O debate das Malvinas

La televisión y radio públicas de Galicia emiten este lunes el único debate de campaña entre candidatos a la Xunta.

Mesmo nas campañas de perfil baixo como esta –despois de que o PP xa lle espremese todo o zume posible á precampaña–, o único debate televisado entre candidatos segue a ser un momento estelar. Para todos, agás para o director xeral da CRTVG. Imaxino hoxe a Alfonso Sánchez Izquierdo finxindo o sorriso cando acuda a recibir os participantes. Seguro que a el lle tería gustado máis facelo a primeira hora de mañá, para “marcar a axenda do día”, que é o argumento que utiliza para xustificar o horario de todos os debates en que non participa Feijóo. Mágoa non facelo na mesa do Malicia Noticias.

O do perfil baixo demóstrase tamén no escaso debate sobre o debate, un debate case sempre máis apaixonante que o debate no propio debate. Ou iso, ou é que xa chegamos a ser esa “sociedade madura” da que tanto gustan os analistas dos faladoiros.

Seica a Feijóo non lle presta demasiado o formato, esta especie de Royal Rumble con sete participantes, un todos contra todos que el interpreta coma “seis contra min”. Algúns aínda lembramos aquela vez que impuxo tres cara a cara para evitar un previsible dous contra un. O biscotto do Pachi Vázquez vs Jorquera aínda se prescribe como remedio contra o insomnio.

Porén, estou certo de que hoxe prefire este rebumbio do que, como pescador experto, pode tirar ganancia sen necesidade de que os moderadores enlamen o campo. Chégalle con visibilizar que a alternativa ao seu goberno unipersoal –non precisa nin conselleiros nin siglas partidistas– son todos os demais xuntos… aínda que Cs e Vox, en realidade, irían correndo a apoialo se tivesen algunha opción de entrar no Pazo do Hórreo. Sábeo, pero non lle importa. Aquí veñen facer vulto. Como Pancho Álvarez; perdón: como Pancho Casal.

O herdeiro natural da que foi segunda forza en 2016 non é o exprodutor, senón Antón Gómez-Reino. Se alguén semella obrigado nesta campaña, ese é el. Se nalgún momento do debate o vemos despistado será porque a) estará contando os minutos que lle quedan para retornar a Madrid, á tranquilidade do grupo parlamentario; ou b) porque se está arrepentindo de non ter deixado o seu sitio a Martiño Noriega (no debate, si; pero tamén na cabeza de lista). É posible que as dúas respostas sexan válidas.

Gonzalo Caballero, que xa case se vía de presidente antes da pandemia, é o que menos vai preparar o debate. E iso que case é quen menos adestrado está nestas lides. Só xogaría con vantaxe, por iso de coñecer o terreo, se o plató estivese en Sabón e non en San Marcos. Aínda así, practicamente, nin sequera suspendeu a súa axenda (vese que estas cousas cústanlle traballo, non esquezamos o difícil que xa lle foi en marzo suspender a campaña). Polo seu perfil, e seguramente en contra do que el mesmo pense, pode ser quen máis teña que perder. Corre o risco de ser o novo Luís Villares.

Por primeira vez tamén está nesa situación Ana Pontón. Quizais por iso ela si tomou toda a fin de semana para centrarse na cita, tras coller forzas coa empanada e os eloxios de Aurita, a súa nai. A candidatA nacionalistA (por usar unha grafía do seu gusto) sabe da importancia dese momento. Hai catro anos converteuno no punto de inflexión da caída libre na que se atopaba o Bloque. Cando as apostas agardaban polo enfrontamento entre Feijóo e o novo e flamante candidato das puxantes mareas, Pontón –xa daquela unha moza veterana do combate político– rachou co seu rol de secundaria e rouboulles a escena ás supostas estrelas.

Ante os milleiros de galegos que o vían por vez primeira, Villares tivo un debut decepcionante que lastrou o resto da súa campaña. Moito máis sólido, Feijóo abaneou tras recibir varios directos dunha púxil que non agardaba, pero non chegou a bicar a lona. E xa se sabe que, en caso de empate, o campión sempre retén o título.

Catro anos despois, os dous rivais coñécense ben tras chocaren no Parlamento en cada sesión de control ao presidente. Ante a dificultade de que apareza algún novo outsider, desta vez os focos saben ben cara a onde teñen que apuntar, e esa responsabilidade pesa.

A día de hoxe, semella moi complicado roubarlle a maioría absoluta ao PP, pero se coa actuación de 2016 mantivo o grupo parlamentario, desta vez Pontón pode saír de San Marcos convertida na vindeira lideresa da oposición. Quizais non sexa botín dabondo para quen aspira a ser a primeirA presidentA da Xunta, pero sería o premio de consolación nunha esquerda galega que, duns anos para aquí, parece máis preocupada de ver quen é o que queda segundo. Aínda que ese subcampionato non sexa como o de Touriño fronte a Fraga, senón máis ben como o de Arxentina nas Malvinas.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de eldiario.es en Galicia.

    Autores

Etiquetas
Publicado el
28 de junio de 2020 - 23:06 h

Descubre nuestras apps

stats