Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A selectividade como deporte de risco

La Selectividad del coronavirus se generaliza por España

0

Esta mañá comezou a Selectividade en Galiza para 14.555 estudantes, incluídos os alumnos e alumnas da Mariña que estarán a afrontar esta proba con máis incerteza da que imaxinaban cando remataron o curso. Malia o cambio de datas, a modificación do formato de exame e o aumento dos centros onde se realizarán, nin a Consellería de Educación nin a Comisión Interuniversitaria de Galiza foron quen de garantir o acceso de todo o alumnado ás probas en condicións de igualdade e seguridade.

As recomendacións sanitarias da consellería de Vázquez Almuiña semellan mudar de intensidade ao gusto do aparato propagandístico de Feijóo: cando non había rebrote ningún nin se esperaba, as instrucións que deu a CIUG para a realización das probas, atendendo aos criterios de Sanidade, non contemplaban que os alumnos confinados por contacto co virus se puidesen presentar en xullo. Porén, a nova Orde de Sanidade modificou ese protocolo, non para facelo máis restritivo, como sería lóxico diante dun rebrote, senón para relaxalo, permitindo ao alumnado en contacto con positivos por COVID-19 na Mariña acudir ás probas e mesmo eliminando a obrigatoriedade da máscara durante o exame.

É difícil xustificar por que os estudantes en contacto con positivos non podían presentarse ás probas cando toda Galiza estaba na flamante “nova normalidade” e si poden facelo agora, precisamente na comarca onde se orixinou o rebrote, pero sospeito que, de seguir co protocolo inicial, ao señor conselleiro seríalle moito máis difícil xustificar por que os estudantes en contacto co virus non se puideron presentar á Selectividade e si puideron votar cinco días despois nas eleccións no caso de que xa tivesen feitos os 18. Eis a verdadeira explicación para ese cambio nuns protocolos que deberían estar baseados en criterios científicos e máis ben parecen obedecer a un acto de fe de Almuiña e o seu xefe, seguindo unha filosofía de anuncio de supermercado: malo será que pase algo.

A que aínda non se pronunciou sobre os problemas que todos estes cambios están a supoñer para alumnado e profesorado é a responsable última de todo o alumnado e profesorado da Galiza, a conselleira Carmen Pomar. Ímoslle conceder o beneficio da dúbida e pensar que está moi ocupada coordinando a operación: segundo denunciaba a plataforma ‘Profesorado en pé’ onte mesmo, a menos de 24 horas do primeiro exame estaba a CIUG tentando atopar profesorado que vixiase o correcto desenvolvemento das probas en Viveiro. Malo será que pase algo.

O alumnado afronta estas probas con máis nervios do habitual, non só polos protocolos que van e veñen, senón porque saben que este non é un bo ano para facer a Selectividade: as notas de 2º de Bacharelato víronse infladas polas circunstancias en que a consellería obrigou os centros a realizar a terceira avaliación, polo que a porcentaxe que aporta a Selectividade no acceso á universidade vai ser máis definitoria ca nunca. O confinamento foi unha máquina de destapar desigualdades, cos centros privados mantendo desde o día seguinte á declaración de estado de alarma un réxime espartano de tele-docencia, porque o seu alumnado estaba equipado cos recursos necesarios para seguila, mentres que nos institutos públicos facíamos contas para tentar dividir os 3 ordenadores cedidos pola consellería entre todos os que os precisaban. As diferenzas non foron só de tipo económico: non é o mesmo estudar na casa con pais con estudos superiores e tempo para axudarche, que facelo sen ninguén que che poida dar apoio, ou tendo que coidar de nenos e vellos, ou atemorizado pola enfermidade.

Así que non me gustaría estar na pel dun deses estudantes que hoxe mesmo están sentados nunha aula, tentando manter unha separación que non foi tanta como se anunciou, sen saber se quitar a máscara ou non, e xogándose demasiado futuro nun só exame mentres escoitan demasiados adultos ao seu redor coa ladaíña de que á rapazada de agora lle vén todo dado. Como aconteceu co sistema sanitario, a xestión das residencias de maiores, ou os servizos sociais, a crise da COVID axudou a destapar unhas debilidades na educación que teñen a súa orixe en anos e anos de recortes, case tantos como os que di Feijóo que leva abandonado o rural, e os principais prexudicados son os propios estudantes.

No caso do acceso á universidade, é doloroso comprobar que un sistema que se di público volve deixar moitas familias en mans da banca (léase separado ou todo xunto, dependendo de onde lles cobren a vostedes as comisións). A LOMCE cambiou un sistema de acceso mellorable por unha sorte de competición entre facultades públicas para verse prestixiadas: facendo a parte obrigatoria da ABAU, unha pode acceder a unhas poucas titulacións galegas que puntúan a súa nota de corte sobre 10, se queres entrar nunha das “difíciles” (todas as da rama sanitaria e de comunicacións, enxeñerías, matemáticas...) é necesario facer tamén a parte específica, que suma puntos á media de forma ponderada até chegar a un máximo de 14. Se na miña época as filoloxías seguisen ese sistema de acceso, eu aínda estaría a darlle voltas á matrícula tentando entender como cubrir o impreso.

Esta competición á alza fai que o alumnado se xogue moito (o 40% da nota de acceso, para ser exactos) a un só exame, e cando non se consigue entrar na carreira desexada é tamén difícil entrar en calquera da mesma rama, con notas de corte parecidas. Isto provoca que nas carreiras que piden menos nota haxa moitos estudantes á espera de poder cambiar de especialidade, pero tamén que familias obreiras, tentando darlle a mellor educación posíbel aos fillos, lle vendan a alma ao banco por un crédito para pagar un grado privado. Se así e todo non entran na universidade, aínda lles queda outra opción, porque sempre hai empresas dispostas a se aproveitar da desesperación allea: existen axencias que matriculan os teus fillos en primeiro da carreira en cuestión nunha universidade de Costa Rica, co aloxamento incluído, e ao rematar o curso tramítanlles o cambio de matrícula de volta aquí ocupando a cota de estudantes extra-comunitarios e deixando outras vítimas colaterais polo camiño: os verdadeiros estudantes extra-comunitarios que agora teñen que competir por esas prazas reservadas para eles con falsos estranxeiros. Todas estas manobras e esforzos económicos tampouco garanten unha saída laboral, pero serven para viciar un sistema público que se ve cada vez máis depauperado cando debía ser (iso nos contaron os nosos pais) o grande igualador social.

Que a educación é un gran negocio sábeno os grupos editoriais e as tecnolóxicas que, cada vez con menos disimulo, financian “comités de expertos” que empregan terminoloxía mercantil nos grandes titulares da prensa e ditan que metodoloxías están de moda e cales non mentres insinúan que o acceso ao saber elaborado non é un dereito. Sábeo o señor Feijóo, o Gran Privatizador, que agora se deixa facer as beiras por Abanca (desta vez si, todo xunto) para crear unha universidade privada galega que servirá para darlle o golpe de graza ás tres públicas. E sábeno os mozos e mozas que a esta hora están a facer de ratas de laboratorio fronte á COVID para que as autoridades sanitarias e educativas, con Feijóo á cabeza, nos conten a milonga de que a Selectividade foi moi ben e que en setembro non é necesario baixar ratios nin aplicar protocolos de volta ás aulas, porque malo será que enferme moita xente. E se enferman, como na Mariña, a facer os exames todos xuntos sen chistar, que xa sabe que o problema está nos bares.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats