Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Máis primeiras voltas dá a nora (da Ascensión)

El portavoz de campaña del PP, Borja Sémper, y el presidente del PPdeG, Alfonso Rueda, ante la noria de la Ascensión en Santiago.

Luís Pardo

0

Fáiseme moi curioso isto de ver a campaña dende a distancia, como un civil calquera, por vez primeira en case 25 anos. Eu, que practicamente debutei nisto do xornalismo –polo menos, no xornalismo con contrato– nunhas eleccións municipais, organizando a cobertura dunha emisora recén nacida na que tiñamos que inventalo todo, como uns candidatos calquera.

Lembrando aquela tolemia –e a seguinte, e a seguinte, e a seg…–, custábame crer que, igual que a xente normal, puidese vivir alleo a ese mundanal ruído. Imaxino que a iso axudou mudarme á zona rural dun concello que non chega aos 10.000 habitantes. Zoa máis o vento nas árbores que o ruxerruxe das consignas partidarias.

Alén do preceptivo buzoneo, a primeira vez que alguén me falou por aquí das eleccións foi a miña peiteadora. Namentres me barbeaba, contoume que nun recente debate escoitara o alcalde vitalicio falar dos millóns de remanente que acumula o concello. Interveu entón a oposición –deixáranlla botando– para retrucar que se tantos cartos hai será porque non se fai nada. Vaia, que se me chega dicir que o terceiro candidato engadira algo sobre unhas fochancas, pensaría que sigo vivindo en Compostela…

Esa foi tamén, por certo, a constatación de que nestes comicios si se dirimen os asuntos da nosa realidade máis próxima. Resulta que, fronte o que nos queren facer pensar, non só estamos ante unha primeira volta das xerais. Sen ir máis lonxe, cando caín por accidente nun dos espazos electorais gratuítos do Telexornal –o resto de espazos electorais dese programa son de pago e están todos comprados– atopei a Alfonso Rueda, en Poio, falando de Bildu. Aí mesmo, lestes ben: en Poio, onde todas as enquisas apuntan que a preocupación polas listas electorais en Euskadi xa só é superada polo tráfico na Ponte da Barca.

Realmente, ou a Rueda pásalle como ao seu antigo xefe e ten serios problemas de localización xeográfica, ou alguén o convenceu de que os abertzales poderían cogobernar co BNG a uns quilómetros da súa propia casa. Incluso así segue sendo difícil de entender semellante obsesión neste marco concreto. Ou será que, para variar, o obxectivo é outro e nesta campaña non se pensa nas corporacións locais…?

Así que volvemos ao concepto da primeira volta. Como non todo vai ser soñar coa Moncloa, nese mesmo zapping, ou no do día seguinte –que en campaña todos somos un pouco Bill Murray en Punxsutawney– vexo a Valentín González Formoso dicindo que a Ana Pontón non lle interesan estas eleccións municipais e que ela só fala das galegas. Primeira volta do camiño a San Caetano?

Se isto fose así, entón, ficarían empatados, porque canto tempo hai que ao PSOE non lle interesan unhas autonómicas en Galicia? E digo PSOE conscientemente: non uso a marca autóctona porque a responsabilidade deste desleixo é compartida –senón directamente imposta– por Ferraz.

Supoño que, como acontecía con Fraga, iso era porque pensaban que Alberto estaba mellor tranquiliño, impondo a súa lei no córner noroeste, e non apuntando a Madrid. Claro, agora que xa viron como é de verdade, sen o escudo da propaganda, igual entenden que ese medo era excesivo... O peor é que, neste remake d’A ameaza pantasma, lembra máis a Jar Jar Binks que a Darth Maul. E non só porque o gungan tamén rematase no senado (galáctico) e acabase dándolle poderes especiais ao futuro Emperador. Pero estabamos falando dos socialistas…

Non quero pensar que o motivo desa renuncia sexa outro e que o PSdeG (agora si) non teña un proxecto de país senón 313. Porque o que está claro é que, se algo se lle dá ben aos nosos socialistas, iso son os concellos. E, por lóxica, dun tempo a esta parte, tamén as súas irmás maiores: as deputacións. O único que se resiste ao seu dominio segue a ser o Vin Diesel de Esgos.

Curiosamente, ningún dos dous –breves– presidentes autonómicos do PSdeG chegou do municipalismo, o gran bastión do partido. Pero, seguramente, o vindeiro que loite polo cargo si teña un pasado nunha corporación: sexa o desexado Besteiro, o ministro Miñones ou o orgánico Formoso. Aínda que, se os resultados de dentro de sete días confirman as enquisas, eu non desbotaría converter este trío nun póker engadindo por fin unha muller á ecuación: Inés Rey.

Se isto fose gringolandia, diríamos que faría un gran ticket con Ana Pontón, que xa sabemos que, pola esquerda, isto de asaltar a Xunta non é nunca cousa dun só. Ou dunha. Iso si, non me pidades que adiviñe se, para daquela, serán dúas ou tres as contendentes con opcións pola banda de babor. Aínda estou tratando de situar quen vai con quen nas fotos das polbeiras da Ascensión, como para subirme nesa nora…

Ves? Esa si é outra das cousas que boto de menos de Compostela. Aínda que, tal e como andan os prezos pola Alameda, un necesita xa un remanente de concello pequeno para poder celebrar en condicións.

De como subiron o resto de cousas, as básicas, mellor xa nin falo. Iso, gárdoo para a barbaría. Ou, aínda mellor: para a segunda volta.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

stats