Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Unha vida de adaptación
Cada vez que hai un novo acontecemento económico que significa un problema engadido á vida dos cidadáns, e máis nesta época de crise, sempre aparece nos ámbitos de expresión do poder político -á hora de xustificar as medidas de política económica- o argumento recorrente de: “Son normas europeas e debemos modificar as nosas para nos adaptar”. Dá a impresión de que hai outros poderes na UE con supremacía sobre o Estado español e que a este non lle queda outra alternativa máis que se adaptar. Se o exercicio do poder, polo menos en grau de dominio, consiste en non se ter que adaptar, dada a nosa historia intra-UE de adaptación continua, é para deducir que poder proprio no Estado español, moi pouco ou nengún.
A exposición da nosa historia de adaptacións é tan longa que merece unha consideración polo miúdo, mesmo para valorar se é tal ou responde á accións propositais. Na UE, como organización supraestatal que é, adóptanse uns acordos sobre política económica comunitaria que se elaboran contando coa participación de todos os estados. Deberemos ter en conta que o Estado español se adheriu a unha organización que se conformou 29 anos antes e percorreu o seu camiño en función e a medida dos intereses conxuntos dos primeiros socios: é dicer, paseniñamente modificaron estrutura económica e política desde os seus pontos de partida. A premura do goberno PSOE en 1986 de, aceleradamente, se adaptar sen pór cautela ou salvaguardas aos cambios requiridos marcou unha pauta de estadía nese clube xa desde o momento inicial: España adaptouse a un traxe feito para outros. E este modus operandi permanece e aprofúndase a cada paso. Na UE conviven estados con moi diversas estruturas económicas, con capacidades de resistencia ante as crises moi distintas, cunha propriedade do capital industrial/financeiro tamén moi distinta, cunha estrutura fiscal moi diversa; en fin, cunha capacidade de endebedamento tamén completamente distinta.
Se comparamos a imaxe transmitida de Europa coa realidade económica de cada membro, esváese coma un veo a idea de semellanza entre estados. Uns non teñen, nen por asomo, a débeda do Estado español nen sofren o risco mundial considerado de teren dificuldades para pagar. Outros non fixeron desaparecer o seu sector industrial proprio para se converteren exclusivamente en importadores: desde a construción naval á industria manufactureira propria, pasando polas explotacións agrarias de pequeno tamaño e mercado local; outros seguen mantendo, como é desexábel, autosuficiencia alimentar e de subministros proprios para a súa cabana. Outros teñen caixas de aforro convivendo con banca de negocio mundial. Outros non empregaron os fondos comunitarios en facer autovías que logo teñen un problema de permanencia, e que requiren sempre un mantemento a costa do erario público. Outros gozan dun estado de benestar e de redistribución de rendas coa corresponsabilidade dos cidadáns previamente aceptada como un ben social e non como un dereito de receberen regalos do Estado.
Por citar un caso rechamante, no mesmo momento en que aquí, en suposta aplicación das normas comuntarias, ficaron arrasados os mercados locais de proximidade, no súper de Harrods en Londres se podía mercar queixo francés elaborado con leite fresco sen pasteurizar a un prezo de ben de luxo: as normas comunitarias permitían tal práctica, só que o Estado debería ter pasado un pouco máis de traballo para garantir a implementación das medidas comunitarias e mais a conservación da produción propria. E, finalmente, mais non menor: non hai un estado na UE do mesmo tamaño que o español que sosteña unha estrutura da súa administración decimonónica, verdadeiro lastre, pesada carga para a actividade económica, así como para o uso racional dos orzamentos públicos.
E non é porque argumentemos que non fose necesario realizar cambios na estrutura económica, nen moito menos, senón porque foron realizados en interese de parte, de forma velocísima e traumática e en función única e exclusivamente do maior gaño para un grupo social emerxente: mistura dos novos e dos vellos titulares do poder económico. A UE non vai responder da dependencia do turismo de masas español, da industria de capital estranxeiro dominante (desde a construción do automóbel á eléctrica, pasando pola de novas tecnoloxías), da natureza da débeda pública, así como da súa orixe e camiño desbocado. A UE non é responsábel da relativa escaseza dos ingresos públicos nen do soporte da maior parte da carga. Os europeos non teñen responsabilidade nengunha da caixa de grilos que son os acordos políticos en España.
O episodio máis recente é o do prezo da enerxía eléctrica, que, se ben podería ser explicábel polo funcionamento dun mercado único comunitario canto ás normas de fixación das componentes do prezo, non é responsábel en absoluto da estrutura produtiva de enerxía eléctrica de cada estado. A capacidade e estrutura de produción/xeración e a distribución da mesma non son responsabilidade comunitaria senón do órgano regulamentador español: o Estado. A estrutura produtiva de enerxía eléctrica española é hoxe herdeira do vello oligopolio franquista das eléctricas, apiorado coa liberalización producida nos gobernos do PSOE e do PP, que, grazas á venda e a privatización, deseñaron o actual panorama amorfo, non competitivo, acostumado aos manexos e privilexios e aos beneficios -si ou si-, veñan de onde viñeren: mesmo en moitas ocasións de facturar fume.
Resumindo, non hai órgano comunitario responsábel de que o Estado español, o territorio mellor dotado para ter hoxe autosuficiencia de enerxía -renovábel- propria (non propriedade de compañías foráneas como Endesa), non o sexa, e siga sendo dependente de enerxías de xeración vinculada ao petróleo (todo importado), ao gas natural (todo importado) ou ao carbón (case todo importado). Na Unión Europea non son responsábeis de que se privatizaran excelentes empresas públicas de enerxía eléctrica nen tampouco de non ter feito un plan decisivo para producir enerxía con fontes renovábeis: a dotación en horas sol, horas luz, vento ou maremotriz é indiscutíbel, e, se non se levou a cabo, débese en parte ao poder misturado (ou ilexítimo?) do oligopolio eléctrico e o poder político de alternancia PP/PSOE.
Este tandem vixilou moito máis e mellor os intereses de grupo a curto prazo que as necesidades do subministro dun ben estrátexico como é a enerxía eléctrica, e así nos atopamos hoxe cos problemas dos prezos nun mercado comunitario que se rexe nun plano estrutural completamente distinto: menos vulnerábel, menos dependente do mercado mundial de hidrocarburos, en fin, cunha capacidade resiliente incomparábel mellor posicionada que a española. Non hai fóra quen nos afogue, foise o suficientemente irresponsábel para chegar a esta situación. Admitindo que irresponsábel é un que non sabe o que fai, neste caso non representa exactamente as accións de política económica estatal; podemos aseverar que os seus intereses non coincidían cos do ben público.
O uso do poder detentado deu como resultado que a situación actual sexa inmanexábel por moito que se queira contar co amparo político do amigo comunitario. Unha estrutura económica do sector eléctrico informe ou deforme non se amaña con medidas de política económica modeladoras dunha situación conxuntural. Uns hábitos de intervención/compadreo ou mesmo chantaxes por parte do poderoso oligopolio eléctrico non mudan da noite para a mañá. Son décadas de exercicio do poder e de constatar a relevancia do seu peso para que agora, por razóns de necesidade do ben común, exista un cambio de conduta: que lei económica dita a compensación a pagar ás eléctricas en función da fonte de xeración de enerxía? Por que non hai un pagamento lexitimado por lei para que as facturas do leite sexan distintas dependendo da idade, raza e cor das vacas? O leite (di o mercado dominante) é leite, e os consumidores dicemos: a enerxía eléctrica é idem. Non é racionalidade económica, é interese do oligopolio con poder de facturar de forma imaxinativa, mais sancionada pola lei española.
A Unión Europea é un clube de asociación voluntaria, mesmo, despois do Brexit, de saída posíbel demostrada, e, como en todos os clubes obra de asociación humana, con normas de funcionamento mudábeis, mellorábeis, moldeábeis, axustábeis ou suspendíbeis por causa de forza maior ou de necesidade manifesta. É dicer, as institucións comunitarias, a pesar de non gozar dun nacemento democrático, permiten un xogo político na dialéctica dos acordos que poderían ter permitido actuacións menos traumáticas no campo da política económica, e ben distintas das adoptadas. Foron e son lesivas a curto e a medio prazo, desde a perspectiva da economía española no seu conxunto e da economía galega en particular, aínda que ese é un capítulo á parte.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0