Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

Coponia

Mariano Rajoy, Alberto Núñez Feijóo e Pablo Casado

Luís Pardo

0

Cando a dereita ten boas ideas, cópianse e punto. Por exemplo, cantas forzas políticas galegas poderían facer o mesmo que Vox e non propoñer candidato á presidencia da Xunta? Cantas…? Sen pensar demasiado, ocórrenseme dúas ou tres. É só un exemplo. Outro, a creación desa ficticia Tabarnia que eu agora invoco como inspiración da futura República de Coponia.

Tabarnia (nome derivado de Tarragona e Barcelona), a Terra Prometida do españolismo, é esa inexistente rexión catalá na que os unionistas non gañan só en votos senón tamén en deputados e por iso poden independizarse dos que queren independizarse. Algo así como Escocia, pero de mentirijillas. 

Os seus argumentos son irrebatibles, como amosaba este teletipo de AFP: “Nas eleccións rexionais do 21 de decembro, os independentistas acadaron a maioría absoluta en escanos pero non en votos, grazas a un sistema que favorece as rexións rurais, máis nacionalistas, en detrimento das zonas urbanas da costa, onde se impuxeron os partidos que defenden a unidade de España”. 

“O noso voto vale 3 e 4 veces menos con respecto a Girona e Lleida”, choromicaban para concluír que “Barcelona e Tarragona sofren un déficit fiscal negativo con Catalunya”.

Se o vindeiro 5 de abril as forzas de esquerda non conseguen facerse co goberno da Xunta, deberían declarar o nacemento da República de Coponia. Ata agora, as enquisas coinciden en que nas provincias atlánticas, “as zonas urbanas da costa”, o PP vai ser derrotado; porén, “un sistema que favorece as rexións rurais”, máis conservadoras, provocará “unha maioría absoluta en escanos, pero non en votos” dos populares. “O noso voto vale a metade con respecto a Lugo e Ourense”, laiaranse (co)ruñeses e (pon)tevedreses, provincias que “sofren un déficit fiscal negativo con Galicia”. Coponia terá xa o seu mito fundacional. 

Claro que se o que se pretende é gobernar Galicia enteira e non só a parte vertebrada pola AP-9 –non é de estrañar que sobre ela xirase a medida estrela do pacto PSOE-BNG–, toca aplicarse tamén no interior; e aí é onde acada todo o seu simbolismo o paridoiro de Verín.

Por primeira vez en dúas xeracións houbo unha pica na casa dos Baltar. A propia Xunta disparouse no pé. Como os construtores da Estrela da Morte, deixaron unha falla no sistema –sanitario– que podería ser activada polas forzas rebeldes para provocar unha reacción en cadea en todas as vilas rurais fartas de perderen servizos e dereitos. Por iso o presidente da Deputación púxose á fronte da revolta. Se Feijóo presume de “non ser refén de ningún partido, nin sequera do meu”, Baltar Jr –o único político que o derrotou nun proceso orgánico– pode dicir o mesmo. Que, co paridoiro xa reaberto, el apadriñase este domingo a primeira foto xuntos de Feijóo, Casado e Rajoy nos Remedios non pode ser casual. Que acontecese mentres Verín acollía o pistoletazo de saída das mobilizacións do 8-M, tampouco. A primeira batalla da precampaña librouse en terras do interior…

Recortar a vantaxe do PP en Lugo e Ourense é clave para a esquerda se quere ter opción de gobernar. Fronte aos máis de 23.000 votos que custou como media cada escano en 2016 na Coruña, na provincia interior acadábase por apenas 12.500. Os do PP foron incluso máis baratos: unhas dez mil papeletas cada un (non vexan aquí a man dos caciques, é só cousa de D’Hont). 

Pero se de verdade lles preocupase o prezo de cada escano, non deixarían pasar este dato. Unha das enquisas que avalan o hipotético nacemento de Coponia, a de Sondaxe para La Voz de Galicia, concede a maioría absoluta ao PP con só un 43% dos sufraxios. No 2005, cunha porcentaxe dous puntos superior, o 45%, Fraga perdeu o poder. Cal é a diferenza? Daquela, os 75 asentos do Hórreo repartíanse só entre tres.

Divide e vencerás, dicía o clásico. E, se non vences, sempre podes dividir o territorio. Na miña cabeza, o himno de Coponia ten a música do Suburbia dos Pet Shop Boys: “In Copooniaaaa…”. Nan na nan, nan nan nan nan na na na… 

Etiquetas
stats