Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Vinte anos despois
Así se titulaba a segunda novela do Ciclo dos tres mosqueteiros e que foi publicada apenas un ano despois da primeira (non tentedes explicarllo a Núñez Feijóo). Pero estes días, por aquí, se falamos de vinte aniversario, temos que falar á forza do Prestige (Entra 'Chapapote de corrido', de Vantroi).
O pistoletazo de saída á conmemoración dérono, xa a un ano vista, os Chévere –quen se non!–, con esa xoia que é N.E.V.E.R.M.O.R.E. (volve aos teatros, non a perdades). Pero, segundo se vai achegando a data, multiplícanse os exercicios de memoria: podcasts, libros colectivos, máis podcasts, especiais de Salvados, algún podcast a maiores, reportaxes, suplementos… e algo que non debe pasar desapercibido: a solución (ou parte dela) a un dos problemas derivados da catástrofe. Porque, si, hai quen converte as crises en oportunidades… e hai quen as converte en novas crises, como a do porto exterior da Coruña.
24 de xaneiro de 2003. Apenas dous meses despois do accidente, José María Aznar decide celebrar o Consello de Ministros nun Pazo de María Pita blindado e convertido nun fortín. Podía telo feito en Vigo, que daquela tiña alcaldesa popular, Corina Porro, aka Perly (o alcume está na wikipedia), pero seguramente aceptar a invitación do rival político (nominalmente, polo menos) tiña moito máis morbo. Sen esquecer a opción xeopolítica de decantarse polo lobby do norte e non polo do sur (si, daquela o país aínda se dividía en catro provincias e dúas caixas de aforros).
Mentres centos de manifestantes eran contidos por unha liña de antidisturbios no exterior da praza, dentro do pazo municipal, Aznar anunciaba o Plan Galicia, o maná que tiña que sacar a comunidade da crise provocada pola errática xestión do rumbo dun petroleiro ferido, que o propio Francisco Vázquez (a quen aquel día se lle concedeu a Gran Cruz da Orde de Isabel a Católica) propuxera bombardear.
Como un neno de San Ildefonso, Aznar vai debullando as grandes infraestruturas. E, de súpeto, chega o momento: “Realización da análise da viabilidade do proxecto de porto exterior en A Coruña”. Acababa de saír o Gordo para a cidade, aínda que esas escasas trece palabras podían soar… algo ambiguas, pouco concretas. Como se non fose un proxecto meditado, senón un engadido de última hora, unha nota a boli para contentar a aqueles que foran o particular porto refuxio dun goberno que tamén facía augas…
Dende entón, as obras orzamentadas en 429 millóns de euros disparáronse ata os 1.000. Cinco traballadores perderon a vida na construción dun porto que non chega nin ao 10% da actividade prevista e que está a piques de facer quebrar a caixa da Autoridade Portuaria. En plena burbulla inmobiliaria apostaron por financialo vendendo o solo dos peiraos urbanos que quedarían sen uso. Esa idea segue hoxe á espera, igual que a conexión por ferrocarril.
Entrementes, viu como as promesas de Feijóo –en rigoroso directo e interrompendo a programación da TVG– de levantar alí unha base a petroleira Pemex, se perdían como bágoas na choiva. (Ou máis ben como fume).
Agora, xusto vinte anos despois da catástrofe que provocou o seu nacemento, a dársena de Punta Langosteira volve ao foco. E non porque se vaia trasladar para alí a planta de ENCE (que ben podería ser). Todo apunta que será no porto exterior onde Maersk instale o núcleo de produción de metanol verde que creará 4.000 empregos directos e chorrocentos mil indirectos. Como se alguén quixese conmemorar o aniversario dándolle –por fin– un sentido a esta obra faraónica.
Só tardaron vinte anos. Por iso non perdo a esperanza coa Cidade da Cultura.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0