Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
Entre dúas épocas
Estamos a cabalo, querido lector, entre dúas épocas. Non o percibes? Hai algo que se está indo, un mundo que se vai. Non xa o mundo de antes, fose o que fose, en plan Stefan Zweig, ou o das inacabables vidas narradas, reais ou imaxinarias, de nenos labregos. Os anos 80 e 90, esa nova Belle epoque na que Alaska cantaba Ni tú ni nadie, Francis Fukuyama decretaba a Fin da Historia, Madonna aínda arrasaba e no cine poñían Pulp Fiction está a unha distancia sideral, da que nos chega o leve ruído do fondo do universo. Santiago de Compostela era a bomba, a URSS caía e na ría de Arousa non se poñía o sol para o narco. Marlon Brando en Vilagarcía fumando Winston. Los caballeros fumamos Jean.
Era unha época -aínda era unha época- na que o progreso era algo que estaba por diante, un sol alegre e luminoso, e non era esa morna chuvia gris, esa vaga memoria ou nostalxia dun pasado indefinido na que se converteu. Que foi o que quedou atrás? A Ilustración? Pode ser. Dende logo, a era do movemento obreiro.
E cara onde imos? As redes fannos estúpidos e roúbannos a atención (Nicholas Carr&Simone Weil). Estamos na era Neobarroca, como anunciaba Omar Calabrese? Ou nunha Nova Idade Media, como hipotetizaba Umberto Eco? Como o cangrexo, camiñamos cara atrás. Niso hai que estar dacordo con Umberto antes de morrer. Somos todos, absolutamente todos, unha enorme secta de gilipollas? Só é unha pregunta.
Mais a pé de obra, que clase de cousa é Galicia ? Non a imaxinaria, a que todo quisque identifica non consigo mesmo a día de hoxe e en corpo presente, co seu Audi, o seu Netflix, as vacacións en Canarias ou Venecia –la finesse- e as tardes en El Corte Inglés, senón coa súa infancia. Le paradis ou l´enfer perdu. A interpretación é un acto inacabable, porque o suxeito que interpreta e o real interpretado non paran quietos. E así non hai maneira.
Un país hibrído. Non é rural, a pesar do imaxinario. Tampouco é satisfactoria ou enteiramente urbano. Unha pota na lareira? Un melting pot daquela maneira. Hai unha Galicia das piscinas e moito barrio obreiro periférico. O mundo periurbano rules? Só é unha pregunta. Lanzar unha hipótese.
Capitalista si é. Como sempre, pero un pouquiño máis. Ou moito máis. Capitalismo bucólico, in a galician way? Euquesei. Sócrates. Euquesei. Euseino: pero Lema, home, Eu sei que vou te amar. Desesperadamente. Unha sociedade polarizada no social e político? Máis que onte, pero menos que mañá, pero non tanto como a capital. A de España. Ou iso parece. Ayuso y cierra España.
Os nenos. Viven en Galicia? Para moitos o inglés está presente, moito máis presente que o antigo idioma antigo do país. Xa saben de que idioma falo. Non é necesario que precise. Falemos sobre a porcentaxe na que isto sucede, como tempos por costume. Enquisas. Estatísticas. E por suposto, o manga é ese xénero, moitíííísimo máis comprensible para eles que as memorias famosas do famoso neno labrego, que é como se pasaran en Corea. Do Sur. Ou do Norte.
Por certo, xa me teñen contado as súas memorias nenos labregos que resultaron medrar, e gañar uns cartos -uns millóns de nada- e ir de Estambul a Beijing, e andar con gardacostas e tal. Pero, no fondo, eran aqueles nenos, claro. Todo o mundo ten dereito a ter un paradis ou un enfer. Si vous voulez... As you like. En canto a min, os meus heroes son Musil e Zelig.
Alcaldes. O alcalde máis célebre de Galicia o é dunha das capitais cunha infraestrutura cultural máis pobre de España. Pero o seu modelo é Disney: entretemento e espectáculo. Gran éxito. Hai eleccións municipais. Que cidades queremos? Euquesei. Alcalde: “Euquesei”.
Agora hai máis xente con carreira ca nunca. Son máis intelixentes, saben máis, teñen máis sentido común os licenciados con tese -PhD- que os seus pais? Ou son tecnoidiotas? Expertos no seu, universalmente ignaros en todo o demais. Democracia. Así a construímos. A IA está aí. Para facer máis confusa a confusión. Pero todo é líquido. Bauman. A moral tamén é líquida.. Ou post-ilustrada. Outra era. A era do cinismo ilustrado (Sloterdijk). Había que comezar por aquí. Ou non (Mariano).
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
0