Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Oito horas

Un trabajador de Glovo, en una fotografía de archivo.

0

Severance é unha serie de ciencia ficción estreada por Apple TV hai un par de meses. Nesta utopía capitalista, ou distopía da clase obreira, dependendo da lente coa que a miren, unha turbia multinacional tecnolóxica somete algúns dos seus empregados a un procedemento cirúrxico para separar o seu eu laboral do seu eu de fóra do traballo, para optimizar o rendemento dos traballadores e ao mesmo tempo manter a privacidade das súas escuras operacións. Se non fose polo pequeno detalle de que a parte do cerebro dos traballadores que só vive na oficina está, de facto, escravizada, traballando nun ciclo continuo sen saber nada das súas vidas no exterior, o procedemento sería a solución óptima para termos a xornada de 8 horas que desde finais do século XIX veñen reclamando os movementos obreiros: oito horas (que se repiten en bucle, iso si) para traballar, oito horas para descansar, e oito horas para facermos o que nos pete.

Falando sobre a serie, un amigo comentou que o elemento máis inverosímil de Severance é, seguramente, a idea de que os nosos patróns estean dispostos a deixar que as nosas oito horas de lecer e descanso sexan realmente nosas. Recordoume aquel xefe que tiven que se refería ás súas empregadas como “unha familia” e se cadra por iso non levaba nada ben que tivésemos familia á parte do traballo.

Mentres os primeiros episodios de Severance nos metían de cheo no abafante mundo subterráneo dun fato de traballadores alienados que viven nun bucle de movementos mecánicos sen ver xamais a luz do sol, fóra, na realidade, algunhas asociacións de hostaleiros galegas convocaban un peche patronal para pedir axudas públicas ao sector que máis sufriu as restricións derivadas da pandemia, ou cando menos o que foi máis vociferante ao respecto. Os medios recolleron as súas declaracións: “o prezo da vida subiu para todos, empresarios e traballadores”. Preguntados sobre unha posíbel suba de salarios para os traballadores, porén, explicaron que non era viable neste momento. Cando un ten un negocio de hostalaría ten que afrontar gastos que non pode deixar de pagar se quere seguir con el aberto: a electricidade, o gas, a auga, os provedores, os seguros... O sentido común e a lexislación laboral indican que os soldos deberían facer parte dese gasto fixo irrenunciable, pero por desgraza hai moito patrón que considera os empregados “unha familia” e xa se sabe o que pasa nas familias, que atendemos as necesidades dos outros por amor á arte, non polo cartiño.

Cando parecía que a patronal hostaleira galega estaba a piques de afrontar esa contradición, chegou ao rescate a patronal andaluza. O escándalo dos “caseteros” da feira de Abril, que obrigan os empregados a realizar xornadas maratonianas polo salario mínimo, moitas veces sen contrato ou con contratos fraudulentos, puxo á opinión pública galega de acordo na súa repulsa unánime e resultou moi útil para non afondar no tema da nosa hostalaría. Quedou demostrado que os señoritos andaluces, coa súa feira rancia e o seu snobismo, eran uns  explotadores, tema pechado, aquí non hai máis nada que ver, dispérsense, para que imos preguntar pola cantidade de preitos que teñen “os nosos bares” por ter o persoal sen contrato ou polas condicións indignas nas que se traballa na famosa noite compostelá, nos locais alternativos da Coruña ou nos hoteliños rurais con encanto. A clientela, xa se sabe, tampouco temos culpa de nada, que tamén somos traballadores. Antes vetamos un bar porque nos quitan a tapa de tortilla que por sospeitar que as condicións laborais da camareira que nola servía violan o estatuto dos traballadores e a carta dos dereitos humanos, pero nos non temos culpa, é que nos debuxaron así.

Severance é unha serie moi entretida que, segundo o seu creador, Dan Erickson, trata sobre a solidariedade obreira e a capacidade organizativa da clase traballadora. Cantos máis datos arrepiantes descubrimos sobre a feira de Abril ou sobre as condicións inhumanas das persoas empregadas en Amazon, máis nos atraen este tipo de ficcións “éticas” nas que un grupo de subalternos coma nós decide que chegou o momento de rachar coas cadeas. O verdadeiramente difícil é que esta pantasma saia das nosas Smart TV e volva percorrer Europa: como imos renunciar aos produtos de prezo ridículo e a entrega en 24 horas a cambio de defender os dereitos laborais dos traballadores invisíbeis de Amazon, se aceptamos alegremente que o camareiro que nos atende leve 12 horas de pé, e nin nos pasa pola cabeza deixar de ir ao bar no que o explotan porque “nos tratan como da casa”?

A gran conquista do capitalismo foi converter a clase traballadora en “clase media aspiracional”: só nos fixeron falta uns poucos bens de consumo, uns cantos vestidos a 15 euros a peza e unhas vacacións económicas noutro continente para estarmos dispostos a favorecer a nosa comodidade por riba dos dereitos colectivos. A outra gran conquista do capitalismo, e sei que funciona porque case podo ver o público lector entornando os ollos do outro lado desta pantalla, é a do discurso: falar de “capitalismo”, de “conciencia de clase” e de “loita obreira” soa anticuado e fóra de ton, case como se, no canto da realidade, estivésemos a describir o argumento dunha serie distópica de Apple TV. A patronal finxe que non existe, que son honrados autónomos que intentan sacar adiante un pequeno negocio familiar, e nós, que sabemos a verdade, seguimos apampados diante da tele, torcendo polos traballadores de Severance e esperando a que o repartidor sen relación laboral con Glovo nos traia a cea.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats