Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Gobierno y PP reducen a un acuerdo mínimo en vivienda la Conferencia de Presidentes
Incertidumbre en los Altos del Golán mientras las tropas israelíes se adentran en Siria
Opinión - ¡Con los jueces hemos topado! Por Esther Palomera
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A ofrenda cerimonial de Rueda

El presidente de la Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante su participación en el Foro Económico de La Voz de Galicia.

0

A historia e a literatura están cheas de arrepiantes historias de ofrendas e sacrificios a deuses e monstros de toda pelaxe: o corpo aínda vivo dun inimigo para satisfacer unha sanguenta deidade, unha doncela virxe para calmar a ira do dragón… ata Abraham estaba disposto a “ofrecer en holocausto” o seu fillo Isaac porque así llo pedira o xefe (menos mal que Jehová lle explicou que era unha carallada xusto cando se lle ía ir das mans).

Aínda que hoxe gardemos un pouco máis as formas, a ensinanza importante que queda daquela é que, cando un vai visitar os que mandan, ten que levar algún presente. É o que lle sucedeu ao presidente da Xunta. Alfonso Rueda foi convidado –unha desas ofertas que non se poden rexeitar– a un foro económico organizado por La Voz de Galicia e Abanca (tanto monta, monta tanto) e non era cousa de presentarse alí coas mans baleiras.

Sabíao como o sabía Aznar cando, en plena crise do Prestige, decidiu celebrar un Consello de Ministros en María Pita. A véspera, os mesmos poderes fácticos fixéronlle saber ao seu mensaxeiro –un tal M.– que, se viñan sen nada para Galicia, mellor que quedasen en Madrid. Por iso, como quen compra un Toblerone xigante a última hora no duty free, Josemari chegou á Coruña cun porto exterior debaixo do brazo que ninguén tiña moi claro para que servía. Por riba, era un agasallo repetido e, o peor de todo: non o podiamos devolver.

Así que Alfonso, o noso presidente aínda en rodaxe –pero que tampouco se pode devolver, polo menos ata as autonómicas– achegouse a ver a Santiago Rey e a Juan Carlos Escotet como un Rei Mago sen ouro, incenso nin mirra. Levaba o seu presente nunha bandexa de prata e envolto nun enorme lazo: unha (outra!) baixada de impostos. Pero non dun imposto calquera, non. Do imposto de patrimonio. Ese que non pagamos nin ti nin eu, pero que seguramente si teñan que abonar tanto o dono do xornal como o propietario do banco.

O curioso disto é que Alfonso Rueda levaba varios días evitando dar detalles de como sería a súa participación nesa wacky race para contentar os ricos na que están mergullados os presidentes autonómicos do PP. A véspera, tras o Consello da Xunta –a comparecencia política máis importante da semana en Galicia–, aínda continuou coas evasivas. Seguro que pensou que non é o mesmo explicarlle estas cousas a uns cantos plumillas mileuristas que a esa xente á que realmente lle preocupa...

Por iso non contou nada na sede do poder executivo e só deixou unhas migallas para debullar, a vindeira semana, nese lugar no que reside a soberanía popular (e, por maioría absoluta, tamén a Popular): o Parlamento de Galicia.

Nin en San Caetano nin no Pazo do Hórreo. Rueda –que chegou de rebote pero vese que quere quedar– ten claro que estas cousas hai que presentarllas, xeonllo en terra, aos que mandan de verdade. E despois, retirarse, camiñando cara atrás, sen erguer a cerviz. Se se atreve a erguer a ollada, aínda terá tempo de ver, antes de que lle pechen a porta, como os seus amos xogan co agasallo como Chaplin coa bóla do mundo n’O Gran Ditador.

(Por certo, en medio de todo este debate sobre patrimonios e grandes fortunas, os compañeiros de InfoLibre seguen sen conseguir que o PP lles conte canto gaña de verdade Feijóo. Igual a solución é invitalo a un foro…).

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats