Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
A importancia de se chamar A Toxa
Nada a ver coa obra teatral de Oscar Wilde (Ernest/Earnest): nesta obra escenificada na illa situada na Galiza hai moi pouco de comedia. É máis ben unha representación teatral con fins diferentes do entretemento ou da sátira social. Máis ben semella que somos nós (os componentes cidadáns do pobo) os bulrados. Todo empeza en Hotusa e o seu conselleiro dominical: Amancio López Seixas, galego, fixo fortuna en Catalunya e hoxe é máximo titular da cadea hoteleira Hotusa. Fíxose hai uns anos - en 2018- coa propriedade de dous grandes hoteis na illa da Toxa, compra feita naquel momento ao Banco Popular, bens provenientes a súa vez da absorción do Banco Pastor. Hoxe, Hotusa, que é a terceira cadea hoteleira do Estado, controla case un terzo da extensión da illa incluíndo hoteis, antiga casa de baños, antiga fábrica de xabrón, casino, xardíns, etc. E aproveitando que A Toxa é unha illa e que é apropriada para fastos de todo tipo, nomeadamente os de propaganda liberal/global, demos en ver a organización duns foros de cuxa denominación xa me teño esquecido.
Este ano, aínda intra-pandemia, é a primeira vez que Hotusa declara perdas. Até o ano 2020 seguiu pola senda do beneficio, indicador comunmente de éxito empresarial. E se non é indicador de éxito, si que significa para todo o mundo facultade empresarial de conseguir retorno dos investimentos, co cal tamén se espera que exista unha certa capacidade de reaxir cando veñen mal dadas, como sucedeu na pandemia. Os grupos empresariais hoteleiros, por mor dos fechamentos obrigados, desfrutaron de axudas públicas -aínda en vigor-, os ERTE (expedientes de regulación temporal de emprego), para paliar unha parte das perdas asociadas á falta de actividade e impedir o baleirado do cadro de persoal. Creáronse liñas especiais de créditos ICO coa mesma finalidade mais no ámbito financeiro, e houbo axudas pontuais para controlar a caída de ingresos do turismo. Hotusa, ao igual que outras empresas do mesmo ramo de actividade, tivo acceso e utilizou todas e cada unha das axudas contempladas na lexislación actual. E se apareceron problemas que antes en plena actividade non afloraran debe ser debido a algún aspecto estrutural do grupo, xa que non é moi entendíbel que o primeiro exercicio de perdas se vexa abocado a solicitar e lograr un resgate por parte da SEPI (Sociedad Estatal de Participaciones Industriales).
A SEPI entra en Hotusa con 241 millóns de euros e, como o seu nome indica, entra participando, o que no futuro inmediato pode significar unha releitura da vida empresarial do grupo: así é, e así debe ser. A esixencia da correción empresarial no uso dos fondos públicos utilizados en actividades económicas é garantía para os cidadáns de boas prácticas na acción pública. Unha vez identificado o problema e máis a solución a curto prazo vía SEPI, imos identificar os intereses que se moven tras a organización de eventos tipo o Foro de A Toxa con nome infelizmente deturpado por alguén con miras tan curtas que de puro paleto asombra.
O evento denominado Foro é organizado polo grupo Hotusa e patrocinado por Abanca, Estrella de Galicia, Iberdrola, Mapfre, Renault, Deloitte, Inditex, Renfe, El Corte Inglés, Copasa e Gadisa; os seus obxectivos, declarados no manifesto feito público (tradución miña do español) son “servir de espazo para a reflexión e defensa dos valores que definen as nosas sociedades democráticas.... en definitiva con democracias liberais...que se ve cuestionada por quen apela ao nacionalismo fronte á globalización... ao populismo fronte ás institucións e a identidade como único argumento do debate político”.
Unha vez coñecidos os obxectivos, ponentes e reflexións, xa ficou perfeitamente clara cal é a finalidade da representación -custosa, iso si- do foro. Foron convocados 42 ponentes para levar a cabo exposicións e debates durante 12 horas ao longo de tres xornadas. Os representantes institucionais convocados -de acordo coas liñas de interese- foron, no caso español, políticos do PP e do PSOE, en activo e na reserva. A democracia representativa do manifesto hai que entendela reducida: ou é do bipartidismo que me interesa ou non convoco. Primeiro ponto: ben. Segundo ponto: a igualdade tampouco parece quedar moi ben parada. Por representación dunha sociedade na que o 52% son mulleres, e forman parte dos órgaos de participación democrática en todos os poderes, en todos os estamentos, en proporcións moi superiores ás da eleición realizada. Mesmo na estreita representación hoxe en día da caixa bipartidista, a escolla podería ter sido outra, mais aquí atopamos un outro tropezo: interprétase que a democracia é liberal; e aí non encaixa calquera porque é un espazo político-ideolóxico tan añorante do soño que nunca existiu que só poden adherirse a el determinados persoeiros capaces de navegar a vela, menos cando hai vento en contra, seren remolcados por un outro buque con motor potente.
Negamos que a democracia sexa liberal. Liberal é un término político para definir unha corrente de política económica que considera que a acción do Estado se debe reducir ao mínimo posíbel, non intervir para nada na vida persoal dos individuos e se limitar a derrubar as barreiras existentes á iniciativa privada en todo ámbito: non ás regulamentacións. O estado liberal nunca existiu na historia de Occidente. Esta rancia identificación da democracia é na actualidade máis arcaica que botar de menos os coches de cabalos como medio de transporte. Até é cómico falar de liberalismo nun momento económico en que, se non chega a ser polo Estado en todas as súas formas e institucións, non existiría a sociedade conformada como a coñecemos. Os poderes públicos desde a base máis cercana ao cidadán até os órgaos supraestatais europeos ou mundiais gobernan, regulamentan, deseñan e mesmo programan as nosas vidas. Ulo, o liberalismo? Na imaxe construída na idea de alguén que pensa que o prexudica a regulamentación laboral, a regulamentación fiscal, a regulamentación e control monetario... e que, non obstante, cando esa mesma regulamentación ou outra de calquer outro campo de actuación favorece os intereses empresariais, individuais concretos, non di nada, úsaa ao seu interese e vive alegremente de tales contradicións.
No manifesto do foro hai unha outra frase non concordante cos feitos: “... sociedades abertas que teñen o seu fundamento... na dignidade das persoas..”. É sabido que nas situacións sociais extremosas, de perigo ou de situacións críticas, emerxe o que socialmente compón a parte máis nobre das relacións humanas. Mesmo nas guerras, a eclosión das formas de dignidade humana máis admirábeis teñen deixado louvábeis mostras. En calquer caso, o respeito á dignidade humana comeza por gardar respeito ao proprio antes que ao alleo imposto e docilmente asumido como correcto. Un nome, mesmo se só é o dun con no medio da ría, non é mudábel por ninguén, por moi poderoso que se sinta ou moi liberal que se teña erguido o día de autos. Non se trata de nengunha cuestión do nacionalismo vituperado no manifesto; trátase, simplesmente, de ser digno.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0