Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Feijóo 2061

El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en el stand de Galicia durante su intervención en la inauguración de la 41 edición de la Feria Internacional del Turismo, Fitur. EFE/Chema Moya

0

Alberto Núñez Feijóo chorou cando presentou a súa candidatura á reelección como presidente no XXVII Congreso do PPdeG. Unhas bágoas que xa non sorprendían a ninguén. Levaba máis de medio século emocionándose cada vez que anunciaba que esa sería a súa decisión “se á militancia lle parece ben”. 50 anos co mesmo guión, dicíndoo tras facer unha pequena pausa. Aínda que había moito tempo que deixara de crear suspense, os cargos máis próximos seguían a suspirar con alivio e romper en aplausos só para facerlle crer ao xefe que, por un momento, conseguira facelos dubidar. Si, outra vez. “Que tío!”.

Desta volta, o salouco aínda podía ter un pase: non hai moitos líderes que poidan presumir de seren reelixidos por décimo quinta vez consecutiva o mesmo día que cumpren 100 anos. Que o 10 de setembro de 2061 caese en sábado só podía ser visto como un sinal do destino… 

(Si, podes fiarte, non fai falla que o vaias mirar: é sábado) 

Como dicía, o de que o centenario de Feijóo caese en sábado, non podía deixarse pasar.  

(Comprobáchelo? Tiña razón? Pois sigo…) 

A maquinaria do partido, tan ben engraxada como a principios de século, tiña marcada esa data en vermello dende había tempo. Sabían da debilidade do líder polos retos do que, coma el, xa todos chamaban “o ano 61”. Que ía chorar cando o seu holograma se proxectase en cada fogar galego dende o xardín do Hotel Amazon Palacio do Carme non se pagaba nin sequera a 1:1 no portal oficial de apostas da Xunta de Galicia, “o barreirorrivas”, coñecido así na rúa por algún motivo que só os máis vellos parecían lembrar.

Antes de que se puidese manipular a humidade ambiental para facelas desaparecer, as bágoas foron rapidamente enxugadas pola unidade robótica M.A.R. S-S, encargada do soporte vital do presidente e unida a el a través dun exoesqueleto que lle permitía camiñar durante horas. O deseñador introducira no seu andar un certo abaneo en homenaxe ao predecesor de Feijóo, Manuel Fraga, aquel prometedor político que perdeu a Xunta a piques de cumprir tres décadas como demócrata, cando nin sequera tiña 83 anos.

Superada a emoción, o presidente falou coa súa característica voz de tinturas metálicas. Insistiu unha e outra vez en “rexeitar os personalismos” porque “ninguén é imprescindible” pero, tras unha pausa dramática que lle permitiu encher de osíxeno os seus pulmóns artificiais, concluíu: “Aínda non chegou o momento da sucesión”. Cando esas palabras soaron na suite do Fogar Eulen-Domus VI de Pontevedra, a neta de Alfonso Rueda negou coa cabeza mentres seu avó tentaba estampar o prato da comida contra a parede. Apenas voou uns centímetros antes de caer sobre o pé do furioso vicepresidente perpetuo…

Alleo a iso, Feijóo continuaba: “O único que me move é Galicia, Galicia, Galicia, Galicia, Galicia, Galicia, Galicia, Galicia, Galicia, Galicia, Galicia, Galicia, Galicia”. Non era unha avaría no seu sistema fonador: era unha vez por cada unha das trece maiorías absolutas obtidas dende 2009. A última, só uns meses antes, cando obtivo 31 dos 61 escanos do Parlamento Xacobeo. Arrastrado polo carisma da súa candidata, o Bunker da Nación Gabanciosa chegou ata os 20, un resultado “histórico” que anunciaba “a proximidade dun cambio”; ese cambio que se substanciaría coa marcha de Feijóo a Novo Madrid, un acontecemento “inminente” xa que había tempo que “non lle interesaba nada do que acontecía na Galiza”.

O Partido Sucursalista de Orixe Española quedou cos outros dez deputados; o resultado soñado para poder dedicarse ao que realmente lles interesaba: a decapitación do líder e a loita interna pola sucesión, algo que -duns anos para aquí- deixara de ser unha metáfora. Por algún motivo que os spin doctors (os redondos, no argot da época) non eran quen de descifrar, a audiencia en Twitch3D desa esfoladura masiva sempre era maior que o seu número total de votantes…

Antes de teletransportarse á Estación Inditex-Monte Pío, Feijóo lembrou que, como un xesto pola igualdade, o Congreso ía ser organizado por un grupo de oito humanoides sintéticos, xa que son “practicamente persoas”. A pesar de que a súa presenza era cada vez maior na sociedade, o presidente galego quixo reiterar o éxito do seu Pacto pola Demografía: se contaba co apoio da oposición e dos axentes sociais, agardaba chegar antes da fin da década á ansiada cifra dos dous millóns de habitantes. Aínda que para iso houbese tamén que contar os robots…

A piques xa de esvaecer, non esqueceu un recordo para a lingua. “A amamos, a valoramos e a respectamos”. Seguramente, o seu xeito de celebrar que, cedendo ante a presión social, a Real Academia Galega admitira, por fin, a posibilidade de empezar as frases por pronome átono…

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats