Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Na TVG non hai incendios

Imagen de la CRTVG.

2

Teño un tío que traballaba para unha axencia de noticias cando Fraga aínda era presidente da Xunta. O seu cometido era ir gravar sucesos noticiábeis, acompañado por un redactor, e despois vendérllelos ás cadeas de televisión. Contoume un lote de curiosidades sobre aquel traballo, como por exemplo que determinados programas matinais só compraban imaxes se había sangue nelas. Unha vez foron gravar un incendio que desfixo por completo un edificio no centro dunha vila; cando chamaron ao produtor de informativos da CRTVG para ofrecer as imaxes, a conversa, segundo me contou, desenvolveuse tal que así:

-Ola, temos unhas imaxes do incendio de…

-Pero ti non sabes que na Galiza non hai incendios?

-… do incendio dun edificio.

-Ah! Dixéralo antes! Daquela si que nos pode interesar.

Na CRTVG de Fraga, que debía ser a de todos pero non era, estaba prohibido falar de incendios forestais so pena de desterro ás profundidades da quenda de noite, como mínimo. A prohibición estaba tan interiorizada que, de buscar na hemeroteca dos principais diarios os editoriais de agosto de 2006, unha podería pensar que os montes galegos se mantiveran incólumes até aquel verán, no que comezaran a arder espontaneamente, xusto ao tempo que o bipartito se afianzaba no seu segundo ano de lexislatura.

Outras medidas propagandísticas extremas daquela TVG se cadra non acadaron tan ben o seu propósito, pero permanecen na memoria colectiva, como o gag recorrente de que xamais veriamos a Fraga camiñando, ou a prohibición de empregar a expresión “marea negra” durante o Prestige. A cobertura do meirande desastre ecolóxico do país chegou a ser tan vergoñenta que o ente público acabou mandando equipos de produtoras contratadas que non levaban o distintivo da TVG nos coches nin nos micros, para evitar que os veciños da Costa da Morte os botasen das súas vilas nada máis velos.

Á CRTVG de Sánchez Izquierdo, que vén sendo a de Feijóo (a Alfonso Rueda non o sacan pixelado pero segue a ter menos presenza nos informativos que o flamante xefe da oposición española), a consigna de “non hai incendios” quedoulle pequena. Na Galiza de Sánchez Izquierdo non hai incendios nin hai oposición ao PP na Xunta. Por non haber, non hai nin inflación, e coitado o redactor que se atreva a afirmar o contrario tirando de datos públicos e contrastados, porque de seguida vai recibir unha comunicación fulminante de cambio de posto de traballo, e iso só porque o ente público non ten delegación en Kamchatka. Non é a primeira vez que o departamento de recursos humanos emprega a táctica do traslado forzoso para expurgar xornalistas críticos, pouco compracentes ou (Deus nos libre) independentes. As represalias véñense sucedendo desde aquel venres de hai case cinco anos no que as caras visíbeis do medio decidiron facer público o seu malestar coas inxerencias políticas do seu director xeral vestindo de negro. Profesionais suspendidas de emprego e soldo mediante argucias, traslados forzosos por negárense a cambiar noticias ao gusto do señor director xeral ou por faceren comentarios críticos co PP nas súas redes sociais persoais, vulneración dos dereitos sindicais, expedientes disciplinarios anulados en última instancia pola xustiza... Esta semana coñecemos a nova doutro traslado, o da presentadora do Vivir aquí, que criticou a Feijóo nas súas redes sociais en calidade de vítima do terrorismo. Vése que ao ex-presidente lle proen máis as críticas segundo de qué colectivos veñan, porque o ente decidiu prescindir dela na tele despois de 30 anos de presentadora e, para que pareza un accidente, atrevéronse mesmo a cancelar o seu programa, que se mantiña estable na grella da TVG.

