Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Miss Maricón Mariquita Amariconado, o meu propio Orlando
No piso novo, o patio de luces está pechado por arriba cunha cuberta de plástico, así que á calor dos últimos días sumábaselle case sempre a dificultade para crear correntes de aire que nos axudasen a refrescar os cuartos. Xa cansos de ver na televisión novas sobre xente queixándose de que o verán dura demasiado, de que se récord histórico por aquí, de que se noite tropical en outubro por alá… Cando soubemos que por fin chegaría a chuvia, agardámola expectantes. Na madrugada do venres escoitamos un estrondo furioso. Aquel repenicar de tambores anunciaba a estación húmida —agora que o cambio climático nos deixou só con dúas, se cadra dúas e media— e eu quixen escribir nada máis erguerme pola mañá, como se fose algo físico. De feito, estou convencido de que o é.
Esta semana chegou ás salas de cine Orlando, a miña biografía política, o filme onde Paul B. Preciado narra e celebra o non binarismo e a identidade trans. Atravesado por variacións e metamorfoses, a cadea de testemuñas e relatos superpostos que desfila na pantalla lévanos do verán ao inverno, da luz á escuridade, do imperio ás colonias, dun xénero a outro, pero ten coidado de non deixar polo camiño os corpos sobre os que se operan eses cambios. Preciado fala de psiquiatras e psicólogos, de xuíces, de violencia médica e administrativa, pero faino cun aquel luminoso. Conségueo grazas ás voces de suxeitos en mutación —mutantes orgullosxs— que din sentírense ben en contacto coa natureza, na súa indeterminación. Non esquece nunca que hai que “sobrevivir á violencia para contar a nosa historia e contar a nosa historia para sobrevivir á violencia”.
Hai unhas semanas propuxéronme dende o equipo de Igualdade dunha universidade galega que participase cun texto breve nunha campaña centrada na masculinidade como elemento opresor. Dixen inmediatamente que si, que o debate me interesaba e quería escribir sobre iso. Mais cando chegou a hora da verdade, non saía nada. Sentaba fronte ao escritorio e nada. Paseaba polos cuartos abafantes e nada. Co paso dos días, víñanme á cabeza algunhas nocións teóricas, algunhas lecturas. Todo o presidía esa idea de Bell Hooks de que o patriarcado oprime tamén aos homes: condúceos á violencia e a frustración, négalles sentimentos e agasállaos con hábitos tóxicos e vidas que duran menos que as das mulleres. E entón, como por arte de maxia psicanalítica, chegaron Orlando e a chuvia.
Cando era neno lembro pensar moitas veces que desexaría ser muller. Lembro unha vez na parte de atrás do coche dos meus pais, volvendo da casa dalgún familiar estar pensando: “oxalá espertar e ser muller”, igual que acontece na novela de Virginia Woolf. Anos máis tarde, na facultade, lembro tamén ter falado sobre isto con outros compañeiros gays. Case todo eles afirmaban sentir o mesmo na infancia: esa necesidade imperiosa de cambiar de corpo para adaptar o noso desexo ás regras establecidas polos demais. Colocabamos unha toalla na cabeza, a xeito de melena, e comezabamos a mover as cadeiras para pensar que así sería máis doado xogar con bonecas, bicar outros nenos. Performabamos un xénero que non se correspondía co noso sexo, pero que facía que nos sentísemos cómodos coa nosa sexualidade.
No primeiro barrio onde vivín ao chegar a Noia, con seis anos, eu fixera rapidamente un grupo de amigos cos que correr barrio arriba e abaixo e, nos días de máis calor, fuxir algo máis lonxe ata chegarmos ao río. Hoxe en día non sei que foi da maioría deles. Crúzome cos seus rostros adultos pola vila cando visito a meus pais, pero non nos saudamos.
Daquela, a principios dos 2000, quíxenlles regalar unha vez o meu secreto tan ben gardado: a idea de que eu podía selo todo. Podía ser un neno e amar outros nenos. Podía ser un neno e actuar coma unha muller. Podía ser máis feminino que calquera das nenas que me miraban. Coloquei a famosa toalla na cabeza e comecei a baixar lentamente as longas escaleiras de entrada dun edificio das aforas. Unha perna cruzándose axilmente por diante da outra. Vexo aínda hoxe todos aqueles ollos pequenos cravados en min: unha mestura de nervios e fascinación. Un deles decidiu bautizarme como “Miss Maricón Mariquita Amariconado” e berraba o meu novo nome cada vez que volvía actuar para aquel público insaciable. Aplaudían. Pedían máis. Nalgún momento o xogo rematou, comezou o bullying e, co paso dos anos, gardei comigo aquela restra de insultos como algo humillante e valioso a partes iguais: o relato dunha revolución.
Igual que con este largo verán que por fin remata, debemos coñecer a historia dos nosos corpos e as súas dúbidas: quen nos coloca na calor abafante e nos fai crer que é normal? Quen oculta as acusacións dos culpables? Agora sei que case sempre son os mesmos que hai máis de vinte anos me vían baixar con elegancia as escaleiras dun portal cunha toalla na cabeza. Aquelas miradas infantís que rexistraban o sucedido como un acontecemento extraordinario, fascinadas por ver operarse a transformación diante dos seus propios ollos, por primeira vez expostos á disidencia. Hoxe, é imposible saber que quedou neles do meu recordo. Eu, home cis homosexual, querido Paul, querida Virginia, sorriríalles alegre e desafiante se me saudasen, estou seguro.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
2