Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Un necesario pacto por Galicia

Galicia, con Tui a la derecha, vista desde Portugal.

1

Posiblemente sexa eu un pouco parvo ou ensimesmado demais, pero non me abandona a idea de que a cidade na que vivo, Santiago, está lonxe dese momento climático que foron os noventa. A impresión é a de que se estende sobre o estado de ánimo da cidade unha sombra de grisura, apoucamento e desánimo.

Non estou seguro. Pero temo que esa mesma sensación, acaso con outros matices, derivados da idiosincrasia particular, poida vivirse hoxe en Vigo ou na Coruña, cidades máis grandes e acaso máis dinámicas. Intento preguntar aos amigos que aí viven sobre o asunto. A impresión é que toda Galicia está sucumbindo á atmosfera da vida de provincias, dese moco espeso e untuoso que se adhire a un ata conseguir que acabe enterrado nun bocoi de mediocridade e atonía.

Por fortuna, creo que non estou só nesta percepción. Falando con Victor Santidrián coincidimos na apreciación. Os dous falamos de recentes viaxes a Madrid -el é un madrileño de pro- e da vida e a animación que alí se respira. Sen dúbida é unha cidade de gañadores e perdedores -é a capital europea máis segregada e a segunda con maior desigualdade social- e Ayuso é quebranto e burla de todo o que os dous amamos, pero non se pode evitar percibir a diferente intensidade das vibracións. Por certo, que quen queira acercarse á vidilla madrileña terá unha guía deliciosa en ¡Quemad Madrid!, de Raquel Peláez.

A verdade é que boa parte dos fillos dos amigos e familiares dirixe os seus pasos a outros lugares, nos que o sol luza máis e as oportunidades existan. Se un repasa os datos esa impresión queda confirmada. Na nova emigración marchan os máis novos e mellor formados. Unha auténtica fuga de cerebros. Así non poderemos facer nada como país.

Si. A verdade é que Galicia non ofrece oportunidades. Non hai traballo dabondo, e menos aínda traballo cualificado. Cousa rara: se un le a prensa galega, todo vai magnífico. Sensacional. Fabuloso: o que fan os cartos e, por que non dicilo tamén, a coxeira do pé dereito dos propietarios.

No entanto, é difícil desapegarse da sensación de que a atmosfera é cada vez máis gris. Non hai dinamismo, enerxia, tensión social: a expectativa de que as cousas irán mellor, a alegría que acompaña cando hai confianza en que o que un vai facer renderá algún froito. Hai como un conformismo xeneralizado. Si. Esténdese o arume da provincia espesa.

En tempos de Fraga construíronse infraestruturas -estradas, hospitais, escolas-, mesmo fixéronse consensos como o da Lei de Normalización Lingúística, tan significativo. Era outro momento, dende logo, pero hai que dicir que Fraga cría e facía política. Pensaba que a administración pública estaba para algo e que o mercado non o era todo.

Na era de Feijóo, que se fixo? Ese consenso destruíuse... Feijóo paréceme que foi un presidente insignificante. Un funcionario con manguitos e ningunha idea na cabeza. As súas contorsións foron grotescas para simular que sostiña, ao mesmo tempo, ideas antitéticas. A Rueda haberá que dárlle cen días, pero non é para facerse ilusións, dado que, a priori, semella a degradada copia da copia dunha copia...

Parte da culpa, ou da responsabilidade, na falta de pulso galego seguro que ten que ver coas decisións dun Estado que, se ben afirma que todos somos iguais, dá por sentado que uns son máis iguais ca outros e que o Km 0, na madrileña Porta do Sol, é o embigo do mundo.

Pero, ao fin e ao cabo, Galicia ten un goberno propio, que tamén toma decisións ou, asunto non menos importante, deixa de tomalas. Cando un intenta precisar nos últimos lustros cales se tomaron con algunha significación, sucede que a auga se lle escorrenta entre os dedos. Temo que un papel negativo tívoo o feito de que Feijóo pasou o tempo querendo agradar aos medios madrileños para cultivar o seu destino actual, longamente buscado. Iso quitoulle forza e capacidade de presión.

Pero, en fin, algunha idea habería que postular se queremos que o pulso se recupere. Quen non toma iniciativas deixa que outros as tomen por un.

Unha moi obvia, e pouco discutible, sería promover un gran pacto, unha acción conxunta de forzas políticas, sindicatos e empresarios para reclamar os compromisos da variante noroeste do Corredor Atlántico e outras infraestruturas. A mellora do trazado ferroviario entre Ferrol e A Coruña, ou a conexión tamén por tren de Vigo e Porto, por exemplo. Os portos marítimos e as autopistas do mar merecen un capítulo importante. Non se pode repetir o disparate do porto exterior coruñés.

O Foro Económico de Galicia ou a Confederación de Empresarios de Galicia, se valen para algo máis que para darse palmadas no lombo entre homes brancos, ou para constatar en sesudos informes o evidente, poderían tomar unha iniciativa similar á que os seus colegas cataláns e valencianos levan reclamando dende hai moito tempo para o Eixo Mediterráneo.

Ese pacto podería constituír, en si mesmo, a ocasión de debater sobre unha área económica e social emerxente, a que forman Galicia e Portugal. É evidente que esa área ten aspectos positivos e negativos, pero é seguro que a medio prazo pesarán máis os positivos. A pesar dos estereotipos negativos, o certo é que o norte de Portugal está medrando con máis dinamismo que Galicia, que non está sabendo xogar as súas cartas.

Esa área económica con enorme futuro precisa racionalización, planificación, establecer sinerxias e promover redes de transporte. En definitiva, unha visión estratéxica e investimentos que respalden e promovan unha configuración urbana que facilitaría economías de aglomeración. Portugal non só é un veciño. É tamén unha oportunidade, pero hai que facer con xeito. 

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats