Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
La portada de mañana
Acceder
El concejal y la funcionaria de Chamberí que negaron licencia de obras a la pareja de Ayuso acabaron fuera de sus puestos
El PP de Feijóo cierra filas con Isabel Díaz Ayuso
OPINIÓN | '¡No disparen al periodista!', por Raquel Ejerique
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

A man visible

Autobuses de Monbus en una estación

0

Á Comisión Galega da Competencia, investigar se Monbus e Alsa puxeran en marcha prácticas prohibidas para repartirse o mercado partíalle toda a tarde. Así que preferiu arquivar a denuncia, esgrimindo que non había indicio ningún, pese a que ambas as dúas empresas nunca se presentaron unha contra a outra nos 29 lotes en que a Xunta repartiu o concurso para as liñas de autobús. Nos cinco principais, onde estaba a pasta, foron xuntos, formando unha UTE. Nos outros 24, se se presentaba un, non se presentaba o outro. “Casualidá”, debeu pensar o encargado do procedemento, mentres seguía co Wordle. Esa é a versión amable.

A conspiranoica apostaría porque o mesmo encargado abriu un ficheiro encriptado baixo o título de “CONFIDENCIAL, MOI CONFIDENCIAL” e repasou o nome das empresas que se atopaban nel. Unha vez comprobou que tanto unha coma outra estaban no listado, colleu a denuncia, baixou ao soto e agochouna no último lineal, entre a Arca da Alianza e os contratos das gasolineiras de Marcial Dorado cos hospitais do Sergas, oportunamente traídos aquí dende Vigo antes de que un lume desgraciado e inesperado consumise moreas de documentos. Pero, insisto, esta é só a versión para os que cren que hai unha man que move o mundo, que abala o berce e que non sempre é tan invisible como nos contaron.

O Tribunal Superior tivo que chamar a capítulo a comisión e obrigala a abrir un expediente sancionador. Polo menos, que garde as formas. A título persoal, vou configurar unha alarma para dentro dun tempiño, só para que me lembre que teño que mirar en que rematou todo. Se se chegou a algo ou a denuncia volveu acumular po onda os contratos das gasolineiras… os supostos e conspiranoicos contratos, quero dicir.

Igual, polo medio, e como solución de consenso, o órgano que preside Ignacio López-Chaves pídelles que fagan acto de contrición e todo queda esquecido. “Lo siento, me he equivocado, no volverá ocurrir”. Ás empresas que presentaron ofertas idénticas para levantar a oficina central de emprego en Lugo serviulles. “Del caso no se habló más”, dirían Los Fabulosos Cadillacs.

Quizais a propia presenza de López-Chaves á fronte da Comisión nos dea unha pista de como entende a competencia o goberno galego. Trátase dun deses políticos que leva 20 anos caendo de pé: concelleiro, deputado, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, delegado da Xunta na cidade, presidente do Consorcio do Casco Histórico… Nos seus anos de azote do bipartito gañou a pulso o alcume de López-Llaves, polo seu reiterado emprego do castelán no ámbito institucional e a loita contra a suposta imposición do galego (foi un dos presentes da manifestación encabezada por Rosa Díez, Alfonso Rueda e Albert Rivera). Se entendía que o español corría perigo e que ambas as linguas competían en condicións de igualdade, normal que non vise nada raro no dos autobuses…

O caso é que aquí, polo menos, podemos felicitarnos pola actuación da xustiza, algo non demasiado habitual como imos ver a continuación. Xusto esta semana, a presidenta da Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, Cani Fernández (nome real, a López-Chaves de Madrid), denunciaba no Congreso que a Audiencia Nacional –a nosa querida e nunca dabondo valorada Audiencia Nacional– “suspende de xeito cautelar todas e cada unha” das multas que o organismo regulador impón ás empresas. Entende que o tribunal o fai así porque considera que, entre o interese xeral e o prexuízo que pode provocar á empresa dita sanción, “debe primar o segundo”. Acabáramos!

Esa, claro, é a interpretación de Cani Fernández. A interpretación conspiranoica diría que os xuíces da Audiencia abriron un ficheiro encriptado baixo o título de “CONFIDENCIAL, MUY CONFIDENCIAL” e, tras cotexar o nome das empresas que se atopaban nelROMPERON O ENCANTAMENTO DA MALVADA BRUXA E PUIDERON VIVIR FELICES PARA SEMPRE.

(Si, home, claro… Que pensades, que vou andar de carallada coa Audiencia Nacional…? HA! Mira, ata lle vou poñer unha gabanza no penúltimo parágrafo, para ver de espantar as meigas…).

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats