Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A Mellor Profesora do Mundo

Aula de un colegio

2

Se me preguntan quen é a mellor profesora do mundo probabelmente pensaría nalgunha personaxe de libro ou dunha película, quizais a profesora McGonagall de Harry Potter ou a Karen Pomeroy de Donnie Darko. Teño e tiven compañeiras de traballo que son fantásticas profesionais, pero os ideais tendemos a buscalos na ficción porque sempre hai un aquel irreal que rodea ao superlativo.

Seguramente iso mesmo sexa o que atrae a prensa ás listas dos “mellores” de cada eido. Moitos diarios, tamén este desde o que lles escribo, fixéronse eco a semana pasada da escolla da Mellor Profesora de España. A cursiva é miña, o título da mellor profesora non está homologado por ningún organismo oficial. O título, de feito, non llo deron os seus compañeiros e compañeiras de profesión -sería difícil, posto que a natureza cooperativa do ensino fai imposíbel definir uns criterios claros e medíbeis cos que avaliar o mellor docente a título individual-, nin o seu alumnado, que son menores de idade, nin os pais e nais do seu alumnado. O título de Mellor Profesora de España outorgoullo un banco, o mesmo que vén de anunciar a súa intención de crear unha universidade privada na Galiza. Por que a chamada obra social dos bancos anda por aí a repartir títulos superlativos é unha cuestión que daría para outro artigo en profundidade, pero podemos adiviñar as razóns de que a banca queira meter un pé nas nosas escolas públicas mirando o modelo educativo dos países liberais aos que algúns aspiran a parecerse: créditos bancarios para pagar os estudos que custa unha vida devolver, e un abandono progresivo da educación pública en favor dos centros privados.

Está claro que un banco pode repartir os títulos que lle dea a gana, e que calquera docente pode postularse a ese tipo de concurso se quere; o problema vén cando os medios de comunicación, que, coma as pegas, gostan dos obxectos novos e rutilantes, se fan eco dese vehículo de promoción e lle quitan as cursivas, convertendo de facto A Mellor Profesora de España na mellor profesora de España e o gañador do Global Teacher Prize (concedido pola maior multinacional da educación privada) no mellor profesor do mundo.

A pregunta que toca facerse agora é para que serven estes premios, se non é para mellorar a calidade do ensino. Por que unha entidade privada e con ánimo de lucro vai gastar un millón de dólares (esa é a contía do Global Teacher Prize) nun só profesor, por moi innovador e carismático que este sexa? Parece un prezo moi alto a pagar en concepto de publicidade, se o nome da empresa apenas aparece na nota de prensa que anuncia aos catro ventos o nome dos gañadores. O que fan este tipo de premios, contando coa cooperación necesaria dos medios de comunicación que amplifican a noticia, é darlle publicidade non á empresa convocante senón ao que esta representa: o modelo competitivo liberal onde a educación é un negocio máis e todo se clasifica en rankings, desde as escolas até o profesorado, que deixa de participar nun proceso colectivo de organización e aprendizaxe para se converter en líderes que “vencen” ou “fracasan” en solitario. Todos os docentes que se postulan a estes concursos aceptan nas bases prestar a súa imaxe á empresa convocante, e dese xeito constitúense en referentes mediáticos para todo o que ten que ver coa educación. O público asocia a imaxe desa Mellor Profesora de España a unha profesora ideal polo mesmo motivo polo que eu penso en personaxes de ficción cando me falan dos mellores profesores do mundo.

Desta confusión nacen os gurús educativos, que nalgún tempo foron docentes e, oh sorpresa, despois de xirar por prensa, radio, televisión e TED talks repetindo a bocas cheas que o seu era unha vocación, que amaban a súa profesión máis que calquera outra cousa no mundo, e que se debían ao seu alumnado, acabaron desertando das aulas para cobrar por dar conferencias promocionando os valores liberais dos seus patrocinadores. Porén, a fuga de talentos non é o dano máis grande que o sistema educativo pode sufrir por culpa deste fenómeno (e destes fenómenos), senón que o peor vén despois, cando as autoridades competentes, que tamén gostan bastante dos obxectos novos e rutilantes, deciden rodearse destes gurús para que os asesoren nas políticas educativas no canto de confiar nos profesionais do ensino público activos nas aulas.

Ademais de impoñer a lóxica de mercado na xestión educativa, os promotores deste tipo de premios tamén acadan outro obxectivo: ao centrar o debate na vocación, a personalidade irresistíbel e as capacidades persoais, o ensino desprofesionalízase e fai que prenda na opinión pública a idea de que calquera sabe diso e calquera pode facelo, o que sempre leva aparellada unha perda de dereitos e condicións laborais. Á flamante gañadora do premio superlativo pregúntanlle nunha entrevista se é máis coach que profe, e ela responde que si. Tamén dá outro dato que resulta revelador se temos en conta en nome de quen fala: ten un grupo de mensaxaría coas familias do seu alumnado porque, di, ela non ten horario. Non so é a mellor profesora do mundo, senón que sen dúbida estamos ante a mellor empregada do mundo.

Segundo esa lóxica liberal, non abonda con ser profesional e actuar de acordo á deontoloxía, senón que hai que ter os clientes satisfeitos. O profesorado transmútase en comerciais que teñen que “vender” o seu traballo, atendendo máis a unha percepción de demanda social xerada polas historias lendarias destes gurús que ás necesidades educativas reais do alumnado. Iso abre a porta para que o que algunhas demos en chamar homeopatía educativa (por establecer un paralelismo co que está a acontecer tamén no mundo da saúde) entre con forza no sistema: as metodoloxías espectaculares ou con nomenclatura rechamante ocupan titulares e conversas de sobremesa sen que ninguén se preocupe de saber se teñen unha base pedagóxica sólida, e inundan as redes os “divulgadores” que soltan sandeces sobre neurociencia, hemisferios dominantes, resiliencia e intelixencias múltiples sen máis base que a lectura dalgún artigo que xa foi amplamente refutado pola ciencia e a pedagoxía. No mellor dos casos, trátase de métodos de ensino que xa foron superados hai anos e que as empresas tecnolóxicas e educativas envolven cun lazo novo e volven presentar no mercado para os incautos que piquen; no peor, as autoridades educativas compran o discurso e patrocinan con cartos públicos cursos de formación do profesorado nos que a definición de obxectivos, a metodoloxía e a experiencia son substituídos por unha mestura de mitoloxía e marketing. Os gañadores en ambos casos son os mesmos: as tecnolóxicas que ditan como será “a educación do futuro” baseándose nos produtos que queren vender, e as institucións privadas que ofertan nos seus exclusivos centros todos eses métodos pretendidamente revolucionarios.

A triloxía do edutainment (un termo acuñado no seu día por Walt Disney, se é que isto lles dá algunha pista) xa está completa: a metodoloxía pirotécnica, o alumnado convertido en cliente e o mestre coach combínanse para formar un produto que só ten cabida nun modelo de ensino privado ao gusto do consumidor, que paga. Mentres tanto, as profesoras non superlativas reciben premios a moreas dos que ninguén fala porque non se conceden a individuos senón á comunidade educativa: son os premios que as administracións outorgan todos os anos aos proxectos de innovación tecnolóxica e artística, á educación inclusiva, aos programas de intercambio, aos equipos de dinamización, ás bibliotecas escolares... Eses recoñecementos, que rara vez copan titulares, poñen o foco no traballo cooperativo, que é o alicerce de calquera proxecto educativo rigoroso, e recórdannos que, contra o prognóstico dos gurús, o éxito nos estudos sempre parte dun proxecto colectivo, e os mellores profesores do mundo son aqueles que apostan por un ensino público, científico e de calidade.

*Como case todo o que facemos nas aulas, este artigo foi revisado, acrecentado e mellorado grazas á colaboración desinteresada dalgúns dos mellores profesionais do ensino que coñezo, desde a educación infantil até a universidade: María Arce, Marisú Janeiro, Natalia López, Santiago Sanjurjo e Julio Vilariño.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats