Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Feijóo en Madrid

El presidente de la Xunta, Alberto Núñez Feijóo, responde a los medios a su salida de una reunión de la Junta Directiva Nacional del PP, en una imagen de archivo.

2

O perfecto centrista

Trump declarou que a solución da guerra na Ucraína podería consistir en usar bombardeiros estadounidenses disfrazados con bandeiras da China. Certamente, o ex-presidente dos Estados Unidos -que tal vez recuncará no posto en dous anos- é un gran bromista. Non sei se cando lle chamou “xenio” a Putin estaba facendo un dos seus chistes: cabe que si. Ou non. Nunca se sabe. Vivimos nun mundo estúpido, ou tolo, ou rexido por unha racionalidade que se lle escapa ao común dos mortais.

Máis cerca de nós Feijóo fai outro chiste: mentres percorre España promovendo a súa candidatura ao PP -afirma- chamará por teléfono para gobernar Galicia. É unha rexouba digna de Gila. Curiosamente, a prensa galega non parece detectar a broma nin saborear a fina coña do líder popular.

É curioso. Si. Curioso. Eiiii Querido lector! Realmente non é curioso? Pero, pensándoo ben, se un lle pon a Feijóo un sombreiro de pastel de porco (chámase así, non estou inventando) como os que levaba Buster Keaton atopará un parecido. En canto á idea mesma, xa estou vendo a Groucho gobernando Freedonia.

Pero vaiamos á cousa. Feijóo, como candidato do PP, ten evidentes problemas. O primeiro, como argallar para, téndolle dado o OK á coalición entre PP e Vox en Castela e León, seguir exercitando o manual do perfecto centrista. Para certa prensa madrileña Feijóo é un Ruíz Gallardón bis pero pode que caian da burra máis rápido. Feijóo leva unha Ayuso no seu interior e non é menos determinado ca ela. Que ninguén o infravalore. Pero Feijóo quixera facer coma Trump: gañar a guerra disimulando as armas.

Estes días todos aseguran que esa coalición lle dá a Vox respetabilidade e prepara o camiño. Que naturaliza a fórmula para un futuro goberno central. E así é. Claro, que pode que en Berlín ou en Bruxelas haxa un notario tomando nota con disgusto de como a través do PP os amigos de Putin -que hoxe asubían coma se a cousa non fora con eles- chegan ao Goberno en España. Véxanse as declaracións de Donald Tusk, presidente do PP europeo. Pero nada se sabe. A guerra na Ucraína pode cambiar os paradigmas da política europea, e aínda non sabemos en que dirección. Se a guerra dura, o empobrecemento pode ser atroz e a ultradereita remontar no continente. Atentos.

Como ter esa política e vender centrismo? Veremos que inventa o home. En Galicia é fácil poñerse presidencial e facer coma que un está au-dessus de la mêlée pero agora pasa a ser refén dun discurso, unha estratexia e uns votantes radicalizados. E só pode chegar ao goberno ou con Vox ou cunha gran coalición co PSOE, como quixera González, que parece descartada.

Pero o contexto pode axudarlle: España ensimesmada

A política española consiste, no momento presente, en remodelar a arquitectura constitucional en sentido regresivo, apoiándose nunha gran coalición que vai de Felipe González e a institución monárquica aos aparatos xudiciais e as terminais mediáticas. Tamén PP e Vox, obviamente. A vida española está marcada por unha versión do que Juaristi chamou o “bucle melancólico”. O seu horizonte proactivo é deconstruír o que construíu. Vox só é a punta de lanza desa tendencia. Trátase dunha ironía de proporcións bíblicas.

“Constitucionalismo” é o equívoco e falaz nome que usan para limitar as libertades, recentralizar e reducir dereitos. No nome de España cométense moitas falcatruadas e impúlsanse consensos que non son tal, senón que expulsan cada vez máis españoles do seu seo. Non hai máis que ver as enquisas. De feito, están procedendo a unha relectura do texto constitucional para que diga o que eles queren que diga. No caso das Comunidades Autonómas, que son meros entes administrativos sen substancia política.

España está inmersa nun enorme ensimesmamento dende 2017. Non só os cataláns están perdidos no seu labirinto. É unha actitude perigosa porque, no actual contexto mundial e cunha UE que non estou seguro de que saiba o que fai, ese ensimesmamento pode abrir paso a unha solución autoritaria, veremos de que tipo. Manuel Artime formula así a idea: “Estamos sen dúbida nos anos 20”.

O eixo central consiste en derrubar o Goberno de Pedro Sánchez, que se viu obrigado a abrir xogo con Unidas Podemos, e cos diversos partidos nacionalistas, de esquerdas e dereitas, do PNV e ERC a Bildu, Junts e BNG. O obxectivo do derrubamento, repito, é poñer cabo a esa remodelación da arquitectura constitucional virando o rumbo dos últimos corenta anos de historia -eses corenta anos dos que se abxura para, implicitamente, santificar os corenta anos anteriores-.

A meta non é menor e os recursos con que conta esa coalición son inxentes. No entanto, aviso para navegantes, o éxito desa operación pode sentar as bases dunha inestabilidade insoportable. Se a historia é mestra de algo España pode mirar cara o seu propio pasado. Debería facelo. Debería ter algunha intuición dos perigos que corre.

Lamentablemente, hoxe a versión estándar da Historia de España está marcada polo prisma da recua revisionista dos Moa&Vidal&Barea. Pola súa banda, os politólogos -por non falar do cinismo xeneralizado dos tertulianos, meros portavoces dos seus patróns- que inundan os media teñen unha visión non só da política, tamén da vida social, que reduce ambos aspectos a un asunto puramente técnico e de xestión.

Hai unha xeración de rapaces que non parece que tiveran na súa vida fricción algunha co seu entorno e que non están preparados para ler a Shakespeare e entender aquelo de que a vida é un conto narrado por un idiota. Os Pablo Simón e Víctor Lapuente de turno non están preparados para entender o que sae dos seus estreitos marcos. Con todo, a cegueira e a arrogancia intelectual sempre se paga. Tal vez non eles, pero alguén a vai pagar. A desmesura con rostro amable tamén é un perigo.

Sexa coma for, esa España ensimesmada que ten como obxectivo político fundamental reescribir a súa historia recente para camiñar nun sentido regresivo e conservador, sumado a inepcia tecnocrática da nova intelligentsia, cando non falsificar o pasado, é un contexto apropiado para Feijóo.

A prensa independente

O segundo problema, non menor, experimentouno o seu antecesor en propia carne. Casado era o candidato e tiña certo control do partido, pero non tiña o control da prensa conservadora capitalina nin da doutros medios. Xa se veu no momento decisivo. Ao fin e ao cabo, quen distribúe os diñeiros á prensa independente son os gobernos. E Feijóo estará na oposición. El saberá se Ayuso vai disparar contra el dende esas cabeceiras, pero non pinta ben. A presidenta madrileña aspira a máis. Ayuso non é Baltar.

Para o PP Galicia é un balneario. Feijóo gobernou nun entorno mediático afín, apoiado nos recursos da Xunta e tamén, quen pode negalo, cun apoio social que vén de lonxe e que ten moito que ver co peso que dá ser o goberno por defecto dende a Transición: coa maraña de intereses creados.

Realmente, en Galicia non tiña que tomar decisións de risco e, de feito, nunca tomou ningunha. O seu novo destino non se parece en nada. Por suposto que non é un neófito, coma Casado, e que sabe latín. Pero no centro de Madrid a concentración de tiburóns é impresionante. Veremos como se manexa con eles.

Se a súa é unha historia de éxito e Feijóo chega ao Goberno do Estado, o PP de Galicia teráo fácil. E, polo efecto liderado, levará a ese partido a desgaleguizarse aínda máis do que xa o fixo despois de Fraga para seguirlle os pasos ao seu Presidente Invicto. Pero se Feijóo sucumbe ás intrigas, ou a complexidade da situación, entón parece difícil pensar que ese partido fixera bo negocio. Pero nunca se sabe.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats