eldiario.es

9

GALICIA

Ricardo Carvalho Calero, intelectual do século

Trinta anos despois da súa morte, a Real Academia Galega homenaxea o autor da primeira novela en galego da posguerra e teórico principal do achegamento ortográfico da lingua ao portugués

Preso logo de facer a guerra no bando republicano, foi en 1972 o primeiro catedrático de lingua galega da universidade en Galicia

Álvaro Cunqueiro, Francisco Fernández del Riego e Ricardo Carvalho Calero na Compostela da II República.

Álvaro Cunqueiro, Francisco Fernández del Riego e Ricardo Carvalho Calero na Compostela da II República.

A vida de Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 - Compostela, 1990) atravesa o século XX e todas as súas fracturas. Formado sentimental, cultural e politicamente na República, militante do Partido Galeguista, intelectual comprometido durante toda a súa existencia, fai a Guerra Civil no bando democrático e pasa dous anos na cadea. Sae en liberdade provisional en 1941, pero queda inhabilitado como profesor no ensino público. Na posguerra participa na reconstrución cultural do galeguismo, escribe literatura e investigación, prescribe sobre literatura galega, exerce a docencia en escolas privadas e, a partir de 1965, de novo na pública. En 1972 convértese no primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da universidade galega.

Nos últimos anos da súa vida, foi a lingua, a súa historia e perspectivas, a que ocupou o centro das súas preocupacións. Defensor e principal teórico do achegamento ortográfico do galego ao portugués, o seu posicionamento valeulle a ruptura con moitos dos seus compañeiros de xeración e o afastamento das institucións culturais oficialistas. Porén, o seu maxisterio docente serviulle para deixar unha potente pegada sobre o alumnado. No seu 29 cabodano, o Plenario da Real Academia Galega (RAG) á fin decidiu dedicarlle o Día das Letras Galegas 2020. Era a súa sexta vez consecutiva como candidato. “É unha figura moi representativa”, explica o presidente da Academia, Víctor Freixanes, “da resistencia do galeguismo do interior, do exilio interior. Homenaxealo nas Letras era unha cuestión de xustiza”.

Pensador poliédrico, autor en todos os xéneros, investigador teimudo e disciplinado, polemista duro e crítico ás veces implacábel, hai moitos Carvalhos sobre os que reflexionar. Aquí vai o repaso a algúns deles coas achegas de Freixanes, a catedrática de Estudos Hispánicos e directora do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Bangor (Gales) Helena Miguélez-Carballeira, o presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL) Eduardo Maragoto e o crítico e escritor Xesús González Gómez.

O escritor

Carvalho Calero escribiu e publicou poesía ao longo de toda a súa vida. De Vieiros (1930) a Reticências (1990), a súa obra poética, que el entendía “vital, apaixonada, auténtica” en relación aos seus contemporáneos, non se atopa, porén, entre o máis recoñecido do seu labor literario. Xesús González Gómez é especialmente crítico con ela: “É un poeta moi menor do que poderiamos chamar Xeración da República, unha xeración que despois de 1936 quedou moi minguada. Non ten ningunha graza, nin poética nin lingüística”. O profesor Francisco Salinas Portugal, que en Voz e silencio (1990) realizou talvez a derradeira entrevista con Carvalho, sitúabao porén en coordenadas culturalista á par de Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesias Alvariño ou Xosé María Díaz Castro.

María Ignacia Ramos e Carvalho Calero

Carvalho Calero e a súa dona María Ignacia Ramos, María Silgar

Aínda que tamén incursionou no teatro -con varias pezas pouco representadas-, é talvez na narrativa onde a escrita de Carvalho acadou maior relevo. Desde logo histórico: o seu romance case neorrealista A xente da Barreira foi en 1951 a primeira novela en galego publicada despois da Guerra Civil. O libro retrata a decadencia da clase fidalga e a crise social do século XIX galego, a mesma materia que boa parte das narracións de Otero Pedrayo. Mais o seu estilo é moi distinto. “Porén, frente ao romantismo de Otero Pedrayo, A xente da Barreira é dun antirromantismo total, apenas ten valor de capacidade de enxendrar feitos o idealismo. Estou inserto dentro do neorrealismo que por aquela época dominaba tamén a literatura europea”, declaraba o autor a Salinas Portugal.

Carvalho Calero só escribiu outra novela, Scórpio (1987). “Interesoume moitísimo”, recorda Víctor Freixanes, “como retrato da súa xeración”. Mozos galeguistas republicanos protagonizan unha historia inzada de elementos autobiográficos, polifónica, segundo o propio escritor “unha verdadeira saga, unha verdadeira narración épica que presenta, nun momento moi conturbado da historia do noso país, o destino da xeración que fixo a guerra”. Fóra de catálogo durante anos, reeditouse en 2017. A súa peza literaria se cadra máis celebrada, a profesora Miguélez-Carballeira aponlle non obstante “a obcecación co ideal patriarcal feminino e a ubicuidade nos textos dos valores da masculinidade hexemónica”. “Como lectora”, engade, “é aí onde os seus poemas e romances perden flexibilidade, pois a expresión incesante da virilidade e a potencia sexual por parte dunha voz autobiográfica mal disimulada por veces esgana o texto”. Para se arrepoñer, propón unha lectura “crítica e feminista”.

O investigador

A Historia da literatura galega contemporánea (1963) é, coinciden as persoas consultadas, a gran síntese das pescudas de Carvalho Calero. “Foi fundamental no estabelecemento do canon literario galego”, indica Eduardo Maragoto. O ensaio parte das primeiras manifestacións escritas en galego após os chamados Séculos Escuros e chega á súa propia xeración. Elaborada por encargo da editorial Galaxia -á que estivo fortemente vencellado-, supón, en palabras de Xesús González Gómez, “o inicio dos estudos literarios en Galicia. Até Carvalho, deixando de lado acertos ou erros, todo era amateurismo. Infelizmente, aínda non se escribiu a historia da literatura galega contra Carballo. Os historiadores non foron quen de fuxir das redes carvalhocaleristas e a da súa periodización”. Non todo son flores, claro: “Un le esa obra e pode aprender moitos nomes que escribiron en galego, pero nada da sociedade en que se producía esa literatura. Foi consecuente coa súa concepción da crítica, maiormente estilística, pero hoxe obsoleta”.

“A súa Historia é un monumento”, discrepa Freixanes, para quen unha das maiores virtudes de Carvalho Calero foi a súa axuda para “sistematizar o coñecemento”. O presidente da Academia lembra que os seus estudos sobre lingua e literatura foron propostas de Galaxia. “Era un home moi entregado e comprometido, disciplinado, e conseguiu fornecer de materiais didácticos que, sobre todo para as xentes da miña xeración, foron imprescindíbeis”, anota. Foi o caso da pioneira Gramática elemental del gallego común (1966). Maragoto lembra que a formación de Carvalho non tiña a ver coa lingüística, malia o seu coñecemento profundo do idioma, pero que as “necesidades” do movemento galeguista o levaron nesa dirección e acabaron por erixilo no “filólogo do galeguismo con maiúsculas”. Esta mudanza de rumbo conduciríao, a partir da caída da ditadura, a pensar cada vez máis sobre a cuestión sociolingüística e a defender a “acomodación ortográfica” do galego ao portugués.

Ricardo Carvalho Calero

Ricardo Carvalho Calero

Helena Miguélez sitúa os esforzos investigadores do autor dentro do “modelo gañador do que se entende por cultura galega resistente no século XX, a que apostou pola institucionalización dunha alta literatura en galego”. “O esforzo por fixar un rexistro culto para a lingua, a alta escrita literaria, a consolidación da filoloxía galega na universidade, a historiografía literaria nacional galega... en todos os empeños participou como perito”, argumenta. Pero axiña contextualiza esa realidade: “Como home burgués e heteropatriarcal, daba a medida para tal modelo de institucionalidade cultural que el e os intelectuais da súa quinta consolidaron, en beneficio do país e de si mesmos. Blanco Amor, por exemplo, no valería. Tampouco María Silgar, dona de Carvalho e tamén escritora, para a cal non houbo mais papel na historia có de axudante invisíbel”.

O profesor

Víctor Freixanes recibiu aulas de Carvalho Calero nos cursos 1970-1971 e 1971-1972 na Universidade de Santiago de Compostela. “A el débolle o ordenamento da información”, relata, “nós chegabamos cheos de entusiasmo galeguista, pero sen máis fontes que o autodidactismo. El viña coa súa disciplina, a súa metodoloxía e o seu distanciamento, e dábanos datos e materiais contrastados que nos axudaban a xerarquizar”. Para Freixanes, el mesmo novelista, a dimensión docente de Carvalho é fundamental “mesmo para a súa dimensión de investigador”. “Como poeta e narrador descubrímolo despois”, lembra.

Dalgún xeito concorda Eduardo Maragoto, para quen a característica máis salientábel dos escritos ensaísticos de Carvalho Calero é “o moi ben que se len na actualidade. Os seus estudos lingüísticos teñen moita actualidade”. O didactismo e a tolerancia, “un estilo moi comprensivo coas circunstancias concretas en que se atopa o interlocutor”, son, ao seu ver, elementos “interesantes” para os tempos que corren. Mais en concreto, chama a atención sobre “o moito que se pode aprender” da materia que máis o ocupou no tramo final da súa existencia: a continuidade entre galego e portugués e “a necesidade de modificar a ortografía para se coordinaren” as linguas. Este posicionamento afastouno de galeguistas coetáneos aos que, no grupo Galaxia, estivera tan vencellado. Algúns, de feito, sentaban en lugares chave da institucionalidade cultural oficial posfraquista: Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego. E foi a orixe de polémicas e desencontros.

A polémica

A coordinación da ortografía do galego e o portugués “acabou sendo a preocupación máis importante nos seus últimos 15 anos de vida”, sostén Maragoto, que preside a entidade da que o propio Carvalho Calero foi membro fundador en 1981, a AGAL. As súas posturas lingüísticas alicerzaron o desenvolvemento inicial do denominado reintegracionismo, segundo o que galego e portugués conforman unha única lingua. “Carvalho Calero sería para Galicia como Pompeu Fabra para Catalunya, só que frustrado. Porque as súas ideas non triunfaron como si triunfaron as de Pompeu sobre o catalán”, di, “mais a victoria de Carvalho vai ser póstuma e acabará sendo recoñecido á altura dun Pompeu”.

O presidente da Real Academia Galega, porén, matiza. Para Freixanes, “a polémica da ortografía, sobre a que Carvalho tiña unha posición moi meditada e por suposto lexítima, embafa a riqueza da súa traxectoria”. Admite que está de fondo de certa marxinación á que Carvalho foi sometido polo oficialismo. Por que un intelectual da influencia, o relevo e os traballos del tardou vinte anos en ser protagonista do Día das Letras Galegas (para obter a distinción debe transcorrer unha década desde a morte)? “É bastante evidente”, responde, “houbo un desencontro entre compañeiros de xeración que deixou feridas. Houbo que agardar á entrada de novos académicos, algúns discípulos de Carvalho e mesmo en desacordo, como Fernández Rei ou Manolo González, para facelo”. “Este debate é incómodo para moita xente, son capaz de entendelo”, contrapón Eduardo Maragoto, “pero iso non significa que non haxa que dalo. A cultura galega non estaba talvez madura para afrontalo, mais o tempo cura todo e a discusión empeza a facer sentido”.

Moi diferente é o ángulo desde o que observa Helena Miguélez-Carballeira. Na súa opinión, é inxusto entender Carvalho Calero como un outsider. “Non é un paria da institucionalidade que o homenaxea este ano, senón un dos seus arquitectos”, sinala. Para ela, os “silenciamentos periódicos” desde esas mesmas institucións e o “paroxismo encomiástico” co que responden quen di “reclamar o seu legado desde as marxes” deriva “nunha performance deseñada para obstaculizar unha crítica radical do elitismo, clasismo e sexismo inherentes á cultura institucional galega e aos seus debates constitutivos, incluído o debate sobre a normativa lingüística”. Nun espazo próximo móvense as consideracións finais de Xesús González Gómez. “Hoxe Carvalho só interesa como cabalo de batalla, o que é unha inxustiza para el, unha máis”, expresa, antes de concluír: “Acho que a Academia debía prorrogar o ano Carvalho ao 2021 e a ver si así, dunha vez por todas, intentamos pór os puntos sobre os ís, lonxe de conspiranoias, partidismos de casino vilego e outras idioteces”.

Muy Bien, has hecho Like

¿Qué tipo de error has visto?
¿La sugerencia que quieres realizar no está entre estas opciones? Puedes realizar otro tipo de consultas en eldiario.es responde.
Error ortográfico o gramatical Dato erróneo

¡Muchas gracias por tu ayuda!
El equipo de redacción de eldiario.es revisará el texto teniendo en cuenta tu reporte.

Comentar

Enviar comentario

Comentar

Comentarios

Ordenar por: Relevancia | Fecha