Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
Esperanza Aguirre, la ideóloga de un modelo sanitario que hace negocio
El PP usa el “sentido común” para disfrazar su renovado negacionismo climático
OPINIÓN | 'Privatizacionitis sanitaria: causas, síntomas, tratamiento', por Isaac Rosa
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

As Malas Causas

El presidente de la Xunta, Alfonso Rueda, durante un recorrido en bici.

0

Chegaron boas noticias esta semana a Santiago. Despois de poñérselle en contra a veciñanza, o concello, os seus propios técnicos e mesmo os peregrinos, a Xunta por fin recuou na súa decisión de empichar as brañas do Sar até o mesmo pé do carballo centenario de Conxo para poñer un carril bici. Segundo o proxecto, a vía de asfalto ía saír de San Caetano (ignoro se da mesma Xunta) para chegar até o Milladoiro, que é unha distancia nada desprezábel para min, pero moi acaída para que alguén tan deportista como o noso Presidente poida percorrer en bicicleta.

O máis fascinante do asunto é que a encargada de dinamitar o proxecto foi Carmen Martínez Insua, a ex-directora de Patrimonio que dimitiu por cansazo despois de suxerir pintar a cheminea de Altri de camuflaxe e de tentar facer ver que a boutade fora cousa do ICOMOS, un organismo moi serio que non está para lerias, como xa demostraran aquela vez que lle sacaran as cores ao ex-alcalde compostelán Sánchez Bugallo por insistir en construír unha pailanada de teleférico en Santiago.

Neste caso, Martínez Insua asinou, practicamente co seu ultimo folgo, un informe contra o trazado do carril de asfalto minutos antes de abandonar o cargo, como cando nas películas o policía a piques de retirarse é abatido e xusto antes de morrer lle dá ao protagonista a peza vital de información necesaria para atrapar o asasino. Nesta brillante analoxía que se me acaba de ocorrer o protagonista sería a veciñanza de Conxo, que non quere piche no seu Bosque do Banquete, e o asasino aínda non o teño claro, poida que o enxeñeiro que deseñou o proxecto do carril bici ou o cargo da administración que lle dixo que “para adiante”.

Vese que desta vez a ex-directora de Patrimonio si que atendeu o clamor popular, se cadra coa esperanza de que un acto redentor amortecese a súa saída da Xunta tras o asunto da cheminea icónica. O clamor enxordecedor contra a pasteira de Altri e Greenalia, porén, está a obter unha reacción ben distinta. Non hai consello da Xunta, sesión de control no Parlamento, rolda de prensa, encontro con empresarios, no que o presidente Alfonso Rueda non exerza de comercial da pasteira, e unha empeza a dubidar se realmente lle vai a vida niso, como parece cada vez que lle reclama ao goberno español que se reúna co CEO de Altri ou cando insiste en defender os postos de traballo que disque vai crear fronte a todos os que seguramente vai destruír. Tendo en conta que o PPdeG é experto en tomarlle o pulso aos seus votantes, e que recuou noutras cuestións como o peche do paridoiro de Verín cando veu que se lle botaban á rúa mesmo os seus alcaldes, non atopo explicación para esta teima por nos vender a planta de celulosa, cunha contestación aínda maior.

Ás veces dáme por pensar que Alfonso ten a pretensión de ser embaixador das Malas Causas, como cando pide flexibilidade con Segismundo García, un empresario que tiña os traballadores da planta de Cervo de Sargadelos como se fosen radium girls a pintar reloxos radioactivos na Primeira Guerra Mundial. Ou como cando se manifestaba detrás da pancarta de Galicia Bilingüe (sic) nunha época de consenso parlamentario e social en torno á defensa da lingua propia. Se os lagartos camuflados de persoas que saían na moi oitenteira V nos invadisen mañá e tentasen convencernos de que con eles ao mando as cousas nos ían ir moito mellor, xa sabemos a quen chamarían para presentar o proxecto.

O seu xefe en España tamén ten unha certa querenza por arrimarse a partidos de inspiración preconstitucional e a estados xenocidas, e disque aos seus valedores estáselles acabando a paciencia porque non gaña eleccións (porque non quere), así que se cadra, se Alfonso aguanta un pouco, acaban ofrecéndolle traballo en Madrid, e aí si que seguro que atopa menos resistencia popular para asfaltarlle o camiño (e tender pontes de prata, se for preciso) desde San Caetano.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats