Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A trampa da moral capitalista

Familia desahuciada en Carabanchel, Madrid

0

“O mellor truco que argallou o demo foi convencer ao mundo de que non existía”. The Usual Suspects, 1995.

A mediados desta semana, os medios de comunicación deixaron un oco pequeniño entre as discusións sobre modelos de confinamento para reproducir a imaxe dunha familia con catro meniños desafiuzada pola Sareb da súa casa dun barrio de Madrid. A foto, unha versión moderna das celebradas imaxes coas que Dorothea Lange retratou a Gran Depresión, amosaba unha muller cun cativo no colo e outros tres ao seu redor, sentados á intemperie custodiando as súas pertenzas. O que máis destacaba nesa imaxe era a ollada alucinada dos cativos, que de súpeto se vían sentados no seu sofá no medio da rúa, cos seus colchóns coas sabas aínda postas amoreados diante deles e os seus xoguetes metidos en bolsas recicladas. O que máis chamou á atención nas redes sociais, porén, foi un obxecto: unha caixa de televisor que soportaba o peso dos colchóns. Unha simple caixa que orixinou centos de discusións e se erixiu en símbolo da fronteira entre o que pode e non pode facer unha persoa de clase obreira. O vergoñento debate transcorreu entre aqueles internautas que pensaban que a familia estaba na rúa por non ter claras as súas prioridades (a quen se lle ocorre ter tele sendo pobre) e os ben intencionados defensores, que se esmeraron en identificar a marca e modelo do televisor para explicar que se trataba dunha tele vella, e polo tanto non tan cara (e polo tanto dentro do rango aceptábel de prezos para unha familia obreira). No que case todo o mundo parecía coincidir era en que existe un tope moral, un máximo de luxo expresado en bens de consumo a partir do cal unha familia que un banco deixa na rúa non é merecedora da nosa empatía.

O conto é vello, e teño a tentación de dicir que ten moito que ver coa moral católica das aparencias, pero coido que ten ben máis que ver coa moral individualista e a lóxica do capital: tes liberdade para traballar no que queiras, e se non atopas un traballo que che dea para vivir, será que non te estás a esforzar abondo; tes liberdade para gastar os cartos no que queiras, e se non che dan para pagar o alugueiro ou a hipoteca será que as túas prioridades non están na orde correcta, a quen se lle ocorre ter tele cando non chegas a fin de mes, se a vendeses probabelmente non che daría nin para a comida dunha semana, pero polo menos darías a aparencia correcta cando a prensa te fotografase na rúa coa túa familia. Que haxa millonarios aos que xamais se lles cuestionan as prioridades, que normalmente no caso dos millonarios non pasan por ter un televisor grande, senón por facer enxeñería fiscal, só demostra que o sistema funciona e que todos podemos aspirar a ser millonarios, pero por algunha razón nós non o imos ser. Como diría o pai da pequena Matilda de Roald Dahl nunha frase que é epítome do capitalismo: eles son listos, ti parvo, eles son grandes, ti cativo, eles teñen razón e ti non, e non hai nada que poidas facer para cambialo.

Non podemos cambialo porque os promotores do liberalismo económico conseguiron facernos crer que as leis do mercado son leis naturais, verdades científicas e polo tanto asépticas, que escapan a calquera credo ou subxectividade. Pero a trampa desta lóxica reside en que o capitalismo tamén é moralista, e clasifica as clases sociais segundo o que poden e non poden facer: dámoslle esmola a alguén que está a pedir se nos parece miserento abondo, non tanto se vai ben vestido, e que non falte a cantilena zumegante de superioridade “non o gastes en drogas”, como se as esmolas estivesen suxeitas a auditoría pública. Porén, aceptamos sen chistar que todo un presidente da Xunta nos diga que vai gastar os cartos transferidos do estado no que a el lle pete e non no que é de extrema necesidade, porque nese caso estamos a falar de cartos públicos, que como son de todos parece que non son de ninguén, e o presidente conta coa presunción de honestidade que lle confire o capitalismo (e coidado, que o capitalismo non reparte xustificantes morais a calquera, lembren o escándalo cando se descubriu que Evo Morales durmía nunha cama e facía as súas necesidades nun váter).

A loita contra esta apisoadora sempre foi desigual, pero a balanza inclinouse irremediabelmente no momento en que Rockefeller e Carnegy decidiron diversificar o seu investimento alén dos matóns e os crebafolgas da axencia Pinkerton e empezaron a meter cartos tamén en publicidade: o demo artellou o seu truco máis brillante, convenceunos de que as clases sociais non existen, e contra algo que non existe é moi difícil loitar.

Esta verdade totalizadora acaba de se cobrar unha nova vítima en Inglaterra, un país de tradición proletaria: o pasado setembro, o goberno británico prohibía o uso nos centros de ensino de material de calquera tipo publicado por persoas ou organizacións que se manifestasen como anticapitalistas. A medida camuflouse no medio dunha normativa para elaborar o currículo escolar, no mesmo apartado no que condenaba as publicacións que fomenten o racismo, os golpes de estado ou as actividades ilegais, equiparando todo isto ao cuestionamento do modelo capitalista. Até agora, o único goberno europeo que se atrevera a facer algo así fora o do ultra Viktor Orbán en Hungría.

A medida, que pasou bastante desapercibida en Inglaterra e completamente por alto fóra dela, non só é herdeira do Thatcherismo máis fervoroso, senón que tamén é estúpida dun punto de vista práctico: se os escolares ingleses non poden entrar en contacto con ningún tipo de material elaborado por alguén que cuestione o capitalismo, quere dicir que só van estudar a historia do socialismo inglés dun punto de vista capitalista? E que pasaría coa creación do seu Sistema Nacional de Saúde e todas as políticas sociais do goberno de Clement Atlee? Ou cos textos sobre gramática de Noam Chomsky e o teatro de John Osborne e Caryl Churchill? Se collemos a norma pola súa literalidade, mesmo Charles Dickens sería susceptíbel de quedar fóra do currículo escolar.

Pero a norma, que facilmente se podería estender pola Europa liberal, é, sobre todo, perigosa: a educación é a principal ferramenta para loitar contra a desigualdade, se ignoramos as causas desa desigualdade acabaremos por pensar que é algo “natural”, como a lei da oferta e a demanda, entón contarémoslles aos nosos propios alumnos desafiuzados, ou aos que viven nun piso tutelado ou aos que só fan unha comida ao día, que o capitalismo é o único modelo, e que os catro cativos da foto están na rúa por culpa dos seus pais, que lles deu por comprar un televisor.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats