Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Quen manda? A invisible burguesía galega

Las galerías de cristal de A Coruña.

4

Leo unha entrevista en La Vanguardia con Manel Pérez, xornalista económico dese diario que acaba de sacar un libro acerca da burguesía catalá. Nese libro Manel Pérez arrisca un diagnóstico: “A burguesía catalá corre o perigo de ser un simple lobby”. Burguesía catalá, parece que a hai, e madrileña -Florentino, Villar Mir & Co.-, parece que tamén. 

Pero cando un intenta pensar algo concreto, máis ou menos definido, sobre a burguesía galega o certo é que o primeiro que se lle vén á mente, como un reflexo condicionado, é ese emoji que expresa perplexidade. Burguesía galega? Falamos do vento nas fragas? Da Santa Compaña? Do rumor da herba nos prados? Que clase de cousa sería a tal burguesía? Dende logo, habela, haina, pero é un obxecto tan vago e inconcreto, tan elusivo e disperso, que un non sabe que dicir. 

Parece, en realidade, asunto teolóxico. Todos lembrarán a anécdota de Santo Agostiño, que estaba reflexionando sobre a Santísima Trinidade cando viu a un neno na beira do mar que enchía un cubo de auga e verquía ese cubo nun furado na praia. Santo Agostiño, picado da curiosidade, preguntoulle “neno, que fas?”. Ao que o pícaro respostou: “Estou sacando toda a auga do mar e vouna poñer neste furado”. 

“Pero iso é imposible”, díxolle o santo, ao que o neno retrucou: “Máis imposible é comprender coa túa mente pequena o misterio de Deus”. E así é: a miña mente miníma, cada vez máis minúscula e confundida, non ten neuronas para dilucidar que clase de fenómeno raro e romboide é a burguesía galega.

Dende logo, ata onde sei, tampouco hai moita investigación ou doutrina sobre ela, especialmente a que está viva e coleando. Non se pode eludir a facilidade con que en Galicia e en España se tende a ocultar toda pegada do pasado incómodo que leve ao presente. Non convén molestar. Hai excepcións: Salgheirón, de Primitivo Carbajo é a crónica dun conflicto urbanístico en Cangas, un informe sobre o Grupo Massó e un relato da cultura do pelotazo inmobiliario. É un libro admirable. Admirable e valente, escrito gratis et amore e sen expectativas de beneficio. Xoan Carmona é, por suposto, a referencia inexcusable cando un quere ler algo sobre a historia industrial.

Sobre os habitantes das tumbas, tal vez hai algo máis. O economista Alberte Meixide coordinara hai tempo uns volumes sobre empresarios escritos por historiadores, meritorios e ilustrativos sen dúbida, pero que teñen o inextricable defecto de escribir sobre tempos pasados. Os economistas tamén tenden a evitar a excesiva precisión sobre o seu obxecto de estudo.

Suxiro máis que enuncio no meu libro Unha nova Olanda que a Guerra Civil marcou unha ruptura nas elites de Vigo e A Coruña. Non se entende o Vigo das décadas centrais do século XX sen Portanet, nin A Coruña ou a Galicia de fins dese século sen ter en conta a capacidade do lobby coruñés para marcar a axenda. Que as elites tenden a autorreproducirse paréceme de primeiro de sentido común. De Catón.

O que suxiro é que as preguntas de quen manda? quen ten o poder? non son nunca ociosas se un quere entender a física e a metafísica da sociedade na que vive. E está claro que as elites económicas e sociais teñen por escenario privilexiado o ámbito urbano. No caso galego, A Coruña e Vigo, especialmente. É evidente, pero o tipo de evidencia que tende a esquecerse. Cando un concentra a súa mente en ligar os elementos “Galicia” e “rural” o primeiro fenómeno que se produce é que “Ale, hop!”, cal Houdini, desaparece a pregunta sobre o diñeiro, quen o ten, como inflúe sobre o mando en praza, etcétera.  

O xornalista Julián Rodríguez escribiu hai anos un dos poucos textos que poderían contribuír a facer o mapa do asunto. Levaba por título Los señores de Galicia. Sería moi bo que alguén se animara -fanse teses doctorais sobre os asuntos máis peregrinos- a escribir un relato de conxunto que permitira enfocar o astigmatismo social. A crise de 2008 e os seus efectos, a desaparición das caixas e a súa compra por Abanca, o destino de Pescanova e Fadesa, o naval, a agroindustria, a resiliencia das conservas, os medios de comunicación; Inditex e Citröen como aparentes vértices da urdime coruñesa e viguesa; Coren en Ourense... Un E.P. Thompson da cuestión non viría mal para ofrecer algo de luz sobre o particular. 

Todos intuímos que a representación política desa burguesía é o PP. Desa gran burguesía e tal vez aínda máis dos constructores, dos concesionarios, dos pequenos armadores, dos comerciantes e das clases medias de grandes afectos aspiracionais. Hai que lembrar que a política consiste na xestión do poder, e que o poder fai relación aos intereses económicos. Para empresas como Inditex ou Citröen o poder que detenta a Xunta é mínimo, ridículo, pero para moitas outras pode ser determinante, para ben ou para mal ou, directamente, o principal cliente.

A min non deixa de sorprenderme que unha xestión tan mediocre coma a da última década, orfa de toda iniciativa positiva, teña tan contentos a determinados segmentos -imaxine o lector, por exemplo, a enorme cifra de empregos cualificados que desapareceron co afundimento das caixas e do Banco Pastor- pero algo lles dará. Ou tal vez, simplemente se trata de que a mediocridade nos anega e/ou de que o nivel de esixencia é mínimo. Vaia vostede saber. A alma da xente é inescrutable.

Pero tal vez hai matices. Unha parte do diñeiro ha de ter relacións coa consuetudinaria oposición, que non o é en ámbitos económicamente significativos, comezando polo goberno central. Ao fin e ao cabo, hoxe mesmo, as grandes cidades e as deputacións están gobernadas pola coalición PSdeG-BNG. En realidade, podería dicirse que existe en Galicia unha sorte de cohabitación.

Por certo que, se lembramos o pasado, a lea máis grande do bipartito estivo determinada polo plan eólico. A reacción do PSdeG ao intento de Anxo Quintana de dotarse dunha contorna empresarial foi feroz. Como acabou xa se sabe. As relacións cos medios tamén deitan grandes leccións para o futuro...

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats