverdade que falan das “denuncias falsas”, que recalcan a esaxeración dos datos dos asasinatos das mulleres. Resulta que logo de revisar a fondo as estatísticas, a(s) violencia(s) machista(s) son moito maiores das que se rexistran, e non ao revés.
Pero a violencia machista institucional continúa, alén das cifras, no eido educativo, sanitario, policial, xurídico, nos servizos sociais, nos xornais... “A muller non presentara denuncias previas”, unha especie de tufo culpabilizador respírase na interpretación dos subtítulos das novas. Se queremos poñer as vidas no centro precisamos comezar a pensar que non é preciso que medie unha denuncia para detectar e traballar na prevención da violencia(s) machista(s), para que o Estado se pregunte que continúa a fallar. A violencia machista institucional vai precisamente diso: é a omisión do Estado fronte ás violencias que xera o machismo na vida das mulleres (e das súas crianzas).
É ademais unha omisión que por momentos coloca a “culpa” nas mesmas mulleres. Non somos vítimas por ser mulleres, claro que non, grazas Cayetana Álvarez de Toledo por lembrárnolo, pero estamos oprimidas polo feito de ser mulleres. Non é cuestión ontolóxica, senon sistémica. Esa é a definición sociolóxica de violencia machista: ser violentada polo feito de ser muller. Cremos que podemos deixar de estar oprimidas, por iso loitamos, por iso facemos folga, por iso saímos as rúas, por iso nos organizamos, por iso esiximos políticas públicas contra as desigualdades.
A masculinidade hexemónica socializada no patriarcado asasina ao redor de 100 mulleres ao ano no Estado español. E as políticas públicas destinadas á prevención e atención das violencias machistas teñen tantas ausencias, recortes, subcontratas a fundacións privadas e falta de persoal especializado en igualdade que resultan a día de hoxe “colaboradoras necesarios” destas cifras. Que falla? Programas ben planificados para prevención na escola; repensar os plans de estudos nas Universidades; unha reformulación xeral na atención ás mulleres en situación de violencia e as súas crianzas. Precisamos persoal suficiente e especializado en servizos sociais (sen listas de espera), precisamos persoal formado nos xulgados de violencia (e que conten con salas de espera dignas), unha avogacía especialista en violencia na quenda de oficio, nos centros de saúde, precisamos privacidade nas comisarías… (todo o anterior léase tamén para o rural!).
Por sintetizar, precisamos derrubar os muros de estereotipos sexistas que abundan nuns servizos que precisamente están pensados para atender ás mulleres en situación de violencia. Iso é violencia institucional: recibir un trato inadecuado e inxusto por parte dunhas entidades das que esperas precisamente axuda e apoio. Temos que ter en conta que moitas mulleres denuncian a violencia logo de anos nesa situación, e xustamente que as propias institucións e servizos aos que acoden (e aos que teñen dereito) dubiden da súa palabra, ou até a responsabilicen do acontecido, é dunha neglixencia aberrante.
Precisamos que calquera persoa que poida atender unha muller en situación de violencia no seu traballo teña a formación suficiente para non caer nunha dobre vitimización. E isto non se aprende en 30 horas nun curso online, nin en cursos mal programados sen profesorado especializado. Non é só cuestión de orzamento. É, sobre todo, de vontade en facer políticas públicas feministas ben planificadas. Cousas fáciles de mudar e que terían un impacto tremendo nos e nas profesionais do futuro. A día de hoxe, en Galiza, a materia de violencia de xénero en Traballo Social é optativa. Noutros estudos, como en Dereito, nin é optativa.
Precisamos tamén avaliar e analizar cada asasinato e ver que sistemas de detección fallaron. Precisamos que se deixe de lanzar balóns fóra na responsabilidade institucional. A última muller foi asasinada pola súa exparella cando foi á casa familiar recoller as súas pertenzas. Que fallou? Investigarao alguén polo menos?
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
1