O Comité Intercentros denunciou tamén estas represalias, e a xustiza acabará por darlle a razón a moitas das traballadoras trasladadas ou expedientadas, como xa aconteceu en moitas ocasións. A oposición volverá denunciar no Parlamento o incumprimento da Lei de Medios, o Colexio de Xornalistas pedirá explicacións pola vulneración de dereitos laborais e, con sorte, a Valedora do Pobo emitirá unha tímida recomendación ao respecto. Mentres tanto, Sánchez Izquierdo tirará outra páxina do manual de xestión liberal de Margaret Thatcher e seguirá a manterlle o pulso impasíbel ao colectivo de traballadores outro venres negro máis, porque tanto ten se es un mineiro de Yorkshire ou unha redactora do Telexornal, as protestas que se manteñen indefinidamente acaban por desgastar a quen protesta. Van tantos venres negros que xa fan parte dos nosos automatismos semanais, e os automatismos son os que converten os traxectos habituais nos máis perigosos, por iso as traballadoras e traballadores da CRTVG encetan agora varias xornadas de folga, para nos espertar a todos.

Poderiamos caer na tentación de pensar que a protesta na CRTVG é só unha cuestión laboral, que loitan polos seus dereitos, e só con iso sería abondo, pero é que estas protestas de traballadores son tamén para nos defender a nós, que merecemos uns medios públicos á altura do seu cometido.

Levamos tantos anos de destrución sistemática de mais un servizo público, suspensión de programas, peche de redaccións territoriais, externalización (léase “privatización”) da produción a empresas de dubidosa política laboral..., que é fácil esquecer para que serve unha tele ben feita. E neste punto permítanme que me poña sentimental e cite un só exemplo: Xabarín Club. Que me perdoen escritoras contemporáneas e profes de lingua e literatura, sei que unhas e outras sempre queremos ter parte no asunto, pero o Xabarín Club foi o meirande vehículo de transmisión, preservación e posta en valor da lingua galega dos tempos modernos. Descubrimos que as mellores personaxes, as máis modernas, falaban galego, que podiamos ir concursar á tele no noso idioma e que en galego había un mundo de músicas, alén da tradicional. Unha xeración enteira de neofalantes podemos dar testemuño do que iso supuxo para nós.

Sei que o Xabarín Club segue a existir na grella da Galega 2, enmagrecido, desmembrado e servindo en anacos a enésima reposición daquelas series que eran de estrea hai trinta anos, un exemplo perfecto da destrución intencionada da nosa televisión pública. Se vostedes son máis de radio, podemos falar do Diario Cultural, a vangarda da información cultural do país que agora escoitamos convenientemente esnaquizado e escagallado ao longo da xornada. Un coma outro foron programas sobranceiros, símbolo da CRTVG que podía ser, e se cadra por iso houbo interese en domesticalos. Se eu fose da sección de Deportes da Radio Galega, andaría á espreita estes días.

A mesma semana da folga na CRTVG asistimos marabillados ao apoio unánime dos compañeiros do comentarista británico Gary Lineker despois de que a BBC lle propinase un sánchez-izquierdazo polos seus comentarios políticos en Twitter. “Se isto pasase aquí...” chiei eu, escéptica, porque na rede social do paxariño unha sempre debe parecer escéptica. Pero resulta que aquí xa pasara. Que unha folga apague o fútbol dos medios é algo nunca visto neste país, algo que transcende, e iso foi o que conseguiron os camaradas de Deportes o 6 de marzo ao secundar unanimemente o paro, e se non estamos a falar dese feito histórico tanto como do que fai ou deixa de facer a BBC se cadra é porque temos a mala costume de pensar que aquí nunca levantamos a cabeza, cando a historia se empeña en lembrarnos o contrario.

A BBC, acurralada, rectificou con Lineker, pero se algo sabemos do director xeral da CRTVG é que nin rectifica, nin retrocede, nin deixa prisioneiros. Preguntado en sede parlamentaria, Sánchez Izquierdo reduciu a folga a “incidencias laborais” coa mesma contundencia coa que nega os incendios, mentres toca a lira e contempla como arde San Marcos. Se queremos que quede algo en pé dos nosos medios públicos, se cadra chegou o momento de facer como os veciños enlamados de chapapote con aqueles coches da TVG: agardalo na entrada da vila e botalo fóra.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

stats