Oito mil millóns

Feijóo, ante Gayoso (Caixanova) en la celebración de la fusión en el otoño de 2010

0

Fagamos números. Alcoa lisca de San Cibrao porque di sufrir unha sangría económica. Se damos por boa a súa versión dos feitos, perdeu uns 160 millóns de euros nos últimos tres anos –incluído este– e por iso foxe buscando, seguramente, terras máis fértiles, con man de obra máis barata e convenios máis baixos. Es el mercado, amigo.

O Goberno, que non sei que raio agarda para nacionalizar a fábrica –entre tanto suposto chavista nese gabinete, non haberá un que berre “Exprópiese”?–, di que se os gringos marchan, antes terán que devolver os 800 millóns de euros que recibiron en axudas. Ide quedando coas cifras porque é importante. 800 millóns é cinco veces o que a multinacional perdeu nestes tres últimos anos e a súa escusa para pirar; o que inviste a Xunta nun ano en Política Social.

800 é só a décima parte de 8.000. 8.000 millóns foi o que perdemos na nacionalización e posterior venda de Novacaixagalicia. Só para facérmonos unha idea da magnitude de catástrofe: 8.000 millóns é, redondeando, o orzamento en Sanidade da Xunta de Galicia para dous anos. Con 8.000 millóns cóbrense tres –tres!– anualidades na Consellería de Educación e aínda sobran 800 millóns que podemos dedicar ou ben a subvencionar Alcoa durante unha década ou ben a pagar durante 12 meses todo o que faga o departamento de Fabiola García.

Unha década despois, un xuíz acaba de poñer por fin negro sobre branco nunha sentenza que “Caixanova nunca tería sido intervida se non se vise obrigada a fusionarse con Caixa Galicia”. Como se fraguou esa obriga é algo ben coñecido…

En decembro de 2009, un Alberto Núñez Feijóo que acababa de chegar á Xunta, e seguro que disposto a contentar a todos os que o axudaran nese camiño, encarga unha suposta auditoría a KPMG para saber se a fusión das caixas é viable. O 20 de xaneiro de 2010, a conselleira de Economía –nomeada pouco despois secretaria de Estado antes de coller unha porta xiratoria– comparece para anunciar que “a auditoría externa avala a solvencia da fusión das caixas galegas, unha operación que daría lugar á quinta caixa española por volume de activos cunha dimensión suficiente para o novo escenario financeiro”. O parágrafo está copiado do portal institucional da Xunta onde aínda se pode ler a noticia. O empurrón definitivo estaba dado, pero o goberno galego non amosa a auditoría. Normal, porque non o era. Os responsables de KPMG asegurárono e reiterárono nos parlamentos galego e español. Era tarde, o dano xa estaba feito. Por un prezo case simbólico de mil millóns de euros, que recuperou no seu primeiro ano, Juan Carlos Escotet facíase cos restos do naufraxio do orgullo financeiro galego. Fin da primeira parte.

Hoxe, Escotet é patrono de honra da Fundación Fernández-Latorre, como antes o foi José Luis Méndez e como segue a selo José María Castellano, o home “promocionado” por Feijóo para dirixir NCG Banco ata a súa compra por Banesco. Quizais por isto atopar o fallo da Audiencia Nacional en La Voz foi case tan complicado como facelo na TVG. Se buscades o Telexornal dese día, atoparédela polo minuto vintetantos, coa mesma duración que a nova do nomeamento como Arcebispo de Zaragoza dun relixioso nacido en Carballo. Vai xusto pegada á condena de Fernández de Sousa, outro antigo patrono en Sabón. Pero ese capítulo desta mesma historia –a do espolio de Galicia nos anos previos á crise– xa o contou oportunamente hai uns días José Precedo. Unha historia que non pertence ao relato oficial, como diría Mafalda, “por razo que son do domin publi”.

O que aconteceu coas caixas é “a maior estafa económica aos galegos”. Quen así a define –ou, polo menos, un dos moitos que o fan– é Antón Sánchez. Horas antes do inicio da campaña electoral do 12X, o TSXG condenou á nosa tan constitucionalista Xunta por vulnerar os dereitos do aínda deputado, ao que lle “ocultou durante anos información transcendental” sobre todo o proceso. Hoxe, xa fóra do Pazo do Hórreo, Sánchez segue sen ter acceso a uns documentos que solicita dende 2013. Ninguén agocha algo tanto tempo se non ten nada que ocultar.

Pero nada disto afecta a Núñez Feijóo, quen segue a bordar a súa interpretación do capitán Renault en Casablanca. Como se el nunca impulsase a fusión, como se non xustificase a operación cunha auditoría que non o era, segue a facer o que mellor sabe: atopar alguén a quen botarlle as culpas. “Se o Banco de España non actuou de forma correcta, non o sei”.

Esa mención ao regulador non era gratuíta. Apenas uns días antes, a mesma Audiencia Nacional absolvera do delito de estafa e falsidade contable os 34 acusados pola saída a bolsa de Bankia –incluído o ex vicepresidente Rodrigo Rato–, precisamente porque “o Servizo de Inspección do Banco de España supervisou e aprobou todos os pasos”. Es el mercado, amigo.

Na bolsa, pero na de Nova York (a que, segundo La Polla Records, “controla este mogollón”), o valor total de Alcoa –de toda a multinacional, a terceira maior produtora de aluminio do mundo– roza os 2.000 millóns de euros. É dicir, co que perdemos coa “estafa” das caixas poderiamos comprala catro veces. Catro.

8.000 millóns de euros. Lembrádeo cando vos digan que non hai pasta para profesorado, para persoal sanitario, para prazas en residencias, para vivenda protexida… Non fai falta que fagades máis nada. Lembrádeo. E, a poder ser, non o esquezades.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de eldiario.es en Galicia.

    Autores

Etiquetas
Publicado el
11 de octubre de 2020 - 06:01 h

Descubre nuestras apps

stats