Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
A inflación como arma política
Xa quedan poucos elementos da loita política utilizados pola dereita española para atacar o Goberno central; no presente, está integrada pola tradicional, de toda a vida (TV), coas engádegas da carpevetónica xurdida dos restos da anterior e adubiada ou salpicada de componentes novas, dotadas de elevado ton ultra (obsérvense as súas declaracións preconstitucionais). Desta composición, e tendo en conta a historia destes segmentos partidarios na vida política española, non deberíamos esperar florituras políticas de delicado trazo e de finos deseños, á hora de marcar causa do debate político, armas a escoller nos enfrontamentos dialécticos e métodos de ataque en tal campo de confronto. Mais, para maior desgraza, a súa práctica diaria sitúase maioritariamente no límite dos usos democráticos. Se é sabido que non se deberían crear expectativas de grande civilidade e conduta correcta en termos de debate político, tamén non deixa de asombrar -mesmo amedrontar- o tipo de munición utilizado nunha guerra que se debería entender exclusiva e limitadamente no campo do debate político admitido como legal. Legal nos mesmos termos ultraaludidos da Constitución do 78 que, segundo conveña, anda a todas horas circulando en citas continuas -como se dunha lei normal se tratar- para marca das comenencias particulares dos partidos.
E xa que falamos de partidos, agregar epitetos -de rancio matiz- aos que conforman o goberno actual non descualifica nada, nen engade nengunha información: citar a procedencia ideolóxica sen outro feito político é un xogo entre entendidos dunha mesma seita, carecendo totalmente de cualidade descritiva: socialista, comunista, nacionalista, independentista, feminista... Semella que cun adxectivo queda deseñado o universo dunha persoa ou dun grupo, cando en realidade só é util en termos parlamentarios, se é para asignar un escano. A só referencia á lexitimidade das accións gobernamentais ou parlamentarias é un indicativo fidedigno de loita aniquiladora do adversario realizada na actualidade pola dereita española. Os partidos do goberno deostados pola dereita pensan e actúan no marco onde se moven e onde poden: na lexitimidade de conseguir por medios políticos os seus obxectivos. A dereita reaccionaria pretende a desaparición dos contrarios na crenza de que teñen dereito divino ao poder político, por razóns de orixe ou de destino.
Agora, á listaxe de correrías mediáticas e institucionais coas que intentan acurralar ao goberno (non disputar en termos políticos as súas prácticas), deberemos sumarlle o rol da inflación, como nova arma de uso político. Un tipo de inflación que tivo unha gran tradición en situacións semellantes noutros países, aínda que noutros contextos históricos. A inflación, na medida en que é provocada ou é froito de especulación e acaparamento, pode ser usada contra o Goberno en determinadas circunstancias e cesar no seu empeño, noutras distintas.
A inflación neste caso ten unha orixe na oferta que padeceu certo esganamento debido aos efeitos na produción durante a pandemia; efeitos agravados polos problemas estruturais da economía española: nesa época ficou espida, amosando a incapacidade de se surtir dos insumos imprescindíbeis para o abastecemento de bens necesarios. Aos casos chuscos da compra fraudulenta de máscaras, sumáronse outros de corrupción, que só son explicábeis nun deserto industrial de bens do máis elementar.
A actual inflación, nalgúns rubros desbocada, intenta ser controlada por dúas vías: co medio da política monetaria do BCE (encarecendo o prezo do diñeiro) e os paliativos de axudas públicas para rebaixar custos en empresas ou diminuír gasto nas economías domésticas. Non obstante, dada a procedencia do poder económico, a súa natureza de concentración moi alta, cunha capacidade de control dun mercado con moi poucos actores, marca de forma decisiva o avanzo e propagación da inflación. Se a orixe da formación dos prezos da electricidade é monopólica e nos combustíbeis pasa o mesmo (monopólica por dominio de mercado aínda que haxa máis dunha empresa) de pouco valen as armas tradicionais de loita anti-inflación. E se os subsidios que a modo de cortalume se aplicaron para paliar as subidas descaradas de prezos se acompañan coa práctica de volver a subir prezos a medida que a demanda imprescindíbel permanece, deberemos concluír que as axudas teñen contribuído -nese campo- a un certo incremento da inflación. De novo o papel da CNMC (Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia) puxo de relevo estas prácticas investigando os acordos entre distribuidoras de combustíbeis para fixar de forma ilexítima, os prezos finais case idénticos. No caso dos alimentos pódense citar semellanzas: a inflación preventiva -que é subir prezos dos bens armacenados-, cobrar máis porque van subir, aproveitar situacións de mercado en crecemento (no verán, temporada alta turística, con maior demanda de bens alimenticios), levar a cabo acordos de prezos en orixe porque simplesmente hai aumento de custos (sen cálculo previo)... O caso do azucre é paradigmatico: as dúas empresas españolas de produción directa de azucre acordaron subir un 42% o pagamento en orixe aos cultivadores, só co compromiso de sementar remolacha, e iso despois de anos (desde 2017 que desapareceron as cuotas comunitarias de produción) con redución da extensión cultivada e da produción propria remolacheira. Non é preciso dicer como se subiu e se seguirá subindo o prezo final do azucre e a quen se lle acabará achacando.
O Goberno do Estado é neste caso presa da súa ausencia en política económica industrial, da falta de previsión en control dos mercados que surten bens de primeira necesidade e da carencia dunha economía industrial propria, de modo e maneira que case sempre hai un resquicio para ser debedor do bon trato a multinacionais de capital foráneo ou español deslocalizado. Non hai sector enerxético nen eléctrico proprio (había, mais foron privatizados e repartidos); non hai capacidade de autoabastecemento no mercado básico de alimentos, xa que a incardinación cretina na economía global de todos os estabelecementos da cadea alimenticia fai real que exportemos alimentos e importemos en cantidades e calidades bens imprescindibeis para a produción dos mesmos. Hoxe padecemos os efeitos da política industrial ausente, e o propio goberno é vítima de inaccións presentes e pasadas. Os embates dunha direita con ansia enfermiza de goberno atopan até na inflación campo para propaganda: cúlpase ao goberno da inflación; úsase ésta como arma de confronto, cando unha parte da mesma é provocada, respondendo directamente a accións propositais de enriquecemento indebido, así como de desprestixio do goberno.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0