Galicia Blogs y opinión

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de eldiario.es en Galicia.

Triste, pero un logro

Feijóo y Lozoya, en instalaciones de Pemex en Ciudad de México en 2014

Veremos o que sucede o 12 de xullo. Ata agora, todas as enquisas coinciden en que Feijóo gañará as eleccións con confort: por así dicir, coma quen toma unha caña e un pincho de tortilla. Tiña que ser así? A pregunta é pertinente, porque nestes momentos, a práctica totalidade das cidades e vilas de Galicia, e tres das catro deputacións están en mans da coalición PSdeG-BNG, co apoio de Unidas Podemos. Ese dato, por certo, demostra que un goberno alternativo é perfectamente posible e que eses partidos están máis formados na cultura do pacto do que era o caso en 2005, cando Touriño e Quintana gañaron as eleccións.

Ademais, nas eleccións xerais de 2019 a suma de votos de PP+Vox+Ciudadanos foi do 44% pero a suma de votos de PSdeG+UP+BNG do 52%. Nas que houbera uns meses antes, en abril, as porcentaxes foran similares. Os electores galegos, nas súas franxas centrais, desaprobaban o clima áspero e hostil impulsado polas forzas que se fixeron a fotografía na praza de Colón. Esa foi a lección que Feijóo, se non a sabía xa, aprendeu. Unha diferenza do 8% entre os dous bloques é considerable. Nunca sucedeu nada parecido dende o inicio da autonomía. Con esa marxe, o PP podería ter que desaloxar San Caetano.

Pero, no medio, sucedeu algo. Ou tal vez non. Se un molla o dedo e comproba a dirección do vento, parece que este, a día de hoxe, é favorable para Feijóo. Por qué? Foi a xestión da pandemia, que favoreceu a xesticulación presidencial e a desaparición dos adversarios? Sen dúbida, esa xestión está sendo ben valorada. Trátase da distancia social de Feijóo respecto a un Casado atento as pulsacións dese Madrid inflamado non só por Abascal? Dende logo, hoxe por hoxe, Galicia parece preferir ser un oasis de calma na hiperventilada España.

Pero hai máis. Feijóo, a quen todo o mundo describe como astuto -que é a primeira condición dun político-, soubo desoír as chamadas de Cs para formar unha entente cordiale mentres se desmarcaba de Vox. Feijóo necesita concentrar o voto da dereita e sabe como facelo. O pacto con Arrimadas non lle aporta nada e Feijóo presume, con razón, que os votantes de Vox, por máis excitados que se sintan, pregáranse ao voto útil para evitar que esquerda e nacionalistas cheguen ao poder.

Pero o gran misterio de verdade, aquel que os politólogos de garda han de saber analizar, é o voto dual: o feito de que xente que nas eleccións xerais vota a socialistas e nacionalistas, nas eleccións galegas se absteña ou vote ao PP. Para gañar as eleccións, en condicións de relativa equipotencia electoral tes que reunir tres condicións: concentrar o voto no teu campo, que se absteña unha parte -por pequena que sexa- dos teus adversarios e/ou saber captar algúns dos seus votos. Son condicións que Feijóo parece saber cumprir.

Non porque o PP de Galicia sexa o gran partido que foi. Hoxe por hoxe, o PP de Galicia é un partido importante, pero de ningún modo aquel partido-réxime, confundido coa propia xestión da autonomía, que chegou a ser na época de Fraga. Aquel que inauguraba autovías, hospitais, colexios e institutos e era a viva imaxe do Estado do Benestar tal e como se manifestaba na Terra. O PP de Galicia está tan sometido aos avatares da polarización social e política coma calquera outro partido. O seu crédito está á baixa.

Tampouco porque a súa xestión sexa feliz. Con Feijóo desapareceron as dúas caixas, para ser absorbidas por un banco venezolano, o que é tal vez o suceso negativo máis importante da economía de Galicia nas últimas décadas e, by the way, pouco explicado nos seus detalles. A historia de Barreras e Pemex é cómica, e daría para unha película de Berlanga. De feito, é unha pena que a prensa estea tan entregada porque daría para un saboroso folletín. O investimento externo é mínimo e a balanza externa depende de Inditex ou Citröen, que pouco teñen que ver co que a Xunta faga ou deixe de facer.

Por outra banda, segundo os informes Foessa, existe unha aguda percepción social da degradación dos servizos públicos -sanidade, educación, servizos sociais-. O investimento en I+D+i leva dez anos estancado, case coincidindo co goberno de Feijóo. A CRTVG, como o afirman os seus traballadores, adoutrina con vaidosa fruición. A chusca polémica creada pola xerente do CHUS, prima do presidente, dá conta de que non sempre os cargos están ocupados por xente moi cualificada que, ás veces, son da familia. En realidade, se alguén erguera a voz e preguntará polos logros do PP na última década tal vez non atoparía unha resposta moi contundente....

Se houbera que resumir nunha palabra o que o PP de Galicia e Feijóo aportan aos ollos do publico sería esta: estabilidade. Definitivamente, Galicia non mellorou con Feijóo, en absoluto, pero mantivo uns certos estándares. E, nun país no que a mentalidade colectiva é moi consciente de canto se pode volver atrás, ese é un logro. Triste, pero un logro. É algo que di moito, por certo, do estado de ánimo da xente. Medio mundo é así. Claro que podía ser peor. Que a atmosfera se enchera de resentimento, medo e odio. Como sucede no outro medio.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de eldiario.es en Galicia.

    Autores

Etiquetas
Publicado el
12 de junio de 2020 - 23:21 h

Descubre nuestras apps

stats