Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Teoría do coñecemento/uso segundo a doutrina PP

Un aula de educación primaria en un colegio.

María do Carme García-Negro

2

Sorprendida por unhas declaracións explicativas da política lingüística da Xunta para xustificar -cunha teoría propria- o rol da escola pública contraria á promoción do uso da nosa lingua, anímome a lle dedicar uns breves comentarios. Declaracións feitas por un Conselleiro, na propria semana de celebración ritual das Letras Galegas, xustificando -aparentemente de forma moi tranquilizadora- que unha cousa é coñecemento e outra o uso. Permitímonos unha especie de análise que vai desde a crítica ética ao aspecto cómico do argumento.

Ás veces pensamos, e opinamos, que as decisións de política económica ou de política educativa -neste caso- derívanse da falta de coñecemento sobre as variábeis nas que se intervén. Este é un pensamento benévolo, preciso para unha convivencia nas relacións políticas sobre todo nas institucionais: diríamos que é indispensábel para manter o respeito humano necesario na convivencia institucional ou mesmo na diaria laboral. Outro plano de entendemento dáse no momento en que quedan en evidencia intereses desiguais, contrapostos ou mesmo totalmente adversos, por non dicer inimigos. Nese caso o respeito decai moito até ser realmente nulo. Non é que entendamos negativamente ter intereses distintos, é que non concebemos representar na política galega contraria os intereses galegos como pobo. E non é preciso descorrer moito para formular que as necesidades e mesmo os intereses do pobo galego unen de forma indefectíbel lingua-cultura-crecemento económico-benestar de forma integrada e única.

Por esa razón, non podemos apartar, segregar, segmentar, dereitos que pertencen ao sustento diario preciso, ao traballo digno, á educación pública, á sanidade pública... dos dereitos á cultura e lingua proprias primeiro e por diante de calquer outro. Os dereitos dos pobos á propria existencia en si, e de por si, non son segmentábeis, só son esperábeis, no seu cumprimento, nun período temporal adecuado ás reparacións que sexan precisas. Comparamos este proceso de conseguir ser un pobo digno á reinserción en sociedade, tal e como a entenderon os nosos antepasados creadores da teoría dos dereitos humanos ou tal e como entendeu o dereito á dignidade persoal das/os presas Concepción Arenal. É dicer, son procesos integrais que involucran todos os aspectos de inserción e recuperación por fóra e por riba da coacción e da represión. Non se pode pretender integrar ou reintegrar un ser humano -caído- en sociedade se se lle nega, por exemplo, o dereito a un traballo digno; e así con todos e cada un dos elementos vitais de que dispoñen os que non son marxinais.

A teoría xustificativa da política alleante do PP galego é a seguinte: a escola pública proporciona o coñecemento, neste caso do idioma galego. Outra cousa é o uso. O uso é un asunto individual. Aí a escola non inflúe. E é aquí onde constatamos que non é un problema de falta de coñecemento inocente senón da aplicación consciente e proposital dunhas prácticas educativas derivadas das leis para baleirar, mesmo con este proceso, a identidade de pertencer a un colectivo único. Dicían os colonizadores británicos que canto máis alienados estivesen os pobos conquistados, máis fácil era o proceso de manter a colonización. É dicer, canto menos se recoñeceran como colectivos con direito á vida propria máis doado era sometelos. Mesmo así se explica, coa India convertida non só en colonia económica, senón depositaria do coñecemento da cultura británica a través da culturización das súas elites na cabeza do imperio (lembremos como até Gandhi estudou Dereito no University College de Londres). O proceso de integración foi entendido como total no sentido que expresamos antes. Pois ben, no noso caso, e neste presente, lamentamos vivamente que a escola pública só sirva para proporcionar coñecemento do que está nos programas, non sendo responsábel do seu uso. Agora vin a luz que ilumina os problemas sociais do actual sistema de ensino. Se o coñecemento é para ser proporcionado e recebido como unha mercadoría perecedoira é perfectamente explicábel o rol da escola neste momento e con estas leis.

Coñecemento e uso non son separábeis. Que papel cumpre o coñecemento se non é tanto para aplicar no sentido técnico máis primario, como no sentido transformador do ser humano? Comezando polo primeiro: coñecemos a táboa de multiplicar, mais, facendo uso da liberdade individual, non a usamos: contamos polos dedos até onde se poida. Coñecemos o uso do garfo e do coitelo mais comemos coas mans en uso da liberdade. Coñecemos o deber de respeitar aos demais tal e como queremos que nos traten a nós, mais non practicamos porque son cousas distintas. Coñezo o deber de pagar impostos mais non o practico en uso da miña liberdade de uso, valla a redundancia. Coñecemos a lingua galega porque se estuda como un idioma estranxeiro, mais non a usamos porque somos libres de falar calquera cousa. Coñecemos o deber de respectar a pais e maiores mais non o usamos porque unha cousa é o que vén nos programas da escola, e outra é a vida. Coñecemos a teoría da igualdade, mais unha cousa é o que din na escola (é para aprobar, non para aprender) e outra a vida de fóra.

E así poderíamos seguir até topar con cuestións cómicas e outras dramáticas. Mais, afondando, hai outra consideración ao noso entender de moita importancia cualitativa. A aprendizaxe, o papel do coñecemento novo é relevante non polo seu aspecto de cúmulo de coñecementos que se poden ir poñendo en práctica (ou non) cada día, senón que teñen a virtude de transformar a capacidade de comprensión, de percepción e de uso doutros coñecementos, polos seres humanos ben traballados. O traballo de aprender ten dúas consecuencias inmediatas: cambia o mundo na medida en que cambian os coñecementos dunha colectividade, e cambia os humanos na medida en que o traballo sobre si mesmos é transformador. O fundo filosófico do plantexamento do PP é demoledor e antisocial: o médico coñece as enfermidades mais iso non significa que colabore a curar. Os bombeiros coñecen como se apaga o lume mais usan ou non o coñecemento... Como se pode en sociedade divorciar o coñecemento en prácticas sociais adecuadas do seu uso?

Atopamos que neste caso o uso da explicación dos feitos -caída do uso da galego- cun certo verniz teórico, só é entendíbel para xustificar unha conduta política de absoluto cinismo, coñecendo, como é público, o papel negativo da escola na recuperación e normalización do galego.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats