Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Unha crise de manual
Se na redacción deste xornal me fixesen caso, pediríalles que ilustrasen este artigo con fotos de semáforos ou pasos de peóns coidadosamente seleccionados por min, para que a deputada popular Paula Prado fique descansada sabendo que non son un robot nin unha trama de hackers rusos, nin sequera unha ourensá afincada en Varsovia, só unha humilde persoa real, preocupada pola contaminación no noso mar pero máis preocupada aínda pola contaminación nas nosas institucións.
A actualidade pasada polo cerne das redes sociais sempre parece ir a un galope trepidante, pero este xaneiro o PPdeG está a bater récords a ritmo dun titular estupefaciente (de deixarnos estupefactos, claro) por día. Non hai nin un mes que a asociación Noia Limpa publicou o vídeo que denunciaba a chegada masiva de pellets de plástico á súa ría, e xa parece que levemos un ano tentando repartir responsabilidades. Cando os medios de comunicación empezaron a facerse eco, a Xunta de Alfonso Rueda tirou do manual de xestión herdado de Feijóo e advertiu “non o comparedes co Prestige” para despois pasar a actuar exactamente igual que actuaran cando o Prestige. A primeira vista pode parecer curioso, porque as dúas catástrofes semellan moi diferentes tanto en alcance como no impacto ambiental e social que provocaron, e porén o PPdeG empéñase en reaccionar igual que hai 21 anos: opacidade primeiro, mentres puideron controlar a información nos medios concertados; mentiras desesperadas despois e, cando todo iso fallou, buscar outras administracións ás que culpar: O goberno central non nos axuda a non ser que pidamos axuda polas canles estipuladas pola lei! Son os concellos (sobre todo algúns) os que teñen que limpar as praias! Mesmo sacaron a pasear o retén esencialista nacional-popular de garda encarnado en patrón maior para darnos mais unha vez unha lección sobre o que verdadeiramente importa: os cartiños son bos e o ecoloxismo é unha cousa de hippies urbanitas que nada saben do mar, mesmo que algúns sexan mariñeiros con décadas de faena no lombo.
É certo que nas últimas horas introduciron como novidade o argumento dos cibercarrachos e a conspiración internacional, pero iso non é máis ca un produto dos tempos; no fondo e na forma toda a actuación do último mes replicou un modelo de sobra coñecido. Dicía eu que a primeira vista pode parecer curioso, pero o certo é que esta é a única forma na que saben operar.
O ritmo acelerado das noticias sobre a crise dos pellets, a súa localización máis delimitada, o poder simbólico das súas imaxes e o eco dos medios estatais fixeron que nesta ocasión vísemos moi claro o que decote se dilúe entre titulares amábeis e conflitos de parte, pero non se equivoquen: esta inoperancia envolta en catro capas de propaganda é a mesma que leva anos a depauperar a sanidade, a educación ou os servizos sociais na Galiza. O mesmo modus operandi, que dirían nun documental de crimes: primeiro non fan nada, e confían en que os profesionais capeen o temporal sen axuda, xa sexan aulas masificadas, urxencias colapsadas, residencias sen prazas ou boliñas de plástico no mar; despois, cando o malestar é demasiado clamoroso como para que a TVG o coe no minuto 47 do telexornal entre unha verza xigante e os deportes, a Xunta admite o problema pero, ao estilo do coaching liberal, transfórmao en oportunidade, por exemplo contratando empresas de confianza para que se encarguen de levar un cento de “formadores” a lucir o chaleco da Xunta nas praias contaminadas e, se de paso queren recoller boliñas, moito mellor.
Finalmente, toca poñer a máquina da propaganda outra vez en marcha: os malos son os outros, os que se queixan, que non aprecian a nosa sanidade, nin a nosa educación, nin as nosas residencias, nin o noso mar. Estamos a velo esta semana coa nova campaña de servizo público a medida do partido, Amar Galicia (o publicista dos xogos de palabras han de telo xa en nómina), que vén acusando de traizón á patria a calquera que cuestione a xestión sobresaínte da Xunta neste asunto. A min esa retórica sempre me recordou ao matón do instituto que berra “por que te pegas?” mentres boura en ti coa túa propia man. Non parece unha resposta moi sosegada ás críticas, e xa que queda menos dun mes para as eleccións, e que isto vai de cousas que xa se viviron antes, non lle recomendaría a Alfonso Rueda seguir tirando do manual de xestión que acabou co PPdeG fóra do goberno en 2005, pero que saberei eu, que só son unha humilde cidadá con dereito a voto, e non un hacker internacional especializado en derrubar gobernos.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